28.2.12

É a correlación, estúpido

Entre os conceptos peor manexados polo público non especializado(xornalistas, políticos,...) atopamos a correlación. Grosso modo poderiamos dicir que dúas variables están correladas (presentan correlación) cando presentan comportamentos semellantes: cando unha crece, a outra tamén, e viceversa. O feito crucial neste ámbito consiste en distinguir correlación e relación causal. É dicir, saber que aínda que observemos que dúas magnitudes A e B se comportan de xeito semellante, isto non implica que A cause B nin que B cause A.

A cantidade de exemplos é infinita: se analizamos unha cantidade grande de variables nunha poboación, imos atopar con seguridade magnitudes correladas. Mesmo se eu observase características ao chou entre os meus alumnos, seguramente podería atopar relacións absurdas, quen sabe se non a haberá entre os alumnos que suspenden a miña materia e os alumnos aos que lles gusta o reggaeton, por poñer dous exemplos de cousas catastróficas (algún día farei un estudo absurdo destes, as consecuencias poden ser terribles).

A ciencia, obviamente, non funciona deste xeito. A mera coincidencia de datos non é suficiente para supoñer unha implicación causal. Aínda que ás veces axuda a atopar relacións previamente descoñecidas.

Deixo aquí a reflexión máis ou menos seria, motivada polo achádego dunha web, Correlated, onde atopan correlacións absurdas como a do 19 de febreiro:

"En xeral, o 17 % da xente di que non recoñecería a fórmula da solución da ecuación de 2º grao se a vise. Pero entre a xente que é boa lembrando datas de aniversarios, o 29% non recoñecería a solución cuadrática se a vise."

Ou a do 14 de febreiro:

"En xeral, o 59 % da xente di que estaba en mellor forma física hai cinco anos que agora. Pero entre aqueles que non saben como facer unha presentación en PowerPoint, esta porcentaxe sobe ao 84%"

Pero sempre hai alguén, xkcd, que pode ser máis irritante no escepticismo ante os datos correlados:

_Eu pensaba que a correlación implicaba causalidade.
Entón fun a unha clase de Estatística. Agora xa non o penso.
_Parece que a clase axudou.
_Ben, pode ser.

Para ver máis exemplos hilarantes de confusión entre a correlación e a causalidade, que mellor que ver unhas gráficas:
Collido de Bloomberg Businessweek

21.2.12

Isto non é serio

Onte andaba eu pola zona entre divulgación científica e psicoloxía dunha famosa libraría dun centro comercial da Coruña, marabillado da equilibrada sucesión de temas: Divulgación Científica, Informática, Economía, Esoterismo, Relixión, "Autoaxuda", Pedagoxía, Psicoloxía. Curiosamente a orde estaba ben pensada, pois en pedagoxía había máis libros de "autoaxuda" que relacionados con educación, e en Psicoloxía estaban os libros que eu clasificaría como pedagóxicos.

Non sei por que, a miña vista caeu sobre un volume titulado "Class Control", onde uns cantos modelos sorrían na portada, con símbolos matemáticos no fondo da escena. Ata que me fixei (perdón pola resolución, saqueinas co meu móbil e con présa, porque me daba certo pudor sacar fotos nunha libraría, aínda que fose nun centro comercial):


Máis preto, pero menos nidio:


Hai varias cousas trabucadas nese fondo. A primeira que atopei foi a chave (en vivo vese perfectamente que é unha chave) cun cero e un infinito. Supoño que o "artista" pensaría que era ese símbolo o que aparecía nas integrais definidas:

\int_{0}^{\infty} e^{-x}dx=1

Pero hai máis... Alguén contou as parénteses do "integrando"? Por que hai 3 parénteses pechando, ), e unha soa abrindo,(?

Pero o máis terrible é... PI? En serio, PI? Imaxino a un axudante do "artista" ditándolle:

_Pon aí un entre π
_PI?
_Si, claro, π, xa sabes.

O máis escandaloso de todo é a cantidade de controis que terán que pasar estas obras para chegaren á publicación. E ninguén observou isto que vin eu en menos dun minuto?

Remato o post colocando a sinopse do método do libro que aparece na web da libraría:

"Con el Método ClassControl podrás crear un comportamiento adecuado de grupo desde principio de curso. Bloquear los conflictos sin ningún esfuerzo vocal. Aplicar fácilmente esta técnica customizada para ti y tus grupos. Erradicar las reprimendas agotadoras. Elevar tu energía y sensación de autoridad hasta niveles insospechados. Absorber la atención de tus estudiantes como por arte de magia. Desactivar las emociones frustrantes y actuar de una forma disciplinada y flexible."

Si señor.

13.2.12

O estudo de Escher

Moitas ganas había na blogosfera de que Cristóbal Vila publicase outra xoia como Nature by Numbers.

E non podía escoller mellor idea que a de levarnos polo hipotético lugar de traballo de M.C. Escher:

10.2.12

A noite estrelada

Cando vin este vídeo arredor dun dos cadros máis famosos de Van Gogh pensei: para cando a versión on line?


Eu de vós veríao na web de vimeo en HD e co volume alto, pois a música tamén é importante no fluxo do cadro.

6.2.12

Needing/Getting

Hai máis de ano e medio que colguei por aquí un vídeo de OK Go, esa banda da que nos gustan máis os vídeos que as cancións. Esta vez non ían ser menos, como podedes ver no vídeo da canción Needing/Getting que, de tan elaborado, parece un fake:



5.2.12

Mind=Blown!

Triángulo de Penrose-Wikipedia

Es desas estrañas persoas ás que lles gustan as imaxes como o ben coñecido Triángulo de Penrose?

Se a resposta é afirmativa, non hai razón algunha para que non pases un anaco enleando con este xogo, Adynatopia:





Mentres Miegakure non é publicado polo seu creador, Marc Ten Bosch, do que xa falei por acó hai case dous anos, este xogo é un bo aperitivo.