6.1.10

Un ano, xa!




Un ano vai desde o día no que, despois de escoller o aspecto do blog e modificar a configuración, publiquei por primeira vez. O post, Comezando.

Lembro que tiña moitas cousas que quería contar. Para comezar desexaba colgar un vídeo para eludir a visión das Matemáticas como materia académica (que segue a ser tan común). E aínda sendo crítico cos temas recorrentes (eses dos que falei un pouco aquí), decidín colgar o vídeo dos fractais que podedes atopar aló.

Un ano despois, teño que dicir que a experiencia de manter un blog paga a pena. É obvio que non funciona como eu tiña pensado. Agora podo dicilo: o medio non é suficiente. Nesta época de redes sociais (Facebook, Tuenti, Twitter, LinkedIn, hi5, MySpace,...) sempre teño a sensación de que os alumnos non lle tiran todo o partido ao que teñen arredor. Os que temos contacto con alumnos adolescentes observamos a diario as súas dificultades para levar a cabo tarefas coas novas tecnoloxías. Cantas veces temos que repetir como gardar un arquivo? Cantos distinguen o que é un navegador ou un sistema operativo? Por poñer outro exemplo común: bastante habitual é a sorpresa cando comento que a cunca de café que lles aparece no móbil é a icona dunha linguaxe de programación (que é iso?).

O blog como ferramenta de traballo fóra da aula só serviu como medio para avisar aos alumnos da dispoñibilidade de simulacros na wiki. E nada máis. E aínda tiven algún enfado: un venres avisei ás 10:00 nunha aula de que pola noite ía estar listo o simulacro de exame da 1ª avaliación. Así foi: pola tarde estiven a facelo na casa e colgueino antes da cea. Cando tiven clase outra vez nesa aula o luns seguinte, ninguén baixara o arquivo. Se a alguén lle interesa (non como aos meus alumnos), está aquí.

Todo isto soa a vello. Hai arredor de 25 anos, noutra xeración, os que tiveron a sorte de dispoñer dun ordenador (MSX, Amstrad CPC, Spectrum Sinclair,...) usábano esencialmente para xogar (aqueles xogos de cinta que cargaban nun magnetofón se non viña integrada a unidade no teclado). Sen embargo, aqueles ordenadores traían un manual elemental da linguaxe de programación BASIC. É dicir, había a oportunidade de avanzar alén do puramente lúdico, pero, cantos o fixeron?

Pois algo semellante sucede agora. Poño un exemplo: algunha vez que teño proposto problemas xeométricos, esperaba unha resposta gráfica. Obviamente non é posible achegar un debuxo no campo de comentarios de blogger, así que hai que afinar o enxeño. A ninguén se lle ocorreu subir o gráfico a unha web de almacenamento de arquivos (eu que sei: Box.net, 4shared ou os megacoñecidos Rapidshare, Megaupload, Gigasize...), nin sequera enviar por correo electrónico o arquivo (cunha honrosa excepción, todo hai que dicilo).

A medida que avanzaba o ano fun variando os temas. O ritmo que levaba ao principio (13 problemas en 18 posts, xaneiro de 2009) foi minguando. Podedes ver agora as etiquetas máis comúns:
  1. Problemas-81
  2. Vídeos-54
  3. Xogos-51
  4. Cancións-28
  5. Aula-25
Supoño que era demasiado optimista. Xa non o son.
Aquí tedes dúas novas relacionadas co ensino, unha falsa e a outra real:

"Corea del Sur implementará robots en las salas de clase"
"El fracaso escolar lleva a sustituir a los alumnos por profesionales"


Creo que vou xogar ao Tuper Tario Tros.

0 comentarios:

Post a Comment