21.8.09

E agora algo completamente distinto

Parafraseando (one more time) aos Monty Python. Pois hoxe non vou escribir nada sobre Matemáticas (nin sequera un problema de lóxica). E isto débese que o que máis me chamou a atención estes días é un feito de Psicoloxía, non de Matemáticas (para os que crean que as Matemáticas están en todas partes, vale, este post vai sobre razoamento e formas de pensar).

Lin o outro día en Cognitive Daily (en concreto aquí) que as diferenzas cognitivas entre os nenos de 3 anos e os de 4 anos levan a que dean distintas respostas ante o seguinte experimento:
Imaxinade unha nena, Sally (para deixar o mesmo nome que no orixinal, moitas Sallys por aquí non hai-polo momento). Está a xogar cunha pelota, e ten diante unha caixa e un cubo. Sally pon a pelota na caixa e lisca á cociña a coller unha bebida. Mentres ela está fóra, Bill colle a pelota da caixa e pona no cubo. Cando Sally volve ao cuarto, onde buscará a pelota?

O interesante é que a maior parte dos cativos de 3 anos contestarán que buscará no cubo, é dicir, non se decatan da diferenza que hai entre o que sabe Sally e o que saben eles porque estaban presentes cando Bill colleu a bóla. Segundo algúns investigadores isto sucede porque os nenos desa idade aínda non teñen formada unha "teoría da mente", e non entenden que outra xente pode ter pesamentos independentes dos seus. Por outra banda, os nenos de 4 anos non adoitan ter problemas con esta situación.

Isto lévame a recoñecer aínda máis o traballo dos compañeiros de Educación Infantil. Que difícil semella chegar a ensinar a nenos desas idades, cando non teñen estruturas mentais que os profesores de niveis posteriores supoñemos construídas.


E agora observade este vídeo feito con técnicas tradicionais de animación:








E finalmente un clásico dos xogos pre-Internet: tedes que apagar tódalas luces en cada fase, tendo en conta que cada vez que premedes unha luz, cambia de estado esa luz e tódalas luces ao lado dela (como moito catro máis, as que forman unha cruz)
É este: Lights Out

10.8.09

Limpando as arañeiras




Dez días despois do último post estou de volta e con ganas de escribir. Nestes días teño visto cousas ben interesantes pola rede. Como mostra unha imaxe realmente impactante, e cun título do máis lírico:



Like the fist of an angry god

É dicir, "Como o puño dun deus anoxado". Como podedes comprobar en Discover Magazine, a imaxe foi tomada pola nave Cassini e corresponde ao anel F de Saturno, e aínda non está claro o que ocorre, pero semella o máis plausible que algún obxecto impactara nese estreito anel. Os científicos da NASA están a traballar para saber que foi realmente o que sucedeu.





Tamén nestes días lembrei un xogo que coñecía hai arredor de dous meses: Today I die. Non é un xogo común desde ningún punto de vista: non hai que ser especialmente rápido, nin por suposto matar a ninguén, os pixels danlle un aire totalmente retro (que nos leva de volta aos tempos do Pac-Man)... Pero todo iso é irrelevante. É difícil de transmitir en que consiste o xogo sen escachar a diversión (non, non é esa a palabra), así que botádelle un ollo, só leva minutos rematalo. O enlace que puxen leva ao xogo orixinal en inglés, pero á dereita tedes un menú con algúns idiomas. Probádeo, de verdade, paga a pena.


E agora un problema de lóxica da vella escola visto en Problem Solving through Recreational Mathematics, de Bonnie Averbach e Orin Chein.

Os tres irmáns Turner teñen un mal costume: cada vez que lles preguntan calquera cousa, dous din a verdade, e o último mente. Cando eu lles preguntei cal nacera antes, contestaron:

  • Werner: Virna naceu a primeira.
  • Virna: Eu non son a maior.
  • Myrna: Werner é máis vello.
Cal é o maior dos irmáns?


Abur!