14.7.13

Últimas revisións de xogos clásicos


Durante xuño apareceron varios xogos na rede que revisan iconas da animación interactiva (dos videoxogos, vaia). O curioso é que se dera esa simultaneidade sen pertenceren a ningunha iniciativa do tipo do Ludum Dare. Se algo teñen en común estes xogos, ademais do xa mencionado, é que todos son bastante irritantes.

O primeiro é Omino, unha revisión (outra máis) do clásico entre os clásicos, o Tetris. A mecánica do xogo é a de sempre, figuras poligonais van caendo na pantalla de xogo e hai que colocalas de tal xeito que formemos liñas horizontais sen ocos. Acabo de descubrir a pólvora. Pero a variación radica nas figuras que caen: comezamos xogando con 1-minós, é dicir, simples cadrados, ao pasarmos de nivel xogaremos con 2-minós, i.e., rectángulos formados por dous 1-minós, no seguinte nivel xogaremos con 3-minós, que xa presentan algo de variedade (pezas L ademais de rectángulos con 3 1-minós), no 4º nivel xogaremos cos tetrominós, que é o Tetris usual, e así sucesivamente. Obviamente a irregularidade das pezas nos niveis superiores fará máis complicado non deixar ocos e por tanto "facer liñas". Hai un par de items que axudarán a pulir eses ocos, non volos explico pois a súa función é ben intuitiva.

Hexominós
En segundo lugar temos Tic-Tac-Toe-Ception. O Tic-Tac-Toe é o nome que lle dan en países anglosaxóns ao "3 en raia", xogo dos máis parvos que teño visto nos cadernos dos alumnos de secundaria (cando eu era alumno era típico na EGB xunto aos "Ceros" e os "Barcos"). O 3 en raia non dá moito de si, así que nesta versión feita na Khan Academy o xogo é revirado deste xeito:

  • O taboleiro de xogo está composto por 9 mini-taboleiros normais do Tic-Tac-Toe.
  • O obxectivo do xogo é facer 3 en raia con partidas gañadoras neses mini-taboleiros.
  • O lugar onde colocas o teu símbolo O determina o seguinte mini-taboleiro onde vai xogar o contrincante.
  • Para gañar un mini-taboleiro tes que facer 3 en raia nel do xeito usual. Gañar nun mini-taboleiro "clausura" ese taboleiro para o resto da partida. Tamén están clausurados os taboleiros sen celas baleiras.
  • Se o mini-taboleiro ao que é enviado un xogador está clausurado, o xogador poderá escoller o taboleiro onde xogar.
Inevitable pensar no Sudoku aínda sen relación algunha


Por certo, o nome Tic-Tac-Toe-Ception provén, erroneamente, da película Inception, titulada "Origen" en España. É un malentendido espallado pola rede o de crer que inception é un sinónimo de recursividade, entendendo que o título da película tenta explicar o concepto de "soño dentro dun soño dentro dun soño...". Mais o termo inception fai referencia en realidade ao proceso de implantar/introducir unha idea na mente doutra persoa. Aínda que vendo os comentarios pola rede creo que esta é unha batalla perdida.

E o último xogo é BRICK[bricksmash]SMASH. O título fai soar a campá, non si? O nome máis habitual do xogo orixinario é Breakout (versión de Atari), eu coñézoo desde hai décadas como Arkanoid (pola versión de Taito para arcade). En calquera caso é o xogo no que hai que romper cunha bóla os bloques na parte de arriba da pantalla. Nesta revisión o que sucede é que en cada bloque hai unha réplica do xogo, e cada vez que lle damos a un bloque aparece dentro del unha nova bóla. Non rompemos o bloque ata que o mini-xogo dentro del remate, é dicir, ata que rompamos os bloques interiores.

Non morrer é demasiado sinxelo
O único aspecto negativo deste xogo é, na miña opinión, que a barra sexa movida co rato e non co cursor. Unha mágoa.



Destes tres xogos probablemente resulte o Tic-Tac-Toe-Ception o máis adictivo. Vós diredes.

2 comentarios:

  1. Aínda que incluso en Muimenta [http://xotramu.blogspot.com.es/2009/05/o-tres-en-raia.html] lle chaman tres en raia, eu sempre o coñecín o Tic-Tac-Toe como o Pai-Nai-Fillo, que é o que se berra ao gañar.
    Problema: como tería eu que nomear o Tic-Tac-Toe-Ception?

    ReplyDelete
  2. Que interesante, non che sabía nada do Pai-Nai-Fillo. A dicir verdade creo que descubrín o nome Tic-Tac-Toe despois de ler esta banda de Mafalda: Gané al Tá-Té-Tí
    A tradución véxoa complicada... tanto se pretendes ir polo camiño (trabucado) de Inception como se vas pola idea xenuína: "Tres-Tres en raia-en raia"? Fíxate que sigo o estilo do último xogo do post, BRICK[bricksmash]SMASH
    Pode que haxa unha alternativa intelixente como a de GNU is Not Unix...

    ReplyDelete