Quedei pensando cunha frase que escribín na anterior entrada. Non é que me dedique a ler o que eu mesmo escribo, senón que, como no post anterior houbo que retocar as características do applet de Geogebra tiven que actualizar a vista da páxina en varias ocasións. Como parece que a autocita escapa á infame Lei Lassalle, reprodúzoa aquí:
"Como vin que varios alumnos de 3º tiñan problemas para imaxinar a gráfica dun exercicio de funcións do libro, estiven a fedellar co Geogebra para axudar á explicación"
Isto é, sen dúbida, un erro. Ademais é un erro que tendo a repetir.
E non o parece, a simple vista. Por que é un erro?
Porque se o meu obxectivo como profesor é que os alumnos imaxinen non debería de poñerlles eu unha imaxe diante. Porque iso é o contrario de imaxinar. Porque reproduce o modelo actual de ocio: sen necesidade de entender nada, facendo clic (agora tocando nalgures) tes automaticamente o que desexas.
E seguindo este fío pensei en máis exemplos onde a miña (ou habitual) solución non vén resolver o que pretende, senón que vén emendar ou proporcionar un sucedáneo. Rapidamente viñeron unhas cantas situacións:
- Se un alumno ten dificultades coa resolución de problemas, é erróneo diluír os problemas dando un algoritmo que se aplique a tódolos problemas. Porque iso non é resolver problemas. É outra cousa.
- Se queres que un alumno sexa quen de seguir un algoritmo que consta de varios pasos (resolución de ecuacións con denominadores, trazado da gráfica dunha función cuadrática, etc.), non é boa idea axudarlle a levar a cabo o algoritmo asistíndolle en cada un dos pasos.
- Se pretendes que os teus alumnos vexan que as Matemáticas teñen un carácter deductivo, tampouco é boa idea aplicar mecanismos sen motivación lóxica. Isto é complicado de evitar, pois nos curricula temos exemplos como a Regra de Ruffini, difícil de xustificar no segundo ciclo de E.S.O. Por non falar do deostado e raramente entendido (e explicado) algoritmo da raíz cadrada...
Por se alguén cre que servidor proclama ter alternativas ao anterior, teño que recoñecer que non as teño, pero sigo a buscar. Sería interesante que a Administración educativa promovese a reflexión sobre o curriculum e a metodoloxía entre profesionais. Sucede que a Administración está máis preocupada en organizar exames estandarizados para que deixemos de traballar contidos matemáticos nas aulas e pasemos a preparar tests.
Deixemos a carraxe á parte mentres vemos un precioso vídeo da NASA:
0 comentarios:
Publicar un comentario