31.10.14

Samaín


Aproveitando a festividade, propoño para quen guste dos números (en realidade, da notación decimal) un pequeno aritgrama:


$$SAMA=IN^2$$


Veña que non é moi longo.

26.10.14

Problemas de Álxebra sen ecuacións


Esta semana, mentres argallaba uns exercicios de Álxebra de 1º de Bacharelato, parei a pensar no obxectivo tácito que ten a Álxebra da ESO: todos os contidos e procedementos deste bloque de contidos están encamiñados á resolución de ecuacións. Non podemos incluír o bacharelato porque alí por fin atopamos que as ecuacións son unha ferramenta para estudar, p.ex., figuras xeométricas (aínda que non queda moi claro se é o obxectivo ou é unha aplicación casual)

Quizais isto proceda de que é complicado atopar cuestións alxébricas que non sexan nin evidentes nin sofisticadas; ou quizais sexa culpa, como en tantas outras ocasións, dos libros de texto. Nestes é raro atopar actividades alxébricas interesantes. Como moito poderemos achar algún tipo de actividade xeométrica na que hai que identificar as áreas ou perímetros de figuras en función dun parámetro (x habitualmente, claro). Á memoria vén unha actividade na que se requería do alumno calcular as áreas das pezas do Tangram se a dos dous triángulos pequenos é x. Algo así:

   


Por que creo que esta actividade non é axeitada na unidade de Álxebra? Basicamente porque o feito de introducir letras non achega nada novo ao problema: se definimos como unidade de medida a área dos triángulos pequenos, chamándolle "1" por exemplo, temos a mesma solución (e veremos os coeficientes dos monomios da figura). E tamén porque a solución do exercicio non require razoamento alxébrico senón xeométrico, esencialmente cortar figuras e colocalas xuntas para formar outras figuras coa mesma área.

Teño que recoñecer que eu, como profesor da ESO, tampouco fixen moito ata o momento por non caer nesta visión unidimensional da Álxebra. Durante anos os exemplos que acheguei nas aulas reducíronse aos típicos relacionados cos números (se sumas dous impares obtés un impar), os de magos adiviñando números (que adoitan rematar cunha ecuación, aínda que non é necesario) e algúns xeométricos similares ao do Tangram mencionado. 

Mais algún exemplo interesante si que coñezo. O primeiro é un "paradoxo" que non o é, ben coñecido polos amantes das Matemáticas Recreativas. Paso a explicalo:

Imaxina que tes dúas bolsas, a 1ª con 100 bólas negras e a 2ª con 100 bólas brancas. Extraes 10 bólas da 1ª bolsa e mételas na 2ª. Remexes nesta 2ª bolsa e colles 10 bólas e lévalas para a 1ª bolsa, de tal xeito que tes 100 bólas en cada bolsa, só que agora estarán mesturadas (seguramente, pois a probabilidade de que non o estean é 2 en 100 billóns, aínda que tanto ten que non o estean para este problema)
A cuestión é: que hai máis, bólas brancas na 1ª bolsa ou bólas negras na 2ª bolsa?

Sei que este problema é susceptible de ser resolto con razoamentos aritméticos, mais tamén teño comprobado que non todos os alumnos ven con claridade esa solución.

A segunda actividade alxébrica que quero compartir atopeina nun concurso de Matemáticas, o Michigan Autumn do 2000. Tamén é factible resolvela aritmeticamente, mais é interesante fedellar co ferramenta alxébrica:

Un grupo de 200 persoas, 105 mulleres e 95 homes, é dividido ao chou en dúas ringleiras de 100 persoas. Cada persoa dunha ringleira está xusto diante dunha persoa da outra ringleira, de xeito que cada parella se dá a man. Demostrar que o número de apretóns de mans "muller-muller" sempre é 5 máis có de apretóns "home-home", independentemente da colocación da xente nas ringleiras.

Agradecería moito que os amables lectores compartisen outros problemas alxébricos sen ecuacións, para ir xuntando unha colección deles para usar nas aulas.

Grazas por ler/compartir.




20.10.14

Que ten de bo Google+?

Chegas case á hora da cea á casa despois das sempre trepidantes avaliacións iniciais, entras en Google + e a nova máis recente é de Terry Tao. Pensas brevemente que seguir a matemáticos de relevancia mundial (medallas Fields nada menos) crea unha falsa sensación de contacto que define perfectamente o século que vivimos. Achas que Tao está a comentar un problema que lle propuxeron ao seu fillo nun Math Circle, soáche lixeiramente familiar, quizais dos libros de Yakov Perelman ou similares, polo que decides compartilo no teu blogue:


3 granxeiros foron vender polos á feira. Un tiña 10 polos para vender, outro 16 e o último 26. Para non se faceren competencia, acordaron vender os polos ao mesmo prezo. Mais á hora de comer observaron que as vendas non ían moi ben, de tal xeito que decidiron baixar o prezo común. Ao final do día os tres granxeiros venderan todos os seus polos. Resultou que todos obtiveran a mesma cantidade de diñeiro, 35$, das vendas do día. Cales foron os prezos dos polos antes e despois da comida?

Boa sorte con este óso.

15.10.14

Que é interesante nesta figura?


Por unha vez, sabedes a solución e hai que atopar a pregunta


Se non lle vedes nada interesante, sempre tedes a opción de ir ao post orixinal no que lancei o problema que vén responder esta figura. Ao final, en vermello.

10.10.14

Animator vs. Animation IV


Contestando á petición dalgún alumno que solicitaba que deixase de escribir estas cousas de Matemáticas e ensino que chanto por acó e puxese máis xogos (as palabras foron: "Pensa en nós, profe"), hei buscar algún xogo dos que levo poñendo todos estes anos. Aínda que é certo que vai un tempo que ningún xogo do xénero puzzle me engancha como antano.

Mais hoxe, despois de vela en Kuriositas, é  hora de traer outra vez a fabulosa obra de animación de Alan Becker, que xa compartín hai anos.

Moita calidade, bo humor, bullet time e un feixe de bonecos nesta avalancha de cultura pop que vén sendo a serie Animator vs. Animation:





6.10.14

Cal foi máis difícil?

Mal os números, mal os sectores, mal as cores...


Poñédevos en situación: Estatística Descriptiva de 2º de ESO, exercicios de medidas de centralización. Os cativos levan unhas sesións aprendendo e practicando os conceptos e os procedementos. Chanto estes dous exercicios no EDI:


  1. Dos datos 4, 4, 5, 4, 6, 7, 6, x, 5, 2, 3, 4, 5, 5, 8 sabemos que a media é 4'8. Atopa o valor de x, a moda e a mediana.
  2. Dos datos 1, 2, 3, 2, 1, 3, 1, x, y, 1, 2, 3, 5, 1, 2 sabemos que a mediana é 2 e a moda é 1. Atopa a media.

Cal dos dous exercicios pensades que resultou máis complicado e por que?


Outra pregunta: Vaticinar a dificultade dun exercicio, situación habitual no traballo nas aulas, é algo que aprendemos coa experiencia ou existe certa intuición natural? (ben sei que as dúas opcións non son excluíntes)

Sexa a que for a resposta, na miña opinión este modelo de traballo é necesario na formación dos profesores. Estamos moi lonxe desta preparación dos docentes noveis? Alén do Máster do Profesorado de Secundaria, que fan nos centros como titores os profesores veteranos de Matemáticas?

Se contestades ás preguntas, eu cóntovos o que sucedeu na aula con eses exercicios tan inocentes.

1.10.14

The Imitation Game

Xa hai trailer oficial para a esperada (polo menos por min) The Imitation Game, a película baseada na vida do grande matemático Alan Türing, que ten prevista a súa estrea en novembro:







No vídeo podemos ver parte do elenco da película. O protagonista é Benedict Cumberbatch, que leva arredor de catro anos destacando en todo o que fai: Sherlock na BBC, Smaug no Hobbit, secundario en 12 Years a Slave,..., ata existe un adxectivo referido aos seus fans (cousa rara alén dos fenómenos "musicais" de adolescentes). Keira Knightley interpreta á matemática Joan Clarke, outra das criptoanalistas que traballaron en Bletchley Park (alguén non a coñece? Pride and Prejudice, Love Actually, Bend it like Beckham e tamén os piratas eses de Disney). Pero hai unha morea de grandes actores: Mathew Goode (Ozymandias en Watchmen), Rory Kinnear (alguén lembra o infausto primeiro ministro inglés de Black Mirror?), Charles Dance (Tywin Lannister), Mark Strong (lémbroo especialmente polo seu papel en Tinker, Tailor, Soldier, Spy)...

A data de estrea oficial, 14 de novembro, corresponde ao primeiro pase fóra de festivais no Reino Unido. Para España non hai data confirmada, aínda que en países da veciñanza está entre decembro e xaneiro. Eu, por se non quedou claro, estou desexando que chegue.