29.9.09

Outono?



Levo 3 días buscando tempo para completar este post. Entre o traballo ordinario do instituto e outras tarefas inescusables non dou feito. Xa ata nos comentarios me chaman a atención!

Antonte, 29 de setembro, estabamos a 27º en Valdeorras. Neste contexto as Matemáticas multiplican a dificultade. Onte chegou a chover, e hoxe hai unha néboa ben espesa. Semella que por fin entramos no outono.

Como aínda non comentei o xeito de deixar comentarios no blog en 1º de E.S.O., os problemas van ser sinxelos.

Pero en primeiro lugar, que vos parece a ilusión óptica de máis enriba que atopei en Futility Closet? Se vos fixades ben en calquera dos obxectos veredes que ... está totalmente estático!

Ao choio: Se a un reloxo lévalle 7 segundos dar as 7, canto tempo lle levará dar as 10?

E por certo, dixen que era sinxelo, non unha parvada, así que nin pensedes na resposta obvia.

Agora un xogo de mover pezas máis difícil do habitual. Chámase Change the Nine, atopeino en Passion for Puzzles. Tedes que chegar á figura pequena da dereita movendo as bólas facendo cadrados de 4 bólas. Hai unha solución en só 9 pasos. Se alguén é que de resolvelo, que mo comente na clase.

23.9.09

Sen tempo


Aínda non tiven tempo para actualizar como é debido este blog. Tiña pensado comezar de novo co inicio do curso,creo que fun optimista de máis. O traballo cotián do instituto, tendo en conta que este curso dou 5 niveis distintos, é tarefa abondo para estes días. Aínda que teño que dicir que dar en 5 niveis distintos, ademais dese traballo que dá, é, polo menos para min, moito máis entretido.
Así que actualizo hoxe para non deixar que colla moito lixo. Máis adiante volverei aos problemas de nivel olímpico e os problemas de lóxica, polo momento hoxe vou comentar un par de cousas que vin por aí:

En primeiro lugar un vídeo time-lapse que atopei en ALT1040:

Viaje alucinante by Daniel Lopez from caliu on Vimeo.

E agora un curioso xogo que vin en Indie Games, A Mazing Monk, de onde está tirada a imaxe de enriba. Só ten dous modos (normal e hard), con 3 niveis cada un, e lembra ao Cubo de Rubik polo movemento do terreo de xogo. Non explico as regras e o movemento, que son moi intuitivos. O único problema é que é probable que teñades que instalar o plug in do Unity Web Player, pero non leva moito.

E como aínda non é hora de propoñer cousas moi difíciles, outro xogo onde hai que demostrar máis habilidade que perspicacia, Fat Slice, onde tedes que cortar co movemento do rato as figuras que aparecen en pantalla ata acadar unha porcentaxe da figura. Moi difícil non é, pero é divertido, e un pouco desesperante se non sae algunha fase.

Abur!

8.9.09

Setembro...





Imaxe tirada de www.springtailstudio.com/blog


E chegou finalmente.
Cos non presentados, os exames en branco, os catros e pico e os non-chegou-ao-1.
E volven as novas de educación, que adoitan variar entre as malas e as peores, seguindo a máxima que di brevemente, good news, no news. Vexo en Público que


Sólo México y Portugal superan a España en fracaso escolar


E asáltanme varias preguntas. E algunha obxección, tamén.
En primeiro lugar, saben os lectores dese xornal que é o fracaso escolar?
Saben ademais que é a OCDE e que países están afiliados?

Gustaríame que aparecesen datos de cando estudaba eu en secundaria (comecei o B.U.P. no curso 1991-92). Tempos nos que a educación obrigatoria remataba aos 14 anos, e había unha criba antes do B.U.P.(para ser veraces había cribas antes no ciclo superior de E.G.B.) Lembro perfectamente a moitos compañeiros do colexio que non foron ao instituto. Tamén lembro a etiqueta "non vale para estudar". Perfectamente. Como se fose hoxe mesmo.

E tamén me gustaría que os lectores (supoño adultos) da nova soubesen artellar un comentario despois de ler completamente a nova. Dá a impresión lendo eses comentarios que a educación de hai anos tampouco era tan boa...


En fin, agora xa pasamos os exames de setembro e é hora de sermos optimistas ante o novo curso, e os novos (e vellos) alumnos.
Así que comece o curso volverei actualizar de xeito habitual o blog con temas máis ou menos matemáticos. Pero hoxe enlazo un par de xogos, que aínda estamos de vacacións.
O primeiro, orThought, é un xogo retro no que temos que cambiar a perspectiva baixo a que vemos o plano de xogo. O obxectivo é sinxelo: só temos que levar o boneco (parece un click) do bloque S ao bloque E usando as frechas, e as teclas Q, E, R, F para cambiar o punto de vista.
O segundo, Alchemia, é un xogo que lembra ao Samorost, pois ten uns gráficos moi coidados, e consiste basicamente nun point&click no que hai que resolver puzzles para avanzar (algúns complicados). A imaxe da cabeceira provén dun momento do xogo.
Como curiosidade, as músicas dos dous xogos poden baixarse das webs dos compositores.

E finalmente un xogo que vén contestar unha pregunta: É posible facer un bo xogo no que só haxa que premer unha tecla? (realmente só unha tecla, nos clásicos como o Galaga tamén había que mover a nave co joystick). A resposta é Canabalt.

E para aqueles que lles guste o stop motion, un vídeo que atopei en vimeo:

OUROBOROS from sam3 on Vimeo.



É interesante, non si?