29.11.15

Outro xogo de áreas


Xusto despois do meu obradoiro de onte sobre xogos matemáticos na Xornada "As Matemáticas de Coque", o compañeiro Manuel compartiu comigo un xogo a conto do Bojagi, Area Builder. O xogo forma parte da web de Simulacións Interactivas da Universidade de Colorado, PHET, que se non coñecedes ben paga a pena visitar.

Nos dous xogos aparecen as áreas de figuras rectangulares, mais o desenvolvemento corre por camiños diverxentes; mentres Bojagi xira unicamente arredor da visión xeométrica dos factores dun número natural, Area Builder ten máis percorrido: tanto xoga coa relación entre a área e o perímetro como coa descomposición de figuras planas en figuras máis sinxelas, como co concepto de fracción como parte da unidade(e máis ideas que esquecerei agora mesmo).
A aplicación permite investigar como funciona ou mergullarse no xogo, que posúe 6 niveis de dificultade(e variedade). Como mostra, unha captura de pantalla nunha tarefa do nivel 5:

A quen non lle gustan as caras sorrintes?

E como PHET permite embeber as simulacións na túa propia web, velaquí Area Builder:





Aínda así, ide a PHET que hai moreas de aplicacións e ideas útiles para o ensino das ciencias.

Con respecto ao obradoiro de onte, cando teña tempo adaptarei a presentación ao formato web, incluirei os hipervínculos que non tiñan sentido na versión presencial e ampliarei información que comentei pero que non puxen nas diapositivas, pois esteticamente fuxo das presentacións cheas de texto. Tendo en conta que esta semana vou ter todos os exames (e teño 6 materias de 4 cursos distintos) e tamén todas as avaliacións, cando atope un anaco porei ao choio.

Mentres tanto, ide xogar un chisco.

0 comentarios:

Post a Comment