2.10.09

Os premios IG Nobel

Onte estaba de mal humor e escribín un post que o deixaba ver claramente. Menos mal que o deixei gardado como borrador para publicalo hoxe, porque neste momento, curiosamente despois dun exame (proposto por min, eu non fixen ningún, iso si que sería raro), estou de bastante bo humor.
Ademais estiven rindo un rato cos premios IG Nobel deste ano, cousa que comparto convosco.
Por se non o sabedes (levan uns anos aparecendo incluso nas televisións españolas), os IG Nobel son uns premios en clave de humor que veñen recompensar os traballos científicos máis estraños, inverosímiles e, ás veces, ridículos desenvolvidos durante o ano. O nome IG Nobel remite á palabra ignoble, que significa en inglés innoble. Pois ben, a lista de premiados deste ano comprende dez áreas de investigación distintas, das que eu destacaría as seguintes:
  • IG Nobel de Medicina veterinaria:
Aos profesores Catherine Douglas e Peter Rowlinson of Newcastle University, Newcastle-Upon-Tyne, Reino Unido, por demostraren que as vacas ás que lles poñen nome dan máis leite que as vacas que non teñen nome.
  • IG Nobel da Paz:
Stephan Bolliger, Steffen Ross, Lars Oesterhelweg, Michael Thali e Beat Kneubuehl da Universidade de Berna, Suiza, por determinaren — mediante experimentos — se é mellor ser golpeado na cabeza cunha botella chea de cervexa ou cunha botella baleira.
  • IG Nobel de Química:
Javier Morales, Miguel Apátiga, e Víctor M. Castaño da Universidade Nacional Autónoma de México, por crearen diamantes utilizando líquidos — en concreto tequila.
  • IG Nobel de Medicina:
A Donald L. Unger, de Thousand Oaks, California, USA, por investigar unha posible causa para a artrite nos dedos, escachando os nocellos da súa man esquerda — pero nunca os da dereita — tódolos días da súa vida durante 60 anos!

Se queredes consultar a lista enteira, podedes vela no blog oficial ou, en castelán, en ALT1040.
No blog oficial ou na wikipedia tamen podedes consultar os premiados de anos anteriores. Lembro un que me gustara especialmente, o IG Nobel de Matemáticas do 2006, que premiou un estudo que investigaba o número de fotografías que hai que tomar para estar (case) seguro de que todo o mundo vai saír cos ollos abertos.

Tamén acabo de saber da publicación dun xogo que levaba tempo anunciado, Machinarium, do estudo de creación Amanita Design. Algúns de vós saberedes do xogo Samorost e a súa continuación, e como destacaban polo seu apartado gráfico. Pois Machinarium segue a mesma liña. Observade unha captura:


O xogo completo é de pago, pero pode acadarse unha demo desde DemoNews.

E para rematar este longo post, un problema clásico que coñezo hai anos. Se non o coñecedes xa, probade a ver:

Temos 6 moedas sobre a mesa, 3 de 50 cts. e 3 de 2 cts. Están ordenadas segundo se ve na figura. Hai que recolocalas de tal xeito que queden as 3 de 2 cts. á esquerda e as outras 3 á dereita. Claro que isto sería unha parvada se non houbese regras: hai que mover as moedas de 2 en 2, sempre moedas que estean colocadas consecutivamente, e o movemento ten que ser un deslizamento, así que nada de levantar as moedas.


Unha pista enorme: pódese resolver en só 3 movementos.

Ata outra!

4 comentarios:

  1. pos moi facil

    50-1 2-1 50-2 2-2 50-3 2-3

    1º paso
    moves la 50-2 y 2-2 hacia atras
    50-1 50-2 2-1 2-2 50-3 2-3

    2º paso
    moves la 50-3 y 2-3 hacia atras
    50-1 50-2 2-1 50-3 2-3 2-2

    3º paso
    moves la 50-3 y 2-3 hacia atras
    50-1 50-2 50-3 2-3 2-1 2-2

    y ya las tienes colocadas

    ReplyDelete
  2. A ver, Alberto, que creo que houbo un problema:
    O teu primeiro paso non se pode facer, pois non hai oco posible entre as moedas que chamas 50-1 e 2-1.
    Pensei que este problema era coñecido abondo para non concretar demasiado, así que non dixen todo:
    ao mover as moedas non se pode trocar a súa orde nin separalas. O que si se pode é deixar ocos na ringleira, menos ao final, claro.
    Para atopar a solución, faino con moedas poñendo o dedo índice e o anular sobre elas para movelas. A ver se sae agora.

    ReplyDelete
  3. no esk me confundi ui aro tengo un lio
    entonces en el primer paso tendria k kedar asi
    50-1 50-2 2-2 2-1 50-3 2-3
    y despues seguir como dije en el segundo y tercer paso solo k cambiando el numero a las de dos
    eso no fue k no lo supiera k este juego lo se pero fue una rrata al escribir
    adios

    ReplyDelete
  4. Segue a haber un problema: o 1º movemento non é realizable, pois entre a 50-1 e a 2-1 non hai sitio.

    ReplyDelete