Amosando publicacións coa etiqueta Animación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Animación. Amosar todas as publicacións

3.9.24

Escribindo unha entrada como se fose 2010

 

Nunha crise existencial causada polo claustro de comezo de curso, os meus ósos deron no Facebook1 coa publicación dunha profesora da facultade, na que había un vídeo recoñecible dentro dunha serie ben famosa cando comezaba este blog, Animation vs Animator (que podedes atopar na etiqueta animación, ao final dunhas cantas entradas). Mirade se pasaron anos, que a web que compartira do animador, Alan Becker, xa non está operativa(sería interesante saber que porcentaxe de webs .net desapareceron nestes anos).

O autor leva un ano creando vídeos dentro da lista de reprodución Animation vs Education, o que vin antes é o 3º da xeira, Animation vs Geometry:




Confeso que non coñecía o vídeo da Física, e que non rematei de ver o das Matemáticas, así que empecei a ver o novo(só de hai 2 meses!) con receo. E non axudou a estrela invitada que aparece aos dous minutos do vídeo, certamente. Teimas dun que xa vai vello.

Aínda así, continuei véndoo(axuda que dure menos de 10 minutos, non como os outros dous), e hai algunha cousiña que me sacou un sorriso, polo que o rematei con vistas a, quizais, poñelo algún día en clase.  



1 Efectivamente, ademais fago outras cousas modernas, como ver o teletexto para saber que películas ir coller ao videoclub

17.9.15

A Escaleira do Monte Meru


...ou como dicimos por acó, o triángulo de Pascal (ou Tartaglia). Onte vin por varios sites esta animación TED que conta as características básicas do devandito triángulo para aqueles que non tiveran a sorte de ver Combinatoria no antigo 1º de BUP. Botádelle unha ollada:


10.10.14

Animator vs. Animation IV


Contestando á petición dalgún alumno que solicitaba que deixase de escribir estas cousas de Matemáticas e ensino que chanto por acó e puxese máis xogos (as palabras foron: "Pensa en nós, profe"), hei buscar algún xogo dos que levo poñendo todos estes anos. Aínda que é certo que vai un tempo que ningún xogo do xénero puzzle me engancha como antano.

Mais hoxe, despois de vela en Kuriositas, é  hora de traer outra vez a fabulosa obra de animación de Alan Becker, que xa compartín hai anos.

Moita calidade, bo humor, bullet time e un feixe de bonecos nesta avalancha de cultura pop que vén sendo a serie Animator vs. Animation:





12.1.14

Cadrados e triángulos bailando

Esta animación de René JodoinDance carrée, vai para os 53 anos. Eu descubrina esta fin de semana fedellando na filmografía do National Film Board of Canada, e tendo en conta o número de visitas no youtube, dáme que moi coñecida non debe de ser.

Observade a danza do cadrado:





Quizais a animación sexa menos variada do que se podería esperar a priori. Tamén hai que salientar que a música escollida é realmente curiosa, máis nesta época na que aparece música do estilo de Inception por todos lados. Queda como cuestión se o artista (ou o seu equipo) faría a animación fotograma a fotograma a partir de debuxos a man, hoxe que tan sinxelo é crear unha animación, incluso sen coñecementos de programación.

No National Film Board of Canada tamén podemos atopar esta animación, Notes on a Triangle, cinco anos máis recente:



Despois de velas unha soa vez quedo coa impresión de que na segunda animación, ademais das propiedades métricas que son comúns aos dous vídeos, tamén vemos retallos de semellanza. Tamén resulta case imposible deixar de ver un hexágono regular (onde non está) interpolando triángulos.

Non podo deixar de pensar que os innovadores dos anos sesenta seguro que crían que estes vídeos ían ser a ferramenta definitiva... Quedaron no limbo do esquecemento xunto ao Basic, o LOGO, ... onde tamén estarán dentro de pouco as Webquests (se non están xa), o Prezi, a Khan Academy, os MOOCs (poña aquí o hype educativo que vostede deteste)...

Aínda desde un punto de vista do século XXI hai que recoñecer o mérito de artistas como Rene Jodoin. Por se alguén está interesado, deixo a listaxe das súas creacións e producións. Esperemos que haxa máis xeitos de velas ademais de mercar o VHS.

18.6.13

Intermezzo


Haberá que deixar a un lado uns minutos esas correccións horripilantes...


  • Os $(\frac{3}{5})^0=\frac{3}{5}$

  • Os $9-3·2=6·2$

  • Os $3^{-1}=-3$

  • Os $p(-2)=-2·p(x)$

E tódalas outras faltas ortográficas que cometen os alumnos nesta sintaxe que denominan curriculum de Matemáticas da ESO. Sintaxe elemental que ademais oculta as ideas que realmente provocan a paixón que, dun xeito ou outro, nos ateiga aos que nos dedicamos a este choio.


E pasar un anaco vendo unha pequena obra:


HINODE from niiyama on Vimeo.



9.2.13

Esher's World (sic)

A única razón que acho para que este vídeo só teña 308 reproducións en youtube é que no título poña Esher en troques de Escher. Ou quizais o coñecido efecto das 301 vistas, aínda que sería raro para un vídeo subido hai dous anos e medio.


 

Por certo, eu non atopei o vídeo navegando ao chou e tecleando mal o apelido Escher, senón que o atopei en Mathsclass.

30.12.12

Mind the steps

Mentres sigo enleado nos planos de estudo das leis educativas españolas tamén estou a limpar e ordenar o arquivo dixital que fun acumulando este primeiro trimestre. Isto inclúe tanto os arquivos do ordenador como as ligazóns gardadas no google reader e no delicious. Aqueles que non acometesen esta tarefa quedarían abraiados coa cantidade de libros, vídeos, animacións, imaxes, artigos, blogues, ... que van quedando a un lado ata que se atopa o tempo axeitado para ocuparse deles.

Por se tivese pouco que facer, hoxe mesmo descubrín que estamos no remate dun estudo internacional da IEA (a mesma axencia que fai TIMSS e PIRLS) sobre a formación inicial dos profesores de Matemáticas, Teacher Education and Development Study in Mathematics (TEDS-M). Estudo no que participamos cuha mostra de países realmente singular: Botswana, Canadá, Suiza (cantón alemán), Chile, Alemaña, Georgia, Malaysia, Noruega, Omán, Filipinas, Polonia, Rusia, Singapur, Tailandia, Taiwan, Estados Unidos.
O pdf co informe español pódese obter acó, onde polo visto aínda está oculto á proverbial capacidade de análise dos xornalistas. Cando cheguen a el veremos os titulares... eu recomendo con vehemencia unha frase para os xornalistas lacazáns (xa llela poño eu en vermello para que non teñan que buscar máis):

"Las puntuaciones medias obtenidas por los futuros profesores españoles en las pruebas sobre conocimientos están por debajo de la media internacional (500), tanto en conocimientos matemáticos como de didáctica de la matemática."

Eu polo momento quedo coa sensación de que os expertos educativos non teñen máis idea que calquera con sentido común e relación co ensino sobre cales son os factores de impacto na aprendizaxe dos alumnos, e mentres tanto van acumulando un historial de correlacións máis ou menos verosímiles. No documento cos marcos teóricos podemos ler como recoñecen a súa ignorancia sobre un aspecto que semella lóxico:

7. Teacher education is assumed to be linked to student achievement, but this relationship is poorly understood.


O que vén sendo, máis ou menos: 7.Cremos que a formación dos profesores debe de estar conectada co grao de aprendizaxe dos estudantes, pero esta conexión non é ben coñecida.



E nestas andamos, a piques de comezar outro ano do século XXI.


Co gallo de non rematarmos con mal sabor de boca o ano, traio un vídeo de animación que rapidamente veredes por que concorda cos temas habituais do blogue.  Do artista, István Orosz, souben grazas a Acertijos y más cosas. Advirto que a atmosfera creada pola animación e a súa música chega a resultar inquietante:

27.11.12

Darlle a volta a unha esfera

Tirado de The Optiverse

O ambiguo título do post non fai referencia a xirar arredor dunha esfera, senón ao coñecido actualmente como Paradoxo de Smale, en honor do grande matemático Stephen Smale, gañador da medalla Fields en 1966. Tal paradoxo consiste en que é posible darlle a volta, de dentro cara fóra, a unha esfera, o que se coñece como "evertir" a esfera. Nesta eversión é permisible que a esfera se autointerseque, mais non se permite que se corte (daquela sería sinxelo de máis) nin que se formen buratos ou pregamentos. Smale amosou que tal eversión existía de feito, mais, como adoita suceder en moitas demostracións matemáticas, non atopou de xeito explícito o camiño xeométrico para voltear a esfera. Para iso houbo que esperar a que avanzase o campo da animación dixital, e ao traballo de varios matemáticos, entre eles Bernard Morin, topólogo que quedou cego por causa dun glaucoma aos seis anos.

Por sorte temos dispoñible en youtube varios vídeos que mostran a eversión; o primeiro atopeino por casualidade revisando a listaxe de libros online dunha editorial (por se alguén estiver interesado, é esta). Non podería explicar que está a pasar exactamente no vídeo no momento de virar a esfera, pero évos igualmente hipnótico:



Se aínda tedes ganas de máis, aquí tedes o vídeo completo, Outside In, onde explican a eversión tendo en conta outras figuras que non poden ser evertidas e analizando polo miúdo o que sucede na viraxe:



E aínda máis!

The Optiverse amosa eversións que minimizan a enerxía de flexión elástica. Confeso que tiven que ler ben isto para entender de que vai. Como mostra mirade o que comentan na ligazón anterior:

"The elastic bending energy for a stiff wire is the integral of squared curvature. For a surface in space, at each point there are two principal curvatures, and their average, the mean curvature, shows how much the surface deviates from being minimal. The integral of squared mean curvature is thus a bending energy for surfaces, often called the Willmore energy"



Haivos todo un mundo de Matemáticas alucinantes aí fóra esperando por aqueles que busquen...

13.2.12

O estudo de Escher

Moitas ganas había na blogosfera de que Cristóbal Vila publicase outra xoia como Nature by Numbers.

E non podía escoller mellor idea que a de levarnos polo hipotético lugar de traballo de M.C. Escher:

2.1.12

Comecemos ben o ano

Que mellor que unha animación que conta a historia dos Beatles?


BEATLES Rock Band from alberto mielgo on Vimeo.


Esta peza foi utilizada como introdución do xogo The Beatles:Rock Band, xa a finais do 2009, porén eu acabo de coñecela pola listaxe de vídeos de animación do 2011 de Kuriositas.

Aínda que o vídeo é estupendo, os puristas sempre poderán obxectar que a sucesión de cancións é un pouco caótica...

24.3.11

O Sistema Solar

Acabo de atopar outra animación que representa o movemento do Sistema Solar, Orrery Movie, da cal capturei unha imaxe:


Nesta captura observamos varias das características da animación:
  • Aparecen algúns dos satélites dos planetas
  • Podemos escoller entre mes e zodíaco como marco para o movemento
  • Dá a posibilidade de fixar unha data (que pasaría na que aparece na imaxe?)
  • É posible ver as fases da Lúa
  • E a máis interesante na miña opinión, que é a posibilidade de variar entre o modelo de Nicolás Copérnico e o de Tycho Brahe. No modelo de Brahe podemos ademais ver o ronsel que deixa o movemento dos planetas.
Ide á web (warning: é unha animación en Flash) e fedellade un pouco, é ben entretido. Se queredes información sobre o deseñador, Piotr Kaczmarek e certos detalles técnicos, ide a esta ligazón.

10.2.11

That cold beauty...

...Da que falaba Bertrand Russell é menos fría cando nos referimos aos fractais...






Atopei esta impresionante animación no blog de cousas curiosas The Presurfer. Eu téñoo gardado no Google Reader, é interesante pasarse cada certo tempo por aló, pois o autor, Gerard Vlemmings, actualiza con historias realmente sorprendentes con certa frecuencia.

17.12.10

Isto é unha presentación

Especialmente dedicado aos meus traballadores alumnos de TIC:



25.10.10

Máis animacións

Despois de descubrir (hoxe pola mañá, en clase) que teño alumnos aos que lles gustaría facer animacións coma as do post Tres animacións polo prezo dunha, estiven tentando lembrar exemplos dixitais que me teñan impactado desta arte. No tempo que levo mantendo este blog colguei algunhas, aínda que vexo agora que non utilicei tanto como debera a etiqueta Animación, pois en case tódalas ocasións as animacións aparecen baixo a etiqueta Vídeos ou Xogos.

En realidade, sempre que me preguntan por animacións penso en primeiro lugar en xogos creados con Adobe Flash, e habitualmente o primeiro xogo que me vén á mente é o Fancy Pants Adventures (poño ligazón ao segundo mundo, que o primeiro parece que non vai), do que non sei se falei aquí, pero si que está na páxina de xogos da wiki de hai dous anos.
Así que na clase foi ese xogo o que recomendei. As razóns son obvias para calquera que xogase: é visualmente agradable, é sinxelo tanto con respecto á dinámica de xogo como ao aspecto gráfico; e deixa coa pregunta: como faría o deseñador este xogo?

Pero hai moitos exemplos de xogos sorprendentes, xa sexa polo apartado gráfico ou polo técnico. Varios deles xa foron comentados aquí:



Este xogo destaca pola idea que desenvolve: as cousas comezan a existir cando podes velas. Mentres a luz non as toque, non existen.






Samorost é un xogo point&click que destaca no plano gráfico. A dinámica de xogo consiste en ir pasando puzzles que aparecen nas distintas pantallas de xogo. Os seus creadores, Amanita Design, teñen varios xogos máis na súa web (entre eles a segunda parte do Samorost, e tamén animacións puras.

Como exemplo de animación espectacular que non é un xogo, esta versión do Mago de Oz é abraiante:








Non é a primeira animación de zoom-infinito que vexo, nin probablemente a máis alucinante, pero a idea de plasmar nun zoom a chegada de Dorothy ao país de Oz ten o seu aquel.

Para rematar este post, que mellor que un vídeo dunha canción que sexa tamén unha animación?



15.10.10

Tres animacións polo prezo dunha

Imaxinastes algunha vez que pasaría se un monigote revirase contra o seu creador? Lendo Pixfans atopei non unha, senón tres posibles respostas.

En orde cronolóxica, as tres respostas inventadas polo animador Alan Becker, se sabedes algo de animación en Flash veredes elementos ben coñecidos:





E finalmente, a ligazón para ver a última batalla contra "The Chosen One":

Animator vs.Animation III

Ademais dos vídeos hai a posibilidade de tomar o papel do Animator contra a pobre animación nun par de orixinais xogos.