16.10.25

Certa dificultade

 

   

Debido a que improvisei un boletín de repaso de álxebra da ESO en Matemáticas I, non tiña pensado explicar unha cuestión totalmente elemental, referida á división enteira, e non tiña fresco na memoria o difícil que lles resulta aos cativos sen certa axilidade aritmética. 

O asunto comeza coa división de polinomios e en concreto coa regra de Ruffini, que, como é ben coñecido, é un método para dividir un polinomio calquera entre un binomio co aspecto $x-a$ (que eu normalmente traballo sen explicar por que funciona, sorry not sorry). O típico exercicio de práctica consiste simplemente nunha relación de dividendos e divisores sen dobrez ningunha. Pero, como cando o demo non ten que facer, co rabo torna as moscas, algunha dificultade engadida tiña que incluír.

Polo que despois dun cálculo do tipo $(x^4-3x^2+2x-5):(x+3)$ ou $(x^3-x^2+x+3):\left(x-\frac{1}{3}\right)$, de súpeto, sen avisar, aparece un do estilo:
$$(x^4-2x^3+x^2-4x+3):(2x-1)$$

Que, se somos rigorosos, non está ben graduado, pois inclúe dúas dificultades simultaneamente: o coeficiente principal 2 e o feito de que vai aparecer unha fracción ao sacar factor común.

Obviando isto, a dificultade principal é outra, como levar a cabo a división

 $$(x^4-2x^3+x^2-4x+3):\left[ 2 \left(x-\frac{1}{2}\right)\right]$$

E non imaxinades (ou si, que sodes moi listos) o imposible que lles resulta a moitos entender isto.

Para explicalo, amoso esta división numérica:
$$\frac{132}{2 \cdot 3}$$

E que coincide con $$\frac{\frac{132}{3}}{2}$$
Isto xa supón unha parada, pois algúns non viron nunca que nese denominador $2 \cdot 3$, tanto 2 como 3 están a dividir ao numerador. Despois dalgún exemplo máis para clarificar, acaban por ver que o camiño na división polinómica orixinal pasa por dividir por $x-\frac{1}{2}$ e despois dividir outra vez por 2.

Pero hai outro problema, que o exemplo $\frac{132}{2 \cdot 3}$ elude: e se a división é enteira, que ocorre co resto? E crédeme, non resulta evidente nin desde logo automático.

Neste momento hai que buscar ben un exemplo, p.ex.
$$\frac{132}{20}$$ e $$\frac{132}{40}$$

Onde vemos que na primeira división o cociente é 6 e o resto, 12; mentres que na segunda o cociente é 3 pero o resto é tamén 12. E os alumnos esperaban que o resto tamén se dividise entre 2.
Como explicar por que pasa isto?
Pois co que moitos alumnos seguen denominando "a proba da división", é dicir, que $D=d \cdot c+r$
$$132=20 \cdot 6+12$$
$$132=40 \cdot 3+12$$
A segunda igualdade dedúcese da primeira,
$$132=20 \cdot 6+12 \rightarrow 132=20 \cdot 2 \cdot 3+12 \rightarrow  132=40 \cdot 3+12$$

Como a miña intención non era ser rigoroso senón facer entender (se preferides, facer verosímil), non comentei nada do caso no que a primeira división deixa un cociente impar, no que a igualdade xeral $D=\frac{d}{2} \cdot (2c) +r$ segue a ser certa, pero o número $\frac{d}{2}$ non é natural, e o cociente neste caso sería $\frac{d-1}{2}$, ou, se gostades da función parte enteira coma min, $\left[\frac{d}{2}\right]$

Se nalgunha ocasión tivestes que explicar a suma de números en notación científica e vistes as dificultades para que entendan por que $3 \cdot 10^5=0,3 \cdot 10^6=30 \cdot 10^4$ ou, horreur, o equivalente en expoñentes negativos, $3 \cdot 10^{-5}=0,3 \cdot 10^{-4}=30 \cdot 10^{-6}$, non vos sorprenderá nada nesta entrada(por que se multiplicas a mantisa non multiplicas tamén a potencias de 10?) Resumindo moito, as cuestións nas que hai unha idea moi elemental resultan máis difíciles que outras máis sofisticadas(alguén pensando na Combinatoria baseada na regra do produto?).

Para rematar, queredes ver como era a última división? Seguro que si (ehem):

$$(x^3+3x^2-2x+7):(1-x)$$

Situación que, curiosamente, resulta máis sinxela no reino dos polinomios que no ds números negativos. 

13.10.25

Un inesperado caso de anumerismo

 

Nos últimos tempos volvín ler divulgación científica, o que pode non resultar moi sorprendente se non me seguistes nunca en twitter ou agora que Elon Musk went full nazi, en bluesky:


U-OH (Vedes? Por estas cousas son hater da divulgación, e iso que esta é matemática)

[image or embed]

— jjcanido (@jjcanido.bsky.social) Mar 29, 2025 at 19:33

 

E tanto que volvín, que este ano 2025 van 3 libros de divulgación: Mapmatics, de Paulina Rowińska, Vector, de Robyn Arianrhod, e agora Nuestra Especie, do sempre fascinante Marvin Harris.

Non é o meu propósito comentar o libro de Harris como fixen hai pouco co de Rowinska, tendo en conta que o libro foi publicado en 1989, 14 anos despois do seu bestseller Cows, Pigs, Wars and Witches, que foi polo menos no que eu o descubrín haberá, iso si, hai "só" 30 anos. O libro cumpre totalmente co modelo do que eu entendo que ten que ser a divulgación: aprendes algo realmente léndoo (non sempre pasa, aínda que un quede coa sensación de que si), dá unha visión estruturada da disciplina/materia da que fala, e non menos importante, é divertido e está ben escrito.

Pero repito, non é ese o meu propósito, senón apuntar un erro totalmente elemental que me sorprendeu atopar. Tanto, que tiven que ler varias veces a pasaxe e botar eu unhas contas.

No capítulo Placeres furtivos (lin o libro traducido ao castelán) o autor acomete o tema da sexualidade feminina, e en particular as relacións extramaritais, comparadas coas dos homes. E menciona o único estudo (naquel momento polo menos) no que se aborda este asunto, o de 1969 de Thomas Gregor, "Social Relations in a Small Society: A Study of the Mehinacu Indians of Central Brazil".

Coa intención de rebater a Gregor e a Bronislaw Malinowski (en The Sexual Life of Savages, sobre as mulleres das illas Trobriand), que despois de presentar datos equivalentes sobre relacións en homes e mulleres, negan que a pulsión das mulleres sexa puramente sexual/hedonista, Harris mete a zoca de xeito descoidado. Observade a seguinte táboa coas relacións extramaritais dos mehinacu que presentou Gregor:

   

E que conclusión tira Harris dos datos?

   
De hecho, el promedio de asuntos extramaritales era más elevado en las mujeres que en los hombres -5,1 frente a 4,4 per cápita- y, si únicamente contamos a las mujeres que efectivamente se prestaban al juego, su promedio ascendía a 6,3 por mujer...

Como apuntei antes, coido que Harris tiña tantas ganas de negar a visión dos outros antropólogos, que afirmaban que os homes tiñan pura pulsión sexual mais as mulleres ponderaban os beneficios materiais, que lle puido a paixón. Pois, se observamos esa táboa, veremos que as relacións dos homes son en total 88, e as das mulleres tamén (para iso está a función suma.produto da folla de cálculo, amigos), é dicir, que só se contabilizaron relacións heterosexuais, polo que, Marvin Harris, LOXICAMENTE vai ser maior a media das relacións das mulleres, QUE SIMPLEMENTE SON MENOS. E aínda por riba, exclúe as que non tiveron relacións, POIS PEOR HOME, PEOR.


Non me resisto a compartir a explicación que dá o tal Gregor sobre as mulleres que non tiñan relacións, que continúa o parágrafo anterior:

   

...tenían eran presumiblemente «las viejas, enfermas y nada atractivas», que, según Gregor, no despertaban el interés sexual de los varones.)

Se o obcecado son eu, benvido o amable lector que me faga ver o asunto desde outra perspectiva. 

8.10.25

Unha ficha de potencias

 

      

É cousa miña ou o de compartir recursos na rede está un chisco parado?

Ou será que o que vexo é que non hai recursos de calidade na rede?

Se o que sucede é isto último, non vou ser eu quen de solucionalo, obviamente, pero unha ficha barateira de potencias para 1º de ESO si que podo compartir.



Como sempre, usade o que queirades, non fai falta que mencionedes nin nada, que o que poida parecer xenuinamente orixinal meu non vai deixar de ser un refrito máis ou menos encuberto.


P.S.: non me decatei de avisar de que o triángulo de Sierpinski non o fixen eu, senón que o collín da miña principal referencia, Median, do finado Don Steward.