29.5.13

Non só pentágonos...


Atopei nunha tenda a seguinte publicidade:

Estará patentado de verdade? E a forma esférica?

Non puiden evitar fixarme na frase "gracias al ensamblaje de sus 24 paneles pentagonales". Porque se un entende que o balón está composto soamente por 24 pentágonos, digamos que o balón non pode existir. Por que? É unha pregunta de certo nivel, apta para topólogos...

A outro nivel creo posible traballar esta situación nunha aula de 3º de E.S.O. na unidade de Corpos Xeométricos. Por exemplo:

Cantos hexágonos ten o balón se ten 24 pentágonos?

Quizais sexa necesario mirar mellor o balón, poñamos acó unha imaxe en 2D do balón en 3D:

Vese mellor a ensamblaxe de hexágonos e pentágonos?

Outra pregunta interesante pero de distinta índole podería ser:

Cales son as medidas dos ángulos dos pentágonos se os hexágonos son regulares?

Ou:

Como é o desenvolvemento plano do balón?

Máis lúdico e de fedellar:

Con cantas cores podes pintar o balón se non pode haber dúas caras contiguas da mesma cor?


E como en tantas outras ocasións, Euler é o noso amigo. O que non sei é se o balón bota mellor, moita diferenza na tenda non notei...

Editado ás 20:50: se queredes ver como se fan os balóns, ide a "Como se fabrica o balón de fútbol oficial do Mundial 2010", entrada do fantástico blogue tecnoloxia.org, un dos clásicos en galego. No vídeo veredes a fabricación do balón jabulani, que tamén está formado por pentágonos e hexágonos, aínda que algúns menos.

3 comentarios:

  1. E aquí podedes mirar como se cortan e cosen eses pentágonos: http://www.tecnoloxia.org/principal/?p=3095

    ReplyDelete
  2. Xa me soaba a min que vira un vídeo da fabricación de balóns nalgures... Mira ti onde fora. Edito e engado.

    ReplyDelete
  3. Oh! Graciñas polas palabras agarimosas para tecnoloxia.org :-)

    ReplyDelete