Amosando publicacións coa etiqueta Anumerismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anumerismo. Amosar todas as publicacións

18.4.26

Innumeracy, 30 anos despois

  

 

Sen buscalo atopei pola casa El hombre anumérico. El analfabetismo matemático y sus consecuencias, do afamado matemático John Allen Paulos. Nin sabía que andaba por aquí, ou quizais si, pero é habitual non prestar moita atención a libros que liches hai tempo, se non son de consulta frecuente(penso no Boyer ou o Grimal). E resulta que este foi o primeiro libro de divulgación matemática que lin na carreira, grazas a unha compañeira(profesora de secundaria tamén, daquela era o que queríamos moitos) que o tiña na pensión. E deume por pensar que só lembraba o concepto mais nada en realidade do contido do libro. E tiven que relelo.


O que pasou despois non vos sorprenderá.


Cando o lin por primeira vez, antes dos 20 anos, eu entraba no público obxectivo deste libro. Agora, con case 50, xa non.


O libro segue destilando sentido do humor, pon exemplos acertados, ten anécdotas curiosas e, obviamente , apunta a un problema serio da sociedade, o anumerismo. E inclúe mencións a traballos de Tversky e Kahneman, que ata esta semana eu xuraría que non coñecera ata 2006 (máis ou menos), e resulta que xa lera sobre eles hai 30 anos, a desmemoria vaime alcanzando.


Entón, que ten o libro para que quedases murcho, J?


Vexamos o que fai o autor: en exemplos de anumerismo utiliza probabilidade elemental (e combinatoria enumerativa cando é necesario) para amosar que fenómenos que algunha xente ve como excepcionais son en realidade bastante probables. Paréceme o camiño evidente que hai que seguir, aí non teño obxeccións. O libro ten cinco capítulos: un introdutorio con moitos exemplos liviáns, que a estas alturas xa son ben coñecidos(pensemos que o libro se publicou dez anos antes da xeneralización de internet, habería que dirimir se a fonte deses exemplos é esta obra ou xa eran coñecidos con anterioridade), o 2º dedicado á probabilidade e coincidencia(aínda que no 1º xa se introducira), o 3º á pseudociencia; o 4º ás fontes do anumerismo; o 5º á estatística en xeral, que presenta unha zarangallada de ideas, desde o consabido correlación/causalidade aos nesgos ante a toma de decisións, pasando polo dilema do prisioneiro.

Aínda que o 5º capítulo semella un engadido para rematar o libro sen moita conexión cos anteriores, e o capítulo da pseudociencia vén sendo unha enumeración de anécdotas, é o dedicado ás fontes do anumerismo o que me pareceu o máis frouxiño. Visto en 2026 resulta unha colección de opinións máis ou menos fundadas, algunhas un chisco resesas.

Recomendaría este libro a alguén que me preguntase en persoa?

Depende de quen me preguntase. Para alguén que non lese moita divulgación de matemáticas/estatística/lóxica, seguramente si.


Non me podo subtraer a compartir unha anécdota que, dado o protagonista, aínda é máis hilarante. No capítulo 3, sobre a pseudociencia, o autor menciona a orixe do estudo dos biorritmos: un médico amigo de Freud, Wilhem Fliess, inventou que existen uns ciclos periódicos que determinan moitos aspectos das nosas vidas desde o nacemento. Aínda máis: inventou tamén que os números 23 e 28 eran  supostamente os períodos duns certos ciclos metafísicos, masculino e feminino respectivamente. E que tiñan a propiedade de que, sumando e restando múltiplos de 23 e 28, podes acadar calquera número.

É dicir: podes atopar unha solución en números enteiros x e y á ecuación $23x+28y=N$, sendo N calquera número que penses.

Tremendo, eh?(inseride aquí gif do nacho dos aliens do canal Historia)

Se non fose porque 23 e 28 non teñen ningunha propiedade excepcional, estas ecuacións case aleatorias que vou poñer tamén teñen solución para calquera N:

$25x+28y=N$

$23x+22y=N$

$2x+y=N$

$5001x+500y=N$

$10x+21y=N$

Pois serve calquera parella de números coprimos. Cousa que sabemos desde hai centos de anos, pois o arquicoñecido algoritmo de Euclides proporciona as solucións da ecuación diofántica lineal.

Freud, non contento con papar enteiro o asunto dos biorritmos, chegou a pensar que ía morrer con 51 anos, pois 51=23+28. Sorprendentemente (supoño) para el, durou 32 anos máis. Quen sabe se cando cumpriu os 52 non actualizou a profecía a morrer con 644=23·28.


Animará esta entrada a que algún humano lea o libro? Algún bot?

13.10.25

Un inesperado caso de anumerismo

 

Nos últimos tempos volvín ler divulgación científica, o que pode non resultar moi sorprendente se non me seguistes nunca en twitter ou agora que Elon Musk went full nazi, en bluesky:


U-OH (Vedes? Por estas cousas son hater da divulgación, e iso que esta é matemática)

[image or embed]

— jjcanido (@jjcanido.bsky.social) Mar 29, 2025 at 19:33

 

E tanto que volvín, que este ano 2025 van 3 libros de divulgación: Mapmatics, de Paulina Rowińska, Vector, de Robyn Arianrhod, e agora Nuestra Especie, do sempre fascinante Marvin Harris.

Non é o meu propósito comentar o libro de Harris como fixen hai pouco co de Rowinska, tendo en conta que o libro foi publicado en 1989, 14 anos despois do seu bestseller Cows, Pigs, Wars and Witches, que foi polo menos no que eu o descubrín haberá, iso si, hai "só" 30 anos. O libro cumpre totalmente co modelo do que eu entendo que ten que ser a divulgación: aprendes algo realmente léndoo (non sempre pasa, aínda que un quede coa sensación de que si), dá unha visión estruturada da disciplina/materia da que fala, e non menos importante, é divertido e está ben escrito.

Pero repito, non é ese o meu propósito, senón apuntar un erro totalmente elemental que me sorprendeu atopar. Tanto, que tiven que ler varias veces a pasaxe e botar eu unhas contas.

No capítulo Placeres furtivos (lin o libro traducido ao castelán) o autor acomete o tema da sexualidade feminina, e en particular as relacións extramaritais, comparadas coas dos homes. E menciona o único estudo (naquel momento polo menos) no que se aborda este asunto, o de 1969 de Thomas Gregor, "Social Relations in a Small Society: A Study of the Mehinacu Indians of Central Brazil".

Coa intención de rebater a Gregor e a Bronislaw Malinowski (en The Sexual Life of Savages, sobre as mulleres das illas Trobriand), que despois de presentar datos equivalentes sobre relacións en homes e mulleres, negan que a pulsión das mulleres sexa puramente sexual/hedonista, Harris mete a zoca de xeito descoidado. Observade a seguinte táboa coas relacións extramaritais dos mehinacu que presentou Gregor:

   

E que conclusión tira Harris dos datos?

   
De hecho, el promedio de asuntos extramaritales era más elevado en las mujeres que en los hombres -5,1 frente a 4,4 per cápita- y, si únicamente contamos a las mujeres que efectivamente se prestaban al juego, su promedio ascendía a 6,3 por mujer...

Como apuntei antes, coido que Harris tiña tantas ganas de negar a visión dos outros antropólogos, que afirmaban que os homes tiñan pura pulsión sexual mais as mulleres ponderaban os beneficios materiais, que lle puido a paixón. Pois, se observamos esa táboa, veremos que as relacións dos homes son en total 88, e as das mulleres tamén (para iso está a función suma.produto da folla de cálculo, amigos), é dicir, que só se contabilizaron relacións heterosexuais, polo que, Marvin Harris, LOXICAMENTE vai ser maior a media das relacións das mulleres, QUE SIMPLEMENTE SON MENOS. E aínda por riba, exclúe as que non tiveron relacións, POIS PEOR HOME, PEOR.


Non me resisto a compartir a explicación que dá o tal Gregor sobre as mulleres que non tiñan relacións, que continúa o parágrafo anterior:

   

...tenían eran presumiblemente «las viejas, enfermas y nada atractivas», que, según Gregor, no despertaban el interés sexual de los varones.)

Se o obcecado son eu, benvido o amable lector que me faga ver o asunto desde outra perspectiva. 

23.12.13

Anumerismo nas "élites"

"Cada aparato kindle, o e-book, o de libro electrónico existente en Francia, compra una media de 4,6 libros al año. En Italia, país con fama de no muy honrado, son 4,4 los que adquiere legalmente cada usuario. En España, el porcentaje es de 0,6"
Tirado de Las Bandas de la Banda Ancha, escrito por Javier Marías en El País Semanal


O artigo de Javier Marías continúa coa habitual diatriba contra as novas tecnoloxías desde a perspectiva do copyright e os dereitos de autor, onde confunde, como é usual, os dereitos de autor cos dereitos ao lucro, a copia física coa copia privada, e a ferramenta co seu uso. Pero non quero falar hoxe dese tema(nunca me resultou interesante) senón que quero salientar a barbaridade que hai nese breve parágrafo. Se non a vistes, pensando que ía centrarme nos dereitos de autor, lédeo agora buscando desde o punto de vista matemático.



En efecto: porcentaje. Aínda que o culto lector xa o sabe, sinto a necesidade de lembrar sucintamente que é unha porcentaxe:

Como todo o mundo sabe, o sistema numérico que utilizamos acotío é posicional e baseado no número 10. Isto provoca que as contas nas que intervén o número 10 e as súas potencias sexan especialmente sinxelas (e tamén nas que aparecen o 2 e o 5). E tamén que as fraccións $\small{\frac{a}{b}}$ teñen varios significados, todos eles interrelacionados:

  • En primeiro lugar unha fracción $\small{\frac{a}{b}}$ indica que partimos certa cousa (chamada unidade) en b cachos iguais e tomamos a deses cachos.
Moi orixinal

  • Por outra banda a fracción $\small{\frac{a}{b}}$ indica unha razón, é dicir, unha relación entre magnitudes; por exemplo, se facemos 200 quilómetros en 4 horas, a fracción $\small{\frac{200}{4}}$ significa...(déixase como exercicio para o lector)

  • Por último $\small{\frac{a}{b}}$ é un número (racional, para máis inri), e como tal ten unha representación na recta real (e ademais, sinxela de atopar grazas a Thales)


Un terzo, dous terzos...


Se unimos á utilidade obvia das fraccións o feito de que o noso sistema fai máis sinxelo traballar con potencias de dez, veremos que as fraccións con denominador 10, 100, ...teñen que ser axeitadas.
Pois chegamos por fin: as fraccións con denominador 100 chámanse porcentaxes, e a súa notación é universal:
$$\frac{25}{100}=25\%$$


Entón... que significa no parágrafo do comezo "el porcentaje es de 0,6" Que porcentaxe? Onde hai unha ratio con denominador (ou consecuente) 100? Por que isto cheira a que calquera dato relativo, calquera ratio... podería ser chamada "porcentaje" polo autor, reputado escritor por outra parte?

Sei que manteño unha opinión que non está moi de moda, pero eu estou de acordo co artigo The Two Cultures de C.P. Snow. E tendo en conta o affair Sokal, a miña (polémica) aposta é que, mentres os da outra beira da cultura non fagan un esforzo, esta división vai permanecer.


9.10.12

A realidade está aí fóra

Math Fail, again

Supoñamos que un profesor de Matemáticas dá, entre outros cursos, 3º de E.S.O. Supoñamos que está a traballar o contido das porcentaxes, no que previamente xa relacionou estas coas fraccións. Tamén que os seus alumnos teñen dificultades para distinguir estas dúas situacións:

  • Tiña 400 €. Gastei o 20% nun monitor. Canto gastei?
  • Gastei o 20 % dos cartos que tiña nun xogo que custaba 45 €. Cantos cartos tiña?
Imaxinemos que o profesor, para tentar disipar as dúbidas, fai os seguintes diagramas (máis ou menos):


Supoñamos que o profesor fracasa lamentablemente no seu propósito.

Saiamos da aula e vaiamos a unha tenda de roupa.

Imaxinemos que o devandito profesor volve a esa tenda para reclamar que lle fixeron pagar os arranxos (7'5 €, por exemplo) nunhas prendas cando estaba exento deles por ser socio. Supoñamos que, para enlear o asunto, na factura orixinal o profesor pagara un 40% menos por ser socio, co cal nesa factura non pagara os 7'5 €  totais de arranxo, senón o 60%.

Imaxinemos a cara dos responsables da tenda cando o profesor afirma que entón teñen que devolverlle o restante 60% do prezo dos arranxos, xa que o outro 40% xa fora descontado. Pensemos agora cal é a solución a este dilema que buscan os dependentes, mentres manteñen a cara de estupefacción ante o profesor.

En efecto: "miremos que pon a máquina".

Curiosamente, a máquina dáballe a razón ao profesor, tiñan que devolverlle o 60% de 7'5 €, é dicir, 4'5 €.

Pensemos agora como todo o ambiente tenta minar a reflexión e o razoamento. Quizais o choio non sexa sinxelo.

17.7.12

A suba do IVE

Nos puntos porcentuais non penso entrar...

Para entendermos de xeito cabal a competencia matemática e o nivel de esforzo que require acadala é sempre útil botar unha ollada ao tratamento que fan os xornalistas deste país das novas nas que aparecen números, proporcións, porcentaxes, gráficas,... e deste xeito compararmos o coñecemento e a destreza que teñen adultos "competentes" coa que queremos que obteñan os alumnos arredor de 3º de E.S.O. O tema é recorrente neste blogue, como pode ser comprobado aquí,  aquí ou aquí.

Hoxe é necesario revisar un concepto que adoitaba ser, senón sinxelo, polo menos non complicado: a porcentaxe. Con motivo dos recortes á calidade de vida da cidadanía e á suba de taxas, estamos a contemplar necedade tras necedade na explicación de todas aquelas medidas nas que hai que entender unha maldita porcentaxe. Eu vin varios "informativos" (destes que en verán amosan as praias e preguntan aos paisanos se vai calor, meten publicidade presentada polos propios locutores que un segundo antes anunciaban as novas, informan das vodas de futbolistas dentro da mal chamada sección  "Deportes"...) nos que, máis que informar das subas, meteron a zoca ao non entenderen as porcentaxes relativas. Vexamos o asunto:

Todos debemos de ser conscientes a estas alturas de que o I.V.E. (Imposto sobre o Valor Engadido) vai subir en España. Algúns terán descuberto agora que o I.V.E. non é único, senón que ten distintos tipos, segundo os produtos e servizos gravados. Respecto aos produtos, o tipo superreducido é aplicado a produtos de 1ª necesidade, como alimentos básicos (pan, leite, lácteos, ovos, froitas, verduras,...), xornais, libros (en papel), ... O tipo reducido corresponde a case todo o resto de alimentos (incluída a auga) se son de consumo habitual. E o tipo xeral para tódolos produtos non contemplados nos dous anteriores. 
E cales son eses tipos?

Pois ben, durante moitos anos (desde 1992 ata 2010) tiñamos asimilado que os tipos eran:


  • Xeral: 16%
  • Reducido: 7%
  • Superreducido: 4%
Os dous primeiros cambiaron en xullo de 2010, pasando a ser:

  • Xeral: 18%
  • Reducido: 8%
E agora queda a cousa así:

  • Xeral: 21%
  • Reducido: 10%
  • Superreducido: 4%

Cal é o problema con esta nova situación? Supoño que calquera adulto que fose á escola saberá que para coñecer o prezo final dun produto dentro do tipo xeral só ten que calcular o 21% do prezo sen IVE e posteriormente sumarllo. Pero que sucede cando non coñecemos o prezo sen IVE senón o prezo co IVE anterior do 18%?

Non, a resposta non é a que dan algúns xornalistas, que propoñen facerlle o 3% ao prezo anterior e sumarllo. A razón é obvia (tanto que en tódalas aulas que levo dadas de 1º de E.S.O. sempre hai alumnos que saben explicala): sucede que o 3% aplícase ao prezo sen IVE, non ao prezo co IVE previo. Vexamos cun exemplo como calcular o prezo novo dun produto que antes custaba 40 €:


  • Primeiro calculamos o prezo sen o IVE do 18%. Isto faise nos primeiros cursos da E.S.O. cunha regra de tres, a partir de 3º utilízanse os índices, que son máis eficientes: 40 : 1'18 = 33,898 €
  • E agora calculamos o prezo co novo IVE: 33,898 ·1'21 = 41,017 ≈ 41'02 €
Que pasa se un é un mangante e non quere botar estas contas cada vez que o necesite? Pois só ten que ollar con coidado a estrutura do proceso: 1º dividir entre 1'18, 2º multiplicar por 1'21. O resultado é o mesmo que se multiplicamos directamente o prezo vello co IVE do 18% por 1'21/1'18, que é aproximadamente 1,025, o que corresponde a unha suba do 2'5% (e non do 3% como dixeron algúns xornalistas)

Un proceso exactamente igual leva a que nos produtos dentro do tipo reducido a suba foi do 1'85%

Tan complicado era?

17.6.12

Ai! As funcións

Dan Piraro, Bizarro Comics
"...e aquí temos unha gráfica que amosa o que podes ver se miras
a unhas montañas a través dunha raqueta de tenis"

Escoitando as novas sobre o rescate dos bancos españois (ou como queiran chamarlle) e as repercusións sobre os servizos sociais, a deformación profesional fixo inevitable que me detivese no uso de termos matemáticos elementais implicados. Diante dunha frase máis ou menos así:

"En troques de ser linear, a suba das taxas farase en función da renda"
(quizais estou a confiar demasiado na memoria)

Todos recoñecemos este tipo de frases pronunciadas por xornalistas e políticos. O principal problema que presentan é que non teñen ningún significado concreto. Vexamos a razón:

Tódolos anos estudamos o bloque de funcións na E.S.O., bloque que comeza de xeito testimonial cunha única unidade e vai cobrando importancia desde 3º. E unha das primeiras cuestións que abordamos é a de como definir con rigor unha función. Con este obxectivo imos loitando coas dificultades  inherentes: o concepto de función é abstracto; os alumnos, loxicamente, tentan levalo ao concreto, de tal xeito que é habitual que confundan función con gráfica (por exemplo); diariamente nos medios utilízanse mal... Por último, pero tamén importante: como tódolos contidos suficientemente interesantes non ten aplicación directa na vida cotiá.
Unha teima dos profesores de Matemáticas radica na necesidade de que teñamos datos abondo para definir unha función particular, ademais dos distintos "formatos" nos que a función veña dada (táboas, gráficas, expresións alxébricas...), é dicir, que para coñecer cabalmente unha función temos que saber, ademais da relación entre os datos, os conxuntos nos que collemos eses datos. E o exemplo de antes erra precisamente neste punto:

"En troques de ser linear, a suba das taxas farase en función da renda"

Que unha función sexa linear quere dicir que a relación entre as variables vén sendo algo así como proporcional (o significado real de "linear" en máis dimensións éche máis complicado, pero cunha única variable dependendo doutra chega abondo co significado de proporcional; tamén hai o problema de considerar linear calquera función cunha gráfica con forma de liña recta). Por exemplo, se o valor da variable x é duplicado, tamén se duplica o valor da variable y. O problema do "titular" do xornalista é que entendemos que a suba das taxas é a variable y, que depende dunha variable x de xeito linear, pero non sabemos quen é x. Erro grave. Aínda que tentemos adiviñar quen é x non temos moitas perspectivas de éxito: se x é a renda per cápita, o que parece negado pola segunda frase, quere dicir que unha estudante universitario cunha renda de 10000 € vai pagar a metade que un cunha renda de 20000 €? Eu apostaría a que non, a que en realidade tamén habería umbrais mínimos, pero isto non é clarificado por ningures. E incluso pode suceder que a suba das taxas se faga en función das taxas previas, complicando máis o estudo (podemos chegar a entender o proceso como unha función composta: primeiro a taxa previa en función da renda e despois a suba en función da taxa previa)
E na segunda frase hai o erro "inverso": falan da variable x pero non da relación entre as variables. Porque a subas das taxas pode ser unha función cuadrática da renda ou ben unha linear, ou ben unha expoñencial... En conclusión, a frase do xornalista é un bodrio. Por desgraza, isto é máis a regra que a excepción.

Para rematar, outro exemplo humorístico deste tipo de erros:

Married to the Sea
"Non vexo cal é o problema... oh. "Mortes" É o gráfico das mortes.
 Perdoa, pensei que eran as cifras de ventas."

10.1.12

Quen odia as Matemáticas?

Cando vin esta imaxe nunha web (cuxo nome lembro pero non vou reproducir aquí) rapidamente pensei en compartila.



Repito a pregunta: quen odia as Matemáticas? A maioría dos americanos ou certo xornalista?

23.7.11

Mala prensa

Collido de Cool Stuff

Revisando as novas sobre o radar de tramo que van colocar no túnel do Sartego na AP-9 (Neda, para quen non sexa de Ferrolterra), atopei unha mostra do xeito no que os medios adoitan tratar cuestións matemáticas, ata as máis sinxelas e cotiás, polo que me animei a emular o blog Mala Prensa (xa aparecera nalgunha ocasión por aquí). Transcribo a entrada, pero tamén podedes comprobar a fonte orixinal. Ata o título é unha necedade:


19/2/2011

Con una simple regla de tres, el dispositivo que la DGT prevé instalar este año en uno de los tubos del túnel de O Sartego, será capaz de hallar la velocidad media de un conductor con solo captar su imagen a la entrada y a la salida del subterráneo. El nuevo radar de tramo calcula el tiempo que se tarda en hacer el recorrido y deduce la velocidad del vehículo. Si rebasa el límite, remite la fotografía tomada junto a todos los datos a la central de Tráfico en León para cursar la sanción.

Unha regra de tres? En serio? Pero onde estudou este xornalista a secundaria? Aínda que, para ser estrictos, se un é moi ceporro pode facer as contas cunha regra de tres, non sería máis sinxelo dividir a lonxitude do túnel entre o tempo que lle leva ao vehículo percorrelo?

Porque, se é por matar moscas a cañonazos, poderiamos facer as contas con cálculo infinitesimal...

6.4.11

Anumerismo-2

Aínda que a diario mostras de anumerismo hai moitas (demasiadas, diría eu e algúns acaban de descubrilo), a que acabo de ver enlazada desde o sempre xenial blog Malaprensa é das que deixan sen respiración.
Lede e xulgade:

"Cuatro de cada diez profesores de la provincia de Ourense se jubilan este año"

Poño unha captura de pantalla por se teñen a idea de corrixir ese exemplo de ignorancia:


Aínda que algún ignorante pense que 4 de cada 10 é o mesmo que o 4%, non lles parecía un tanto esaxerado o titular? Alguén que teña estudado as Matemáticas da Educación Primaria pode aceptar que 4 de cada 10 profesores ourensáns van xubilarse este ano? Non lles cheira nada un pouco mal?

5.1.10

Anumerismo

Seguro que a palabra do título resulta estraña, verdade? Lóxico: non existe. Nin en galego nin en castelán aparece recollida nos seus léxicos.

Sen embargo, non hai outro xeito máis breve e eficiente de expresar o concepto que en inglés é chamado innumeracy. A historia deste termo é, máis ou menos, como segue:
o matemático e lóxico estadounidense John Allen Paulos escribiu en 1988 o libro "Innumeracy: Mathematical Illiteracy and its consequences" (Anumerismo: Analfabetismo Matemático e as súas consecuencias). Nel debullaba as distintas facetas dese aspecto da incultura, así como as consecuencias prácticas na vida cotiá dos "anuméricos".
(Hai tradución ao castelán do libro: "El hombre anumérico", e versións pola rede)

Fai reflexionar que o autor do libro apunte como unha das razóns da extensión actual do anumerismo a persistencia de pobres métodos de ensino. Non queda aí: tamén comenta o escaso prestixio real que teñen as Matemáticas. Cando digo real refírome a que, se ben como materia académica é respectada (e incluso temida, que lle imos facer...) moita xente culta non ten rubor algún en recoñecer que non posúen formación matemática, ou ben que nunca se lles deu ben, que nunca entenderon as Matemáticas... Mentres que ninguén ousaría dicir: "Nunca entendín o que lía", aínda que fose certo.


Nas clases adoito comentar dous exemplos de anumerismo:
  • O primeiro, trivial pero bo indicador: Hai dous anos, na peaxe da autoestrada AP-9 entre Ferrol e A Coruña, cando o operador da cabina pediu "Tres euros con cinco" pregunteille: "Tres euros con cinco ou tres euros con cero cinco?" A resposta, terrorífica: "Non é o mesmo?" Claro, e Magic Johnson medía 2,6 metros... (facía mates coa cabeza)

  • O segundo, patético: Nunha canle de televisión privada (creo que era Tele Cinco, pero non estou seguro), cando comezaba a moda de anunciar o tempo que ían durar os intermedios publicitarios, o contador dos segundos lucía así (o tempo está manipulado para que se vexa mellor):



É dicir: as décimas van no lugar das centésimas, e engadimos un cero, que sempre queda bonito. Tal sacrilexio, polo menos, só durou unha semana.


E o último exemplo de anumerismo, este dentro da categoría de humor, proporcionado polas gravacións dunha trama corrupta. Transcribo a frase:

"Si somos 11, yo quiero mi 11%"

Habería que ver as contas do home este se fosen 100 no allo...

Sobre este tema comentei onte un blog, Good Math, Bad Math, no que o autor (enxeñeiro informático en google) comenta frecuentemente malos usos das Matemáticas. Pois ben, en castelán temos dous blogs de temática concreta diferente pero cun obxectivo (e nome) semellante, Mala Prensa e Mala Ciencia. En palabras dos autores, tal e como aparecen nos subtítulos dos blogs:
En Mala Prensa:
Errores y chapuzas de la prensa española: números equivocados, gráficos incorrectos, fallos lógicos, conceptos erróneos, mala interpretación de estadísticas o datos científicos...
En Mala Ciencia:
Disparates, barbaridades y patadas a la ciencia, en noticias, películas o incluso en el saber general