20.4.13

Que nos motiva no traballo?

De volta da I Xornada de coordinadores/as do proxecto Abalar atopei unha actualización no TED blog que me fixo reflexionar:

Do post de TED comentado


Na entrada presentan unha infografía(realmente un póster) que amosa as liñas xerais da resposta do TED blog a unha charla previa do economista da conduta 1 Dan ArielyWhat makes us feel good about our work?
(perdón pola morea de ligazóns). Non puiden evitar pensar en como se reflicten estes sete puntos no noso tan peculiar labor docente.

  1. Ver os froitos do noso labor pode facernos máis produtivos: Quizais porque aínda levo pouco tempo ensinando(arredor de 10 anos), pero o certo é que non teño unha impresión nítida deses froitos. Aínda que sigo en contacto con moitos dos ex-alumnos que tiven, non vexo relación entre o feito de que a moitos deles lles vaia ben na súa vida co meu labor. As cousas sonvos así.
  2. Canto menos aprezado consideramos o noso traballo, máis cartos queremos gañar: Non tiven nunca aínda a pulsión de gañar máis cartos. Quizais porque tanto ten: neste traballo imos gañar o mesmo fagamos o que fagamos. Veremos coa infame LOMCE como vai cambiar a situación(seguramente a peor, claro).
  3. Canto máis difícil é un proxecto, máis orgullosos nos sentimos del: Si, isto creo que si sucede. En clases especialmente complicadas, cando acadamos obxectivos a priori afastados é xusto sentirse orgulloso do traballo ben feito. O problema é que isto non ocorre con moita frecuencia. Digamos que as clases difíciles son... difíciles.
  4. Sermos conscientes de que o noso traballo axuda a outros pode incrementar a nosa motivación inconsciente: No noso caso, inconsciente e tamén consciente. O obxectivo principal do noso labor é a aprendizaxe dos alumnos. Moito máis non hai que dicir. 
  5. A promesa de axudar a outros fai que sexa máis probable que sigamos as regras: Como non vexo que "seguir as regras" teña que ser necesariamente positivo, non vexo tampouco que este punto axude á motivación. Probablemente aquí sexa onde se revele a diferenza entre motivación nun traballo usual e motivación no labor docente.
  6. O reforzo positivo sobre as nosas habilidades pode mellorar o noso desempeño: É de supoñer que certa valoración positiva sobre o docente podería mellorar a súa predisposición para o traballo. Pero tampouco é automático. En calquera caso, cando foi a última vez que recibistes un reforzo positivo por parte dos vosos compañeiros, a vosa dirección ou (gasp) da administración educativa? (E iso que eu non me queixo, os compañeiros valoran máis o que fago que eu mesmo ou os alumnos-quizais por mor do traballo como coordinador TIC)
  7. Imaxes que apuntan a emocións positivas poden realmente axudar a que nos concentremos: Isto soa máis a libro de autoaxuda e trapallada New Age que a psicoloxía seria. Pero quen sabe, nos recantos máis insospeitados atopa un a motivación, algúns ata pretenden converterse en inspectores de educación, ou incluso conselleiros...
E vós que opinades sobre a motivación dos profesores? Porque da dos alumnos xa falamos tódolos días...



1 Non é o caso, pois este economista fala do traballo e non do ensino, pero xa estou un pouco farto de que o debate sobre educación estea en mans de economistas, que por unha banda non saben abondo sobre educación para entender os items que manexan, e por outro non saben abondo sobre Matemáticas e Estatística para darlle significado aos números

6 comentarios:

  1. No tocante ao punto 6 o reforzo positivo que máis valoro é o que fan, sen darse conta de que o é, os meus alumnos.
    Cando gaban algunha das actividades que facemos, cando recoñecen a miña capacidade de traballo, cando me preguntan e me piden se o curso seguinte lles volverei dar clase.
    Sen seren conscientes conseguen que me sinta moi orgulloso do meu traballo, máis do que poidan lograr os compañeiros ou o equipo directivo. E xa non digamos a administración, que eu non teño claro que nunca lle vira reforzo positivo nengún.

    ReplyDelete
  2. Pois si, cadoi, tes razón. Omitín sen querer o reforzo positivo máis importante. No momento de escribir a entrada tiña o obxectivo posto na administración, a dicir verdade.
    E por certo: es o mesmo cadoi que comentou hai así como 3 anos? Un saúdo ;)

    ReplyDelete
  3. buffffffff, a min o que me motiva é o salario, non por ser moito nin pouco, simplemente por que é o que me permite ir a un balneario cando me peta, facer unha viaxe de cando en vez ou mercar uns zapatos,...:), noutros tempos motiváronme os sorrisos, o agradecemento e a complicidade co alumnado, as mates en si mesmas, pero coa idade abriuse unha brecha, xa non falo o mesmo idioma que os alumnos, xa non temos os mesmos valores, xa me aburre tanto polinomio...., agora considérome unha mediadora entre o suspenso e o aprobado en mates e estou aí para acadar que aproben algúns, páganme para iso

    ReplyDelete
  4. Pode ser si, ás veces esquezo asinar. Pero eu son este:
    https://twitter.com/pauloglezogando

    ReplyDelete
  5. Xa Conchi, e seguro que motiva cando facemos folga e temos moito máis de 1/30 do salario menos ;)
    E agora en serio: o noso é un choio no que a gráfica de satisfacción é sinusoidal... Tiñas que verme este ano pelexando cos meus 30 alumnos de 3º... Un saúdo e ánimo!

    ReplyDelete
  6. Ben, Paulo, misterio resolto ;)

    ReplyDelete