13.5.12

Un par de xogos

Vexamos as dúas últimas desfeitas que cometín no blog:


  • O mércores comentei un problema que xa propuxera neste post  hai uns anos (soábame, pero non o daba atopado, así que o volvín poñer,cunha proposta distinta) 

  • Para rematar este éxito, esta mañá atopo que aparece en portada do blog un post que escribira en novembro do 2011. A razón é que modifiquei a etiqueta daquel post, que trabucadamente aparecía como "Xeometría Problemas" onde tiña que poñer, obviamente, "Xeometría", "Problemas". No panel anterior de administrador de blogger, esta actualización das etiquetas non suporía volver a publicar o post, polo visto no panel actual si. Tampouco vai supoñer moita perturbación esta volta ao pasado, pois no panel indicaba que ese post non o lera ninguén.
E xa que estamos aquí escribindo vou compartir os dous últimos xogos do xénero puzzle que están dispoñibles na rede para facernos tolear aos máis freaks:

  • O primeiro, Mirror Rays, é unha proposta do último Ludum Dare. A idea é brillante: o personaxe ten que avanzar utilizando soamente a curiosa arma que leva, un xerador de espellos que duplican os bloques da pantalla. Esta arma pode crear espellos horizontais ou verticais, a dinámica do xogo é moi áxil, a única mágoa é a brevidade imposta polas bases do concurso Ludum Dare. Aínda que ao final do xogo pon un esperanzador "to be continued..."
Mirror Rays

  • O segundo, Cube Mayhem, moito máis difícil que o anterior, é un arcade no que temos que dirixir ao cubo a unha cela final pasando pola típica grella de celas e buratos. Temos á nosa disposición mecanismos que permiten cambiar a dirección do noso cubo (que teima en continuar na mesma dirección), facer esvarar unha cela ao cubo e, como non, teletransportarmos o cubo entre dúas celas. 

Cube Mayhem

Como sempre, un aviso: a adicción provocada por un xogo é directamente proporcional á súa dificultade.

0 comentarios:

Post a Comment