7.12.09

Por fin: un problema




Rea e Saturno, desde a sonda Cassini-Scientific American


Antes de liscar para Ferrol teño un chisco de tempo para propoñer un problema, que non por coñecido deixa de ser interesante. Ás veces un confunde o seu propio coñecemento co dos seus alumnos e colegas, e un problema que un veu xa en demasiadas ocasións perde interese intelectual, o que non quere dicir que perda interese docente. Hai que poñerse no lugar do descoñecedor, lembrando a primeira vez que un fixo o esforzo por resolver o problema. Exemplos de problemas recorrentes son (algúns polo alias típico e outros máis de lóxica que de Matemáticas):
O problema das fillas de Einstein, as cordas que cinguen a Terra polo Ecuador e un balón de fútbol, o oso e o cazador, o problema do cadrado dos nove puntos, o problema dos cabaleiros e os escudeiros, a balanza e as moedas (unha delas de distinto peso),...

O problema de hoxe non ten nome, pero na resolución hai unha pequena idea moi elegante (ai, a Teoría de Grafos, cantas xoias deixa!). Recupereino ao velo no blog Minute Math da Asociación Matemática Americana. Gozade de buscar a solución, aqueles que non o coñezades. Que sorte tedes. Unha sorte moi semellante á de non ter lido algúns libros que proporcionan experiencias inesquecibles. Non sigo por ese camiño, quizais un día con ganas e forzas abondo porei unha lista de libros que deixaron pegada. Hoxe, Matemáticas:

Nunha festa cada home bailou con exactamente tres mulleres, e cada muller con exactamente dous homes. Sabendo que foron doce homes á festa, cantas mulleres asistiron?


E se non sae, sempre podedes usar o cerebro neste xogo, Continuity, no que garanto que hai que pensar un anaco:



Continuity by Ragtime Games

O obxectivo é abrir a porta despois de coller a chave. Problema: tedes que mover as pantallas de tal xeito que haxa unha "continuidade" entre elas e o boneco poda circular. As teclas son as do cursor e o espazo para pasar do "modo puzzle" ao "modo movemento".
Abur!

4 comentarios:

  1. Como ando revisando o blogue case aleatoriamende, dei con esta entrada. Nela dis: "Unha sorte moi semellante á de non ter lido algúns libros que proporcionan experiencias inesquecibles. Non sigo por ese camiño, quizais un día con ganas e forzas abondo porei unha lista de libros que deixaron pegada".

    Chegaches a por esa lista? :)

    ReplyDelete
    Replies
    1. Pois o mellor é que pensaba que si, pero polo visto non. Pode que retome a idea cando teña un anaco,grazas ao teu comentario. Polo de agora só hai a posibilidade de pescudar na etiqueta libros, que algún foi caendo polo blogue:
      Libros
      Se estás fedellando ao chou, verás que o blogue é un chisco máis serio agora do que ten sido...

      Delete
    2. Pois a verdade é que se atopan entradas interesantes xa só a través da etiqueta. Os meus parabéns polo blogue :)

      (e aguardo o post específico, que seguro que descubro máis cousas)

      Delete
    3. Moitas grazas, Anonymous ;)

      Delete