25.6.12

Blade Runner

It's too bad she won't live! But then again, who does?

Continuando cos aniversarios, hoxe van 30 anos da estrea de Blade Runner. Película de culto geek por excelencia, pasou á historia na época na que a xente compartía películas en formato VHS e non nas redes P2P (eu non coñezo a ninguén que a vise na súa estrea nos cines). Aínda que non debe de quedar humano nin replicante sen sabelo, a película está baseada máis ou menos libremente no relato longo (ou novela curta, non estou seguro) de Philip K. Dick Do androids dream of electric sheep? (Soñan os androides con ovellas eléctricas?). Non é a única película baseada en relatos ou novelas de Dick, en realidade hai unha longa serie: Total Recall (Desafío Total) é unha versión cinematográfica de We can remember it for you wholesale, Minority report do relato do mesmo título, o mesmo sucede con Paycheck , Screamers (Asasinos cibernéticos, vaia título!) transcribe ao cine Second Variety,... e moitas outras, de resultado irregular.

Blade Runner pasou desapercibida nas salas de cine, circunstancia á que axudou que foi estreada só dúas semanas despois de E.T., que obviamente é ciencia ficción máis axeitada para o gran público. Ao mito creado arredor da película contribuíu que Philip K. Dick non chegou a vela estreada, e a montaxe final deu lugar a multiplicidade de historias que tentaban explicar baleiros ou trampas no guión. O propio director, Ridley Scott (que xa creara outra grandes obra do cine de ciencia ficción, Alien) levou a cabo un Director's cut en 1992, e aínda houbo un Final Cut en 2007.

Como coincidencia inquietante, observade este texto en forma xornalística que servía de introdución ao libro:


A TURTLE WHICH EXPLORER CAPTAIN COOK GAVE TO THE KING OF TONGA IN  
1777 DIED YESTERDAY. IT WAS NEARLY 200 YEARS OLD. 

(No relato de Dick a relación dos humanos cos animais e as súas emulacións cibernéticas cobra máis importancia que na película)

Comparade con esta nova da BBC de hoxe mesmo:

A dirección do Parque Nacional das Illas Galápagos informou de que O Solitario Xurxo, unha tartaruga xigante de arredor de 100 anos e que se pensa que é a derradeira da súa especie, acaba de morrer.

Lembro Blade Runner desde que a vin de neno na televisión. Probablemente o xénero de ciencia ficción e a estética, tanto no referente ao visual como á música, foi o que me chamou a atención, realmente non creo que entendese a historia a primeira vez. Anos despois volvín vela unha morea de veces. En canto tiven a oportunidade lin tamén o relato que lle deu orixe, que non é un dos meus preferidos de Dick, seguramente poría antes nunha listaxe as novelas Ubik e Our friends from Frolix 8 ou , en relatos breves, Second Variety. Estou certo de que a película en certo sentido transcendeu a súa orixe literaria, suceso non moi común, desde o meu punto de vista.

Se tedes a sorte de non ter visto a película, non esperedes máis, baixádea xa. E se dades co libro lédeo tamén, e non vos paredes aí, buscade as coleccións de relatos de Philip K. Dick. É un verdadeiro pracer. Crédeme.

Para rematar este revival, que sorte que teñamos un artista, Anders Ramsell (nacido un ano antes da estrea), que está a recrear a película mediante unha animación feita sobre... acuarelas!


0 comentarios:

Post a Comment