10.8.09

Limpando as arañeiras




Dez días despois do último post estou de volta e con ganas de escribir. Nestes días teño visto cousas ben interesantes pola rede. Como mostra unha imaxe realmente impactante, e cun título do máis lírico:



Like the fist of an angry god

É dicir, "Como o puño dun deus anoxado". Como podedes comprobar en Discover Magazine, a imaxe foi tomada pola nave Cassini e corresponde ao anel F de Saturno, e aínda non está claro o que ocorre, pero semella o máis plausible que algún obxecto impactara nese estreito anel. Os científicos da NASA están a traballar para saber que foi realmente o que sucedeu.





Tamén nestes días lembrei un xogo que coñecía hai arredor de dous meses: Today I die. Non é un xogo común desde ningún punto de vista: non hai que ser especialmente rápido, nin por suposto matar a ninguén, os pixels danlle un aire totalmente retro (que nos leva de volta aos tempos do Pac-Man)... Pero todo iso é irrelevante. É difícil de transmitir en que consiste o xogo sen escachar a diversión (non, non é esa a palabra), así que botádelle un ollo, só leva minutos rematalo. O enlace que puxen leva ao xogo orixinal en inglés, pero á dereita tedes un menú con algúns idiomas. Probádeo, de verdade, paga a pena.


E agora un problema de lóxica da vella escola visto en Problem Solving through Recreational Mathematics, de Bonnie Averbach e Orin Chein.

Os tres irmáns Turner teñen un mal costume: cada vez que lles preguntan calquera cousa, dous din a verdade, e o último mente. Cando eu lles preguntei cal nacera antes, contestaron:

  • Werner: Virna naceu a primeira.
  • Virna: Eu non son a maior.
  • Myrna: Werner é máis vello.
Cal é o maior dos irmáns?


Abur!

1 comentarios:

  1. meente werner, wernwe e o mais vello, virna a do medio e Myrna a mais xove.

    Tamen pode mantir mirna, porque arriba dis, dous din a verdade e o ultimo mente, jajaja

    ReplyDelete