A unha semana do comezo das clases máis estraño que temos visto, vou compartir unha actividade que fixen no curso 2018/19 coa miña titoría de 3º de ESO. Veredes que, en realidade, a actividade é transportable a calquera curso da ESO ou mesmo 1º de BAC, depende do titor, se quere enfatizar a análise matemática das gráficas ou o diálogo titor-clase.
Para empezar, coñecía a gráfica de xkcd de arriba, na que podemos ver a idea das coordenadas cartesianas de xeito informal. Os eixes non están numerados, non está localizada a unidade, a colocación relativa das froitas só dá unha idea difusa do sinxelo que é comela e do saborosa. Deste xeito, podemos ver que Randall cre que as uvas con sementes son máis difíciles de comer que as uvas sen sementes(aínda que seguen a ser máis sinxelas que difíciles) mais son un chisquiño máis saborosas. Para isto non é necesario indicar a unidade en cada eixe, de feito, habería que dar un significado ao 1 na magnitude "dificultade para comer a froita" E que significado tería -3? E aínda sen unidades, podemos facer preguntas (e esperar respostas coherentes) como "Que teñen en común as mazás verdes e as vermellas? En que se distinguen?"
Pois con esta gráfica na memoria, decidín probar o seguinte: amosei no EDI a imaxe, discutimos un anaco sobre as nosas opinións acerca do sabor e a dificultade(non hai nada como os gustos persoais para que a conversa sexa acalorada), e despois propuxen que cada alumno elaborase nunha cuartilla cadansúa gráfica, cos mesmos eixes que na de xkcd, sinxelo-difícil e non me gusta-gústame e coas materias de 3º de ESO en troques das froitas. Velaquí algunhas das producións:
0 comentarios:
Publicar un comentario