23.12.10

Tempo para descansar

Eu, pola miña banda é o que teño pensado facer. Como mínimo non vou elaborar novos materiais para as clases. Estou esgotado de pensar se poñer 14 ou 15 como denominador nun exercicio de cálculo de fraccións para non incrementar a dificultade dun xeito innecesario (e ocultar así a avaliación das regras formais da aritmética, que é o que pretende un comprobar nestes casos). Ou en decidir que tipo de exercicios propoñer sobre porcentaxes (exercicios, sempre exercicios, nunca problemas).

O que non vou poder evitar é traballar en cuestións sobre a titoría, tamén teño algo por aí posposto sobre aplicacións web.
E sobre todo teño pensado darlle unha oportunidade ás Matemáticas. Moitos pensarán: pero se é profesor de Matemáticas, que está a dicir?

Pois exactamente iso: explicando Matemáticas (así son de anticuado: eu explico Matemáticas, que lle imos facer, non oriento no proceso de aprendizaxe, eu explico) un deixa a un lado as Matemáticas. E hai polo disco duro e on line unhas cantas cousas que xa teño ganas de ler. Ademias de moitas outras "analóxicas".

Pero descansar non só está composto de dedicarse a afeccións que requiren máis ou menos traballo.
Tamén podemos simplemente ollar e escoitar:


Ou tamén temos a posibilidade de ter que pensar, do mellor xeito que hai, que é obviamente, con ganas de facelo. O xogo hoxe é Crates-3D:




Aviso para os inexpertos en xogos do estilo Sokoban: este xogo é realmente difícil!

0 comentarios:

Post a Comment