Seica unha tartaruga cun cadrado máxico no lombo non ten medo ás Matemáticas? |
Colles un libro calquera da túa colección matemática. Ano 1943, Mathematician's Delight, W.W.Sawyer. Miras o índice, ves que ten un capítulo (o primeiro) titulado "O pavor ás Matemáticas". Les as primeiras liñas e dás con isto:
"The fear of mathematics is a tradition handed down from days when the majority of teachers knew little about human nature, and nothing at all about the nature of mathematics itself. What they did teach was an imitation."
Mathematician's Delight, Walter Warwick Sawyer, capítulo The Dread of Mathematics.
En galego máis ou menos vén sendo:
O temor ás Matemáticas é unha tradición que provén dos días nos que a maioría dos profesores sabía pouco sobre a natureza humana, e nada en absoluto sobre a natureza das propias Matemáticas. O que eles ensinaban en realidade era unha imitación.
A primeira reacción ante esta reflexión é de acordo. Alén da coincidencia que moita xente pode ter con esa idea nebulosa de profesores incompetentes (pouca xente non tivo algún contacto cun profesor así, e iso adoita mediatizar a visión sobre a educación), o feito de incidir na ignorancia sobre as Matemáticas dos profesores é novidoso, tendo en conta que o libro é de 1943.
Pero... só iso xustifica a existencia do medo ás Matemáticas?
Vexamos: se por si mesma a incompetencia (humana e intelectual) dos profesores de Matemáticas provocase o fenómeno do devandito pavor, imaxino que tal fenómeno debería aparecer noutras materias escolares. Supoñendo, claro está, que o grao de incompetencia dos profesores sexa unha variable equitativamente distribuída entre as distintas disciplinas (falta dicir: e incorreladas...). Non atopo razón que me faga pensar que non fose así na época da que fala o autor. E ben: existe o fenómeno do medo ás Ciencias Sociais, á Lingua ou ás TIC? Non chegou ao meu coñecemento, polo menos, a súa existencia. E en calquera caso, o medo ás Matemáticas si resulta ter unha entidade de tal magnitude que ocupa artigos e libros de expertos en educación e psicoloxía. Ata existe a Mathematics Anxiety Rating Scale (MARS)!
En consecuencia: non haberá algún outro factor que produza a "Mathematical anxiety"?
Como mínimo veñen dous á mente: a busca de solucións exactas e unívocas nas escolas e a dificultade intrínseca da materia.
Dun xornal noruegués no que falaban do mal que o facían os cativos do país en PISA. Esperemos que fose un exemplo do que non había que facer... |
Con respecto á primeira, moito se ten escrito e falado sobre a burremia dos profesores que non admiten solucións alternativas e imaxinativas aos problemas que propoñen. É curioso, pero podo falar por min e por moitos compañeiros se digo que propoñemos certos problemas con ánimo de motivar solucións distintas ás "canónicas" (non valoro se o traballo que facemos facilita a aparición de tales solucións, só a nosa disposición posterior ante as eventuais solucións). Pero tamén é certo que, ao nivel de Matemáticas que calquera cidadán tivo que estudar, que inclúe principalmente a Aritmética, a énfase recae sobre actividades mecánicas máis que en problemas. E nese ámbito é complicado que haxa creatividade. Hai unha solución boa, e infinitas solucións malas. Que lle imos facer... Aínda por riba existe a patoloxía da discalculia, fatal no momento no que se traballa basicamente a Aritmética, mais tamén existe a dislexia no ámbito lingüístico.
Volvendo á busca de solucións únicas por camiños de baldosas amarelas, esa circunstancia tamén se dá nos exercicios de gramática de calquera lingua, ou nas actividades de Xeografía, nos exercicios de circuítos eléctricos... Así que a univocidade das respostas correctas non define ás Matemáticas. Probemos coa outra característica.
Pois ben, que sucede coa dificultade da materia? Tampouco parece ser razón suficiente, pois sempre houbo outras materias tan (ou máis) complicadas como as Matemáticas. Hoxe temos a Física, que en cursos altos da secundaria é probablemente máis complicada que as Matemáticas. Noutros tempos o Latín ocupou un lugar preponderante en dificultade. Incluso levamos certo tempo vendo como o número de suspensos na ESO vai migrando cara ás materias lingüísticas (quen sabe a razón?).
Onde nos deixa isto? Outra vez na saída. Ningún dos dous factores é exclusivo das Matemáticas. Pero nalgures ten que estar a orixe. Algúns autores teñen argumentado que os profesores que teñen escasa formación matemática poden proxectar nos seus alumnos a ansiedade que lles producen a eles mesmos as Matemáticas. Quizais iso funcione como explicación noutros países; aquí en España os profesores están máis ben sobrecualificados (como mostra: nos 9 anos que levo dando clase non atopei ningún concepto dos que tiven que traballar que non coñecese e dominase cando tiña 17 anos- e esa foi a idade coa que empecei a carreira). Non me queda outra opción que a de botar papas fronte a este medo ás Matemáticas. Quizais , como afirma Sawyer, provén doutras épocas nas que estes factores si eran determinantes, e a análise da situación actual non leve a ningures. Quen sabe.
E así chegamos ao final doutro post máis no que, despois de debullar certos aspectos do ensino das Matemáticas, quedamos como estabamos, pero coa sensación de sermos un pouco máis ignorantes. Xenial. Bo momento para tentar crear un par de actividades sobre ecuacións...