31.12.14

O 2014 neste blogue

Aproveito o día para recapitular un chisco sobre este blogue que axiña vai levar seis anos na rede.

Neste 2014 os temas que máis toquei foron, se botamos unha ollada ás etiquetas destas 50 entradas:


  • Problemas: houbo 23 entradas con algún tipo de problema, pois xa sabedes que o rango é ben amplo, desde exercicios escolares a problemas de olimpíadas.
  • Xeometría: en 17 entradas as figuras, estáticas ou dinámicas, foron o obxecto principal.
  • Aula: en 12 ocasións escribín algo relacionado directa ou indirectamente co traballo na aula, pasado, presente ou futuro.
  • Vídeos: 11 veces. A etiqueta non indica tema ningún, só creei esta etiqueta para facilitar a busca no blogue.
  • Educación&Ensino: En 12 entradas chantei polo menos unha das dúas etiquetas, como nunha delas están as dúas, en realidade son 11 entradas. Xa nin lembro cal era o meu propósito ao crear dúas etiquetas distintas...
  • Libros: 9 veces apareceron mencións a libros.

As demais etiquetas aparecen como moito en 4 entradas, como Números, Humor, Xogos ou Aritmética.

Respecto ao comportamento dos lectores, as entradas máis lidas (para sermos precisos, as que contan con máis accesos) foron:

As menos lidas, por contra, foron:

  1. Un problema de piratas
  2. Xoguemos en 2D
  3. Outro problema de triángulos equiláteros e cadrados
Non me resisto a compartir a 4ª entrada menos lida, que estou convencido que é do máis interesante que escribín este ano: O paradoxo de Simpson.

En canto aos números, o número mensual de páxinas vistas é tan variable que é máis axeitado indicar o rango: o mes con menos vistas foi marzo, con algo menos de 700, e o que máis vistas tivo foi outubro, con 1300. A entrada máis vista da historia do blogue segue a ser Se algunha vez estás de mal humor, de novembro de 2009, con case 450 vistas, e a segunda, É a correlación, estúpido, de febreiro de 2012, con 225. A explicación do "éxito" desas dúas entradas é sinxela: a primeira contén unhas listas de reprodución en Spotify (de cando aínda utilizaba ese programa en troques de Grooveshark) e a segunda foi publicitada por min mesmo en Naukas, o blogue colectivo de ciencia máis coñecido de España.


Confeso que o tema do que máis me presta escribir é o dos problemas(e tamén de xogos), pero vexo que adoita pasarse máis xente por acó cando escribo sobre a aula e o meu oficio en xeral (educación e ensino, avaliación, didáctica...). Quizais sexa casualidade, ou ben froito do mínimo bombardeo co que abafo os meus contactos en twitter (en Facebook é esporádico e só por motivos concretos), non o teño claro. O que si sei é que este blogue vai seguir supoñendo un pasatempo para min; se non fose así simplemente non escribiría nel. A pretensión dos meus alumnos de 2º de ESO de que monetice o blogue e faga unha canle en youtube (non sei con que vídeos) non vai ser atendida este ano. Incluso chegan a pedirme que o faga prometendo que eles serían seguidores...
Vémonos nun anaco cunha entrada sobre números.

0 comentarios:

Post a Comment