Rematamos os problemas deste ano da olimpíada matemática galega cun de combinatoria enumerativa:
Se cambiamos as letras da palabra BARCO de todas as formas posibles podemos formar moitas palabras, con ou sen sentido. Ordenándoas alfabeticamente, en que posto aparece a temida COBRA?
Cambiei de opinión: probablemente esta fose a cuestión máis sinxela da olimpíada. Para o tipo de alumnado que chega a estes niveis, a dificultade que presenta non vai ser tal. E se algún tivo clases de combinatoria en ESTALMAT, xa non digamos.
O problema ten un aquel ao que se facía en 1º de BUP hai moitos anos, cando había que indicar a orde dun número concreto creado con certas cifras dadas, problema que adoitaba rematar pedindo a suma de todos os números dese xeito, etc.
Neste caso, para nós é evidente que hai 5!=120 palabras con esas letras, 4!=24 comezando por cada letra, co cal hai que ir ás que comezan por C e ver cantas comezan por O, ...
Se me preguntades a min, sempre me parece ben poñer algún razoamento enumerativo deste tipo. Curioso que fose o último, non sei se influiría no desempeño isto, que os cativos normalmente van por orde.