31.8.10

Arcade Fire, again

A só cinco días do concerto de Arcade Fire no Monte do Gozo (e catro despois do de Muse e Jónsi) , temos a oportunidade de ver un vídeo da canción "We used to wait" do álbum The Suburbs que utiliza as propiedades do HTML 5. Non é a primeira vez que Arcade Fire publica na rede unha páxina con contido acompañando a unha canción. Se non o vistes antes, ide a The Arcade Fire presents, e poderedes "xogar" un pouco mentres oídes esa delicia que é Neon Bible.

Nesta ocasión a experiencia é máis intensa. Non quero avanzar nada, só advirto de que é mellor se podedes ver a páxina en Google Chrome (eu probei en Firefox tamén, e dá problemas co contido de Google Street View e Maps, ademais do habitual en Firefox: o consumo de recursos da CPU). A ligazón é esta:

The Wilderness Downtown



Para compensar o sabor a azucre que deixa esa ligazón (no meu caso acompaña a outra sensación deprimente provocada pola podremia da miña rúa), podedes comprobar o hardcore que seguides a ser no xogo Metagun, onde manexades un personaxe que dispara pequenos pistoleiros que só van tentar acabar con el. Soa raro, pero a mecánica é ben natural.
Se o Metagun é demasiado irracional para vós, sempre podedes probar a pensar en Grow Valley, un novo xogo do deseñador Eyezmaze na serie GROW, onde teredes que utilizar en orde os elementos que aparecen para chegar ao desenvolvemento completo do voso val.

E aínda unha terceira opción, para aqueles de vós que non teñades o ánimo para xogos: botádelle un ollo ao post de Amazings sobre as leis da Termodinámica e a súa violación. Estou seguro de que o atoparedes ameno e interesante.

Por se algún alumno está a ler isto como descanso ao seu decidido esforzo, moita sorte para os exames de setembro, aínda que supoño que non será necesaria, non?

Vémonos o xoves.

16.8.10

Outro xogo do exército sueco

Hai un tempo falei dun puzzle que utilizaba o exército sueco como primeira fase do acceso á súa formación. Se queredes botarlle unha ollada, foi neste post. Daquela o xogo era un crebacabezas moi curto que había que rematar no menor tempo posible. Despois disto, o xogo informaba do lugar no que quedabamos entre tódolos xogadores (o percentil, en termos estatísticos). O de hoxe, en troques, é un xogo cooperativo no que, despois de esperar a outros tres xogadores, temos que levar a cabo individualmente unhas pequenas tarefas e despois pasar unhas fases nas que colaboramos co resto do equipo. De tal xeito que a puntuación final depende de tódolos membros, e non unicamente do habilidoso que sexas ti. Observade unha captura de pantalla onde se albiscan tres das tarefas:



No cadro superior da esquerda, hai que memorizar os tres números e as tres cores, para contestar despois unha pregunta sobre a súa correspondencia, ou ben sobre a suma dos tres números... No superior dereito hai temos que levar os círculos á esquina oposta, tendo en conta que movemos os dous ao mesmo tempo, de xeito especular. Na inferior dereita simplemente hai que atopar os seises. E no inferior esquerdo, estaba eu premendo o botón "Imprimir Pantalla" para facer esta captura. Ao final desa partida obtivemos o seguinte resultado, por riba da media.


E hoxe estiven a ler o seguinte post, Aprende zoología con Bob Esponja no recomendable blog Amazings.es. Este blog foi creado por un grupo de bloggers españois, todos involucrados na divulgación científica. É unha boa idea pasarse cada certo tempo polo seu blog, eu xa teño atopado varios artigos de calidade.
Con respecto ao post de Bob Esponja, nel o autor fala sobre a clasificación dos invertebrados utilizando exemplos tirados da serie. A min, a verdade, gustoume moito.

10.8.10

O venerable Google

Pouco despois de saber que o número total de libros no mundo é 129864880 grazas ao proxecto en Google de dixitalización, volvo por aquí coa intención de compartir un par de ligazóns:

  • En primeiro lugar, non busquedes máis, o número de Deus é 20. Se non sabedes de que vai o conto, o número de Deus é o número mínimo de movementos necesarios para resolver calquera posición do Cubo de Rubik. Máis información en Microsiervos, ou polo miúdo en Cube20. Aínda que algúns saberedes que a resposta ao sentido da vida, o universo e todo o demais segue a ser... 42!
  • Despois do baleiro que deixaron Braid e Portal (na manipulación do tempo e o espazo, respectivamente), é unha ledicia atopar un xogo que, aínda que de lonxe, tente buscar unha innovación na secuencia linear do movemento. Non vou explicar nada sobre One Step Back alén dunha captura de pantalla. Creo que é pista abondo:

  • Habitualmente proporía algún problema de lóxica ou de Matemáticas sinxelas. Pero como estas semanas publicaron o xogo Binary, non vai ser necesario. Nel xa atopamos varios retos á nosa capacidade de razoamento. A primeira tarefa deixa claro que tipo de cousas teremos que imaxinar como resolver. Neste caso, acender tódalas luces. Usade o rato para manipular os puzzles e z para entrar neles.
  •  E finalmente, se queredes comprobar se "estades ao día", que mellor que cun cuestionario on line chamado "Test de Actualidad". Simplemente lendo os xornais dixitais xa tería que chegar para non quedar mal.

Abondo por hoxe, non sei cando volverei actualizar. No verán estou máis preguiceiro do habitual en min.