10.2.15

Por pura lóxica...-2


Hoxe quero presentarvos a Linda. Linda ten 31 anos, está solteira, é franca e moi intelixente. Licenciouse en Filosofía. Cando estudaba a carreira estaba comprometida cos temas de discriminación e xustiza social, e participou en manifestacións anti-nucleares.
Como ordenarías as seguintes afirmacións segundo a súa probabilidade, sendo 1 a máis probable e 8 a menos probable?

  • Linda é mestra nun colexio.
  • Linda traballa nunha libraría e vai a clases de Ioga.
  • Linda é activista no movemento feminista.
  • Linda é unha traballadora social en psiquiatría.
  • Linda é membro da Liga Sufraxista (para o voto feminino).
  • Linda é caixeira nun banco.
  • Linda é vendedora de seguros.
  • Linda é caixeira nun banco e activista no movemento feminista.

Como imaxino que a tarefa de ordenar as 8 afirmacións é longa e pesada, propoño unha máis breve: ordenar de máis probable a menos probable soamente a 6ª e a última. Déixovos cun vídeo para que pensedes.




Tivestes tempo abondo?

É máis probable que sexa caixeira de banco soamente ou que sexa caixeira de banco e simultaneamente feminista?

Se contestades a segunda opción, estades caendo na falacia de conxunción: se un suceso A está contido noutro suceso B, entón $\small{P(A) \leq P(B)}$, neste caso a situación precisa é $\small{P(X \cap Y) \leq P(X)}$ Pensar o contrario é incumprir unha regra elemental do razoamento.

Pero entón: que hai nesas afirmacións que, aínda coñecendo o feito anterior, tendemos a crer que é máis probable que sexa feminista ademais de caixeira? Pois, como estudaron Amos Tversky e Daniel Kahneman no seu libro Judgment under uncertainty: Heuristics and biases e despois no artigo The conjunction fallacy in probability judgment, resulta que o parágrafo no que presentamos a Linda fai que apareza como representante da categoría "feministas" e como non-representante da categoría "caixeiras de banco". Despois desa categorización, simplemente tentamos axustar as probabilidades ás nosas categorías en troques de utilizar as regras probabilísticas (ou conxuntistas, se preferides).

Coñezo esta falacia quizais desde hai máis de 20 anos, cando a atopei no libro Introducción a la Psicología Cognitiva do catedrático Manuel de Vega, mais esquecéraa totalmente ata que nesta época do pdf e o djvu volvín dar con ela en Thinking and Reasoning de Ken Manktelow e de novo en Thinking, Fast and Slow, do propio Kahneman. Daniel Kahneman e o devandito libro forman parte xa da cultura non científica, probablemente o feito de gañar o Nobel de Economía no 2002 sendo psicólogo axudou a consagralo, e a facer do libro un superventas. O libro está cheo de explicacións que podemos entender os profanos, quizais outro día comente outra falacia do razoamento.

0 comentarios:

Publicar un comentario