19.1.14

Admission Test-Fail


Lendo blogues de educación rematei na web da revista Bridge, magazine de The Center of Michigan, think tank non partidista do estado de Michigan. Un dos temas deste xornal é Talent&Education, o cal, recoñezo, xa me fai desconfiar. Tampouco axuda moito a aumentar a confianza que The Center of Michigan diga que está por riba dos partidos.

Aínda coas miñas reticencias, o que me fai escribir este post non é analizar as características dun think tank dos USA (na web din "think&do tank") con intereses no sistema educativo, senón traer acó un exercicio liberado do exame de certificación de profesores de Michigan, o Basic Skills Test.

Usa a gráfica de abaixo para contestar a seguinte pregunta.


Collido da web de Bridge

Cal das seguintes opcións é certa no momento T?
  1. Tanto o corredor A como o B están a correr.
  2. A está a correr e B está a descansar.
  3. B está a correr e A está a descansar.
  4. Tanto o corredor A como o B están a descansar.

Só traio este ítem dunha proba para exercer a docencia no estado de Michigan para abrir esta reflexión: Ata que punto é axeitado utilizar tests de resposta múltiple para avaliar este tipo de coñecemento matemático? (sen entrar en que así é imposible avaliar a idoneidade para a docencia, só falo de coñecemento puramente científico da materia) Que sucede se un candidato observa que este ítem, cos datos proporcionados, non pode ser contestado? Terá que escoller a opción b porque é a esperada polo órgano que fai os tests?

Se non queda claro no ítem mesmo, o que provoca a ambigüidade é que a variable dependente, "Distance", non queda claro se aparece respecto a un punto de partida, se é a lonxitude total que percorren os corredores... Unha situación acorde coa gráfica na que os dous corredores estean a correr preséntase se o durante certo tempo o corredor B fai círculos arredor do punto desde o que se mide a distancia, provocando que esta distancia permaneza constante nese intervalo. Sen máis contexto, o ítem está mal deseñado.


Non tiña pensado comentar nada máis sobre ese test, mais o último ítem liberado puido comigo. Xulgade vós se isto é axeitado nunha proba de admisión para profesores:

Bess, Tara, Gerard e Clifton traballan para a mesma empresa. Un é escritor, un investigador, un artista e un enxeñeiro. Usa os enunciados de abaixo para responder a pregunta que segue:
  • Bess e Gerard comen o almorzo co enxeñeiro.
  • Clifton a Tara comparten coche co investigador.
  • Gerard traballa no mesmo edificio que o escritor e o investigador.
Quen é o investigador?
  1. Tara
  2. Bess
  3. Clifton
  4. Gerard
Precisamente esta semana os meus alumnos de 1º de E.S.O. tiveron que resolver un problema de lóxica deste tipo, só que máis difícil. E deron feito, por certo. Polo visto este exercicio aparece en non poucos sites de preparación de tests (probade cos nomes en google), o que fai pensar que non aparece esporadicamente, senón que estes exercicios son habituais.

Nesta época de tests e big data que nos asola habería que pedir que, xa que non o deseño do test, polo menos os items tivesen sentido. Se non é moito pedir.

0 comentarios:

Post a Comment