27.10.15

Bojagi


Lembrei tarde este xogo, pois xa rematara a unidade de Divisibilidade en 1º de ESO. Porén, leveino onte á aula para que xogasen os alumnos que remataran a folla de problemas de introdución aos números enteiros (i.e., aos números negativos).

A pantalla de inicio do Bojagi só amosa un xogo, ben básico. Premendo no botón List veredes os últimos niveis creados polos usuarios, trocando o número do final da URL podedes xogar tamén os anteriores. 
Coido que creara un nivel eu mesmo cando atopara o xogo, mais como a listaxe non é moi amigable, non me quedou outra que crear un novo nivel. A imaxinación non me deu para máis e chameino 13². É sinxeliño, pódese resolver linearmente:

Outro día fago un cheo de cadrados con números primos


Polo visto o xogo non é orixinal, o cal non é unha sorpresa dado o natural que é a súa mecánica. Na web de Simon Tatham atoparedes unha versión (el mesmo recoñece a un programador previo, nikoli, pola invención do seu xogo Shikaku), chamada laconicamente Rectangles, que é menos atractiva visualmente pero con máis opcións de xogo. 

Para os profesores: Non vos parece axeitado para practicar os divisores e o modelo do produto como área?


0 comentarios:

Post a Comment