23.12.09

E de súpeto, o Nadal

Despegue do Endeavour, por James Brown,vía ALT1040


E as vacacións. Por unha vez teño que dicir que xa tardaban. É a primeira vez que chego con esta sensación ao fin dun trimestre. As dificultades cognitivas dos alumnos son as de sempre, polo menos na E.S.O., e como apuntou unha compañeira hai un par de semanas, a razón é probablemente que os contidos chegan antes que a madurez necesaria para asimilalos. Vexamos uns exemplos:

  • En 1º de E.S.O. en xeral non houbo moitos problemas, a pesar do salto cualitativo que damos respecto aos contidos de 6º. A maior dificultade aparece cando o profesor (a.k.a. JJ) introduce propiedades formais, como a propiedade distributiva e o "sacar factor común". E tamén (vaia sorpresa!) na compresión lectora dos problemas matemáticos, aínda que os enunciados adoitan estar totalmente limpos de distraccións e datos accesorios. Por outra banda, os contidos procedementais (básicos agora e despois na E.S.O.) foron ben asimilados.

  • En 2º de E.S.O., deixando a un lado cuestións afectivas (levaría todo o Nadal analizalas), o principal problema estivo na comprensión de problemas e as dificultades para levar a cabo un traballo meticuloso e sen erros nos exercicios con fraccións. Tamén houbo problemas para entender o concepto "fracción dunha fracción".

  • En 3º nesta avaliación o corpo principal ocúpano os polinomios, e con eles non houbo moito choio, pero si coa ampliación dos números. Que está a facer un mal cando un alumno contesta que tres quintos é un número enteiro? ENTEIRO! De novo, o traballo meticuloso coas propiedades dos números volve dar problemas (simples números, pero con pinta escura de algo distinto: potencias de expoñente negativo, potencias de expoñente fraccionario, radicais,...)

  • En 4º de E.S.O. pois os malditos radicais e potencias. Que lle imos facer, se resulta máis sinxelo aprender os tres xeitos de racionalizar eses denominadores (o único contido novo de 4º, e sempre e cando non haxa que usar as identidades notables no numerador) que aplicar as propiedades que levamos vendo desde 1º ou 3º (produto e cociente de potencias da mesma base, potencia dun produto e dun cociente, potencia dunha potencia,...)

Só queda aprender dos erros para, polo menos, non facelo aínda peor o ano que vén...

Como dicía, estamos no Nadal. Se formades parte desa minoría que non o atura (se non fose polas vacacións!) , hai unha chea de xogos para vós na rede. Pero eu vou poñer un menos negativo (aí tedes unha razón do menos por menos é máis!), o Chirstmas mini room Escape, un xogo máis dentro do xénero Escape the Room, no que tedes que saír dun cuarto utilizando a vosa lóxica "gamer" e un pouco de voa sorte.

Despois do traballo, vén o descanso: haberá que acougar vendo algo que non necesite actividade mental por parte do usuario. Déixovos unha canción e un vídeo de animación:

A canción, Read my Mind, dos Killers, candidata para cantar no coche (eu xa o fago)





E o vídeo, tirado como tantas veces de Neatorama,e un pouco inquietante...

Alma from Rodrigo Blaas on Vimeo.

0 comentarios:

Post a Comment