12.3.16

Cousas que só atoparás nun libro de texto-2


Van case tres anos da primeira vez que trouxen un exemplo de estupidez manifesta nun libro de texto. A entrada, Cousas que só atoparás nun libro de texto, colleitou certo éxito en visitas desde aquela, chegando ao modesto top ten deste blogue.

Hoxe, como xa compartira en twitter o primeiro exemplo que ides ver, non tiña pensado traelo tamén por acó. Foi a aparición do segundo o que me convenceu. Xulgade vós:


Polo menos intuíron que era máis obtuso que agudo

Este exemplo está tirado do libro de "Matemáticas orientadas a las enseñanzas aplicadas" de 3º de ESO da editorial SM, que foi o escollido este ano polo meu departamento. Imaxino aos autores do libro buscando números que fixesen obvio que non había proporcionalidade(24 e 6 son o dobre de 12 e 3, respectivamente, pero 12 non é o dobre de 7), e esquecendo que eses números tiñan que servir como lados dun triángulo, para o cal tiñan que cumprir a desigualdade triangular(surprise, surprise). Un pouco máis adiante, na mesma unidade, hai un exemplo de aplicación directa do Teorema de Tales na que non dan suficientes datos para atopar as lonxitudes(os triángulos non "pechan"), mais non teño foto do libro e na versión on line está corrixido, o cal amosa que é unha simple errata.
En contra do que parece, o libro de texto anterior non é especialmente malo, para ser un libro de texto quero dicir. Xa teño falado destes libros editados para a LOMCE, e o certo é que podían ser peores. Coido que o que máis noxo me dá deste libro é a linguaxe que utiliza, xa no libro de 1º de ESO:

Deberían poñer actividades onde se collese un avión fóra de España


En realidade, nos libros de texto adoita haber erros moito máis graves que o dos triángulos de Cheshire anteriores. Observade como un autor de libro de texto(Santillana, 1º de ESO) pode acabar coa estratexia do profesor en dúas liñas:

A materia da que están feitos os pesadelos dos profesores de Matemáticas


Claro que o libro continúa a súa razzia contra a didáctica das Matemáticas tres páxinas máis adiante, neste caso facendo revolver ao pobre George Polya na súa tumba:

Os alumnos aplauden agradecidos ao leren isto



Exemplos hai miles, se non traio máis é pola pouca atención que lles presto aos libros. E menos que lles prestaría se dependese de min...


0 comentarios:

Post a Comment