7.2.15

As mellores ilusións do 2014


Esta entrada vai dirixida aos meus alumnos de 2º de ESO de Atención Educativa. Para quen non o saiba, Atención Educativa é unha non-materia paralela á Relixión. Nela os alumnos que non escollen a Relixión Católica están destinados a facer deberes, ver pasar o tempo ou morrer de noxo, pois a lexislación non permite que haxa contidos académicos, supostamente porque os alumnos de Relixión serían discriminados. Como eu o de papar moscas non o levei nunca moi ben, dedico a hora a ver vídeos curiosos, animacións, ilusións ópticas,... e xogar, basicamente. Como exemplo das cousas que facemos/vemos sirva esta entrada, cuxo xermolo foi un post dos Microsiervos coa ilusión óptica gañadora do concurso(que por certo eliminaron da web). Se tedes interese polo tipo de asuntos que tratamos nesa non-materia, velaquí a web:



Na web Best Illusion of the Year Contest publicaron os gañadores e finalistas do concurso do 2014. Como adoita ocorrer, a gañadora non é a que máis me gusta, aínda que este ano teño claro cal é a razón. Dos 10 finalistas creo que a que ten máis aquel é esta:





Notastes algo estraño no xogo? Supoño que vendo unha partida desde fóra é máis sinxelo decatarse, cando é un o que manexa a Pac-man quizais sexa máis difícil ver "the big picture": o labirinto que percorre Pac-man é xerado aleatoriamente con cada movemento.

Na seguinte ilusión tedes que mirar ao punto central os 4 segundos que dura o vídeo. Quen vedes a cada lado mentres dura o movemento? Quen vedes cando remata?

©2014 Stuart Anstis

A seguinte é unha imaxe estática que crea o efecto de movemento. Observade:

© 2013 archimedes-lab.org

As dúas seguintes ilusións non funcionan comigo:


A primeira, The Rotating McThatcher Illusion, mestura dous efectos ben coñecidos, o McGurk (previously), que amosa como interpretamos os fonemas utilizando a información visual que vén dos beizos e o Margaret Thatcher, no que a posición invertida de rasgos faciais é malinterpretada cando as facianas tamén están invertidas:



© 2014 James W.Dias & Lawrence D. Rosenblum

O outro efecto que eu non vexo chámase A Turn in the Road, e gañou o 3º premio.  Nel hai 3 figuras que representan unhas estradas, dúas figuras son iguais e a outra distinta, mais cando movemos dun lado a outro da pantalla as figuras, deberíamos sentir que eses papeis varían; é dicir, que dependendo da posición na pantalla, a estrada distinta pasa a ser percibida como unha das iguais:



© 2014 Kimberley D. Orsten and James R. Pomerantz

Finalmente chegamos ao gañador deste ano, The Dynamic Ebbinghaus. Neste collemos o clásico efecto Ebbinghaus, agora Ebbinghaus estático, no que percibimos os tamaños en función da súa veciñanza e engadimos movemento, o que sobredimensiona o efecto:



© 2014 Christopher D.Blair, Gideon P. Caplovitz and  E.B.Mruczek



Se queredes ver os demais finalistas, incluíndo algúns que teñen formato de applet e non poden ser inseridos noutras webs, ide á web do concurso, que inclúe ademais as ligazóns orixinais.

0 comentarios:

Post a Comment