29.9.10

Dous xogos estraños

Había tempo que non vía uns xogos tan raros.

  • Feign é sinxelo: só hai que atopar nove corpos (siluetas) humanos, para o que temos que movernos por un laberinto tridimensional do máis minimalista. A dificultade radica en que as paredes non sempre son o que parecen, ademais da complicación de moverse cando non hai referencias espaciais.



  • Por outra banda, Symon non é tan estraño desde o punto de vista visual. A súa rareza consiste na historia que desenvolve: estás dentro dun soño, e terás que actuar en consecuencia, é dicir, estás obrigado a razoar ao xeito perverso propio do mundo onírico.



23.9.10

8 Bits

Como tódolos comezos de curso, é complicado atopar tempo para actualizar o blog. Aínda así, hoxe vin dúas cousas que me chamaron a atención; paso a comentalas:

En NeoTeo lin un post sobre un vídeo independente de animación, 8 Bits, que, sen seguir a corrente retro tan de moda actualmente, faille unha homenaxe á época gloriosa dos videoxogos:





E en Microsiervos falaban antonte de Möbius Comic, unha curiosa idea: un cómic impreso na superficie dunha Faixa de Möbius. Déixovos a imaxe estática, podedes ver na ligazón un gif animado do bucle que se crea:






18.9.10

Conecta 4 en 3D

A piques de comezar de verdade o novo curso, aínda hai tempo para xogar un pouco. Neste 3D Tic-Tac-Toe temos a posibilidade de escoller nivel entre easy, difficult e insane. Non vos recomendo xogar no easy despois da primeira tentativa, non tería máis interese que o Sudoku binario.



12.9.10

Blade Runner revisitado

Hai xa un tempo que foi publicada en vimeo esta homenaxe a Blade Runner, ben coñecida película que forma parte da historia do cine e da cultura geek en xeral. Como curiosidade, agora ocupa o lugar 113 na listaxe de 250 películas elaborado a través da votación dos usuarios da Internet Move Data Base, aínda que non é unha votación moi fiable, debido ao nesgo habitualmente producido polos últimos éxitos efímeros. Por exemplo, a cuarta posición é ocupada por Inception, película á que non lle resto calidade (en realidade gustoume moito) mais dubido que mereza esa posición.
A película de Ridley Scott representa un caso curioso de adaptación dunha novela ao cine: mentres que o relato no que se basea, Do androids dream of electric sheep?, do autor Philip K. Dick, sendo unha boa novela breve, non chega ao nivel de excelencia doutras das súas obras (e estou a pensar tamén en certos contos), a película si chegou ao nivel de fito do cine. Se non vistes aínda Blade Runner, buscade un oco e dádevos ese pracer. En certo sentido tedes a sorte de non tela visto aínda. Os que xa a vistes, recoñeceredes moitos dos planos desta montaxe, que está dispoñible en HD en vimeo:


BLADE RUNNER revisited >3.6 gigapixels from françois vautier on Vimeo.

11.9.10

Decidido

scientificamerican.com


Despois de escoitar esta semana as opinións de varios compañeiros (ex-compañeiros xa, por certo) decidín continuar con este blog. Aínda que non deixen pegada, debido á ausencia dos seus comentarios, algúns deles pasan por aquí a miúdo. Así que vou facer o seguinte:
  • Continuarei comentando temas que atope pola rede que me parezan interesantes. Xa sabedes: xogos, vídeos, cancións,...
  • De vez en cando escribirei posts máis matemáticos.
  • E polo momento non lle darei ningún uso "de aula" ao blog. Xa veremos o que sucede cando avance o curso.
  • E case esquecía que tampouco vai variar o título do blog.
É dicir, que non se vai notar moito cambio.

Dos últimos días na world wide web hoxe saliento:

A imaxe do comezo, onde vedes dous grupos de bandas grises exactamente coa mesma tonalidade está tirada dun artigo de Scientific American, Illusions: Colors out of Space, onde hai varias imaxes das que fan dubidar do que vemos.
Na enorme web da BBC podemos atopar moitos tests psicolóxicos. Na miña opinión son máis interesantes os tests nos que medimos a nosa memoria ou algunha outra característica cognitiva que aqueles nos que o foco está posto en características da personalidade máis "subxectivas". Un exemplo rápido é o Memory Training, onde teredes que lembrar a orde dunha serie de palabras. O test permite escoller o número de palabras, ata un total de 30, aínda que deixan a posibilidade de tentalo cun número maior, se es ousado abondo. Outro test de memoria, máis interesante pero tamén máis longo, é este: Explore your Memory. Neste caso teredes que encher uns datos persoais (pero de xeito anónimo) para comezar a proba, na que haberá que lembrar formas e cores, atopar cambios en fotos...

Seguramente moitos de vós escoitastes nalgunha ocasión que o único invento español salientable é... o chupa-chup! Pois ben, maikelnai fixo unha lista na súa colaboración en yahoo cos maiores inventos españois da historia. Aínda que a escolla é moi subxectiva, era obvio que non podía faltar o futbolín.

En febreiro comentei aquí un xogo chamado The Adventures of One Button Bob. Hoxe é a quenda de One Button Arthur, que prosegue a dinámica do xogo anterior: simplemente hai que premer o botón esquerdo do rato, pero o que sucede en pantalla varía dunha fase a outra. Un breve xogo ben divertido. Tentádeo, a ver se rematades o xogo.

5.9.10

Despedida?





Só quedan un par de días na Rúa. O mércores xa teño que estar en Cedeira. E aínda non sei que farei con este blog. Eliminalo desde logo non é unha opción, prefiro que quede no limbo da web para volver de vez en cando por el. Pero teño dúbidas sobre continuar escribindo nel ou deixalo definitivamente. E tamén, se escollo continualo, dubido sobre o seu obxectivo e o seu estilo: utilizareino cos alumnos (ao meu xeito free-style) ou levareino definitivamente pola senda dos blogs persoais?

Seguramente ata que estea asentado no novo instituto non tomarei unha decisión. Que pode que non sexa meditada senón totalmente espontánea, así que mellor deixo o tema polo momento.

E volvemos co segundo tema predilecto: os xogos.

  • En Color Lock temos que chegar á seguinte configuración dos círculos desde a aleatoria do comezo (o botón Solution non fai o que poderiades esperar e desexar):

  • Moving Memory parece ser o típico xogo Concentration (ou Memory, se coñecestes o clásico xogo de taboleiro) onde imos descubrindo as parellas. Pero ten algo máis, que require máis atención ademais de memoria.