11.8.15

Sumar, multiplicar, tanto ten



Como un dragón da época dos 8 bits,
Twin Dragon Fractal, collido de The Math Kid

Visitando a web da clásica revista Crux Mathematicorum (que leva sen actualizarse desde o ano pasado), vin que os números anteriores a 2009 están dispoñibles en pdf, polo que consultei uns poucos ao chou. Atopei este problema aritmético, que aínda que ben coñecido, non deixa de ser interesante. Eu coñecía o problema con outros números, non sei se dalgún libro ou dunha competición matemática. O que viña na Crux de 1977 dicía:


Unha muller foi á tenda a mercar 4 cousas. Calculando o importe, o nervioso dependente multiplicou os 4 prezos e anunciou que o total era 6.75$ Como a muller xa sumara os prezos de memoria e obtivera a mesma cantidade, pagou a conta e liscou. Supoñendo que os 4 prezos eran distintos, es quen de atopalos?



O conto é axeitado para resolver na praia, só falta o bo tempo.


Agora agardemos que ningún lector espelido me avise de que xa compartira este problema...

5.8.15

Un xogo de seccións


Deixando a un lado as Matemáticas máis técnicas (non era sen tempo), veño compartir un xogo de dar cortes. O interesante é que os cortes hai que dárllelos a corpos tridimensionais, cando o habitual neste tipo de xogos vén sendo dar cortes a figuras planas. O xogo chámase Cut 3D, nome obrigado:


Un papaventos!

A mágoa é que os niveis sexan un pouco repetitivos e as figuras relativamente sinxelas. Con corpos non convexos a variedade podería ser moito maior. A ver se hai sorte e fan segunda parte máis movida.