4.12.09

Correndo, sempre correndo




E sempre chego tarde, como o coello de Alice in Wonderland que vedes enriba. Por certo, non lembro xa quen mo preguntara, pero a frase que serve como subtítulo do blog:

"When I use a word... it means just what I choose it to mean"

está tomada da continuación dese libro, Through the looking glass and what Alice found there, que xunto ao primeiro é unha lectura obrigada para todos aqueles interesados polas Matemáticas (na miña opinión, claro). A frase é pronunciada por Humpty Dumpty nunha conversa con Alicia, pouco despois de ver a famosa conta:


onde todos podemos comprobar que é moito mellor celebrar días nos que non cumpres anos que días nos que si.

Levo varios días que nin sequera leo completamente as miñas fontes de información no google reader. O máximo que fago é destacar o que máis me interesa para lelo cando teña tempo. E agora teño un feixe de cousas pendentes de lectura, e varias que comentar.

Por exemplo un xogo que mestura o xénero de atopar as diferenzas entre dúas imaxes e o xénero de ordenar as partes dunha imaxe. Chámase Magic Factory, e dá para xogar un anaco. E outro xogo, de carácter máis matemático (principalmente para todos os que saiban do Teorema das 4 cores), é o seguinte, Flood Fill, no que tedes que pintar cada rexión do "mapa" dunha cor das 4 posibles de tal xeito que dúas rexións veciñas non estean pintadas da mesma cor. Ánimo, que ningún dos dous xogos é demasiado complicado.

E vin en Boing Boing este vídeo que inclúe dúas cousas ben fermosas: unha sucesión de imaxes en time-lapse do ceo e a Sonata para piano nº 14 de Beethoven. Vede o vídeo aquí embaixo en resolución normal ou ide á web de Vimeo para velo en HD, e xulgade:




Timelapse movie: The Alps -- part II (night) from Michael Rissi on Vimeo.

0 comentarios:

Post a Comment