9.11.14

Un pouco de arte

Cando amoso ilusións ópticas aos alumnos e premo na etiqueta embaixo do arquivo, a máis recente é de comezos de ano. Tendo en conta que na rede actual hai creacións novas decotío, vai sendo hora de que actualice este pequeno almacén.

As mostras de hoxe proveñen de artistas urbanos, denominación que semella excluír aos que viñesen da aldea, pero que se ollamos a fonte, street art, resulta coherente.

As obras que vou amosar comparten o obxectivo de enganar á nosa intuición, algunhas dentro da categoría de anamorfoses. Os amables artistas adoitan complementar a delusoria obra cunha explicación do seu oficio mediante tomas desde outras perspectivas. Nas obras que estea dispoñible vou ocultar a explicación para que antes poidades dilucidar vós mesmos os puntos de vista.

Do primeiro artista, Felice Varini, quería salientar un par de obras recentes:

Blu giallo rosso e nero tra il trapezio e l'ellisse


Preme para ver a explicación
    


A segunda obra custa vela ao comezo:

Disque libre noire Nº1

Explicación
      


E a 3ª obra, tan enorme que custa imaxinar o choio que custou deseñala e levala a cabo:

Trois ellipses ouverts en désordre
Para ver a explicación desta xoia ide á súa web, unha soa imaxe non faría xustiza a tan grande choio.


A segunda artista, Fanette Guilloud, ten unha serie titulada Geometrie de l'Impossible, chea de imaxes ben fermosas, das que un matemático non pode omitir este triángulo de Penrose:

"Geometrie de l'Impossible"
2013, France, Anamorphoses; spraycans

Pero tamén é abraiante este prisma (?) para o cal hai explicación:

Blue Berlin, feb. 2014 
          


O 3º artista, Alessandro Diddi, ten varias series con debuxos que escapan do papel, que vos lembrarán con seguridade a Escher:


Jumping Dolphin

Double Illusion


Xa han chegar estas obras por unha tempada; aínda que deixo unhas cantas na recámara, creo que podería ralentizar moito a carga da páxina. Ata a vindeira mostra!


2 comentarios:

  1. Pois velaquí máis arte, desde o IES Sánchez Cantón, non sei se o coñecías:
    http://cha597.wix.com/xeometria-e-arte

    ReplyDelete
  2. Pois non, non coñecía, obrigado, Cibrán.
    O das arestas dos poliedros lembroume que tamén o fixeron nesta bisbarra, en Narón. Vin o modelo pendurado do teito na entrada do I.E.S. As Telleiras. Nesta ligazón pódese albiscar: Dependencias

    ReplyDelete