27.5.09

Let's get busy!




Esa era a frase que daba comezo ao xogo arcade do ano 90 que vedes enriba: o Hammerin' Harry (Izuke! Gen San! en Xapón). O xogo era curioso, pois o protagonista era un nacho cun mazo enorme que pelexaba contra os xefes da empresa que lle derrubara a casa. A fin de contas un arcade de plataformas na tradición do Super Mario Bros (pero con fases máis grandes), o Alex Kidd e tantos outros da época dourada das salas de xogos (cantos macarras de baixa calidade se terán formado nelas?). Por certo, se queredes xogar a ese xogo non tedes máis que descargar un emulador e a rom do xogo. O emulador máis famoso é o Mame 32 (Multi Arcade Machine Emulator 32) que é unha mina para os que fomos nenos nos anos 80.
Como prometín, haberá que poñer un problema dun nivel un pouco superior. Tampouco me quero pasar, a ver que tal vai este:

Cada tarde María colle o coche para ir buscar ao seu irmán á estación. Sae de casa sempre á mesma hora, toma sempre o mesmo traxecto e conduce á mesma velocidade para chegar á estación exactamente ás 18:30, xusto cando chega o tren do seu irmán. Volven xuntos polo mesmo camiño e á mesma velocidade. Pero un día o seu irmán colle un tren que chega á estación ás 18:10, e sae andando cara á súa casa. Atópanse polo camiño, e chegan á casa 10 minutos antes que outros días. A pregunta é:

Canto tempo tivo que andar o seu irmán?

Por se vos perdedes entre as palabras, poño outro máis sinxelo de analizar:

Tentade dividir a seguinte figura en 4 anacos da mesma forma e tamaño. A figura está composta por un cadrado e un triángulo igual á metade dese cadrado adosado a el (o triángulo ten por hipotenusa a diagonal do cadrado)



E despois dos problemas non podo deixar pasar a ocasión, así que ollade a primeira fase do Hammerin' Harry:

2 comentarios:

  1. Tienes que dividirlo en cuatro figuras identicas a esta pero con un cuadrodo que es la cuarta parte del inicicial y un triangulo cuya hipotenusa es la diagonal del cuadrado resultante.
    cts

    ReplyDelete
  2. Perfecto. Só un comentario: tenta explicalo así nunha clase de 2º de E.S.O.. Era boa!

    ReplyDelete