24.8.20

Dúas cuestións de probabilidade


É probable que os doutos lectores deste blog xa coñezan unhas famosas e polémicas cuestións de probabilidade que tratan do sexo dos fillos dunha familia, e que tendo unha apariencia moi semellante, o procedemento para atopar a resposta e a propia solución son ben diferentes. Pois precisamente por seren tan coñecidos, non vou compartir eses problemas; se queda alguén que non os coñeza, déixovos ligazón a unha análise didáctica de expertos da Universidad de Granada:

La paradoja del niño o niña: aplicaciones para la clase de probabilidad


En troques, pelexade coas seguintes cuestións, tamén clásicas mais, coido, non tan coñecidas:


Imaxinade que temos unha baralla composta polo as de espadas, os as de copas, o dous de espadas e o dous de copas.

1ª cuestión: extraemos dúas cartas desa baralla. Cal é a probabilidade de que nesa man saian os dous ases, se sabemos que saíu polo menos un as?


2ª cuestión: extraemos dúas cartas desa baralla, one more time.  Cal é a probabilidade de que nesa man saian os dous ases, se sabemos que saíu o as de espadas?


E cando os resolvades, tedes outro choio: que diferencia esta parella de cuestións da parella de cuestións mencionada ao comezo?