Amosando publicacións coa etiqueta TED. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TED. Amosar todas as publicacións

17.9.15

A Escaleira do Monte Meru


...ou como dicimos por acó, o triángulo de Pascal (ou Tartaglia). Onte vin por varios sites esta animación TED que conta as características básicas do devandito triángulo para aqueles que non tiveran a sorte de ver Combinatoria no antigo 1º de BUP. Botádelle unha ollada:


3.6.15

A complexa Xeometría do deseño islámico


Imos deixar a un lado os problemas e regalar os ollos cun chisco de deseño. Ou, se cadra es profesor de 3º de ESO e estás facendo traballando as teselacións, daquela aínda podes tirar algunha idea...





Se queredes ver a lección completa, non tedes máis que acudir á web de TED-Ed:

30.5.11

A ilusión da obxectividade


Navegando pola rede atopei este vídeo das conferencias TED, "Beware online filter bubbles" (algo así como Coidado coas burbullas de filtro online). Resumindo moito, o conferenciante, Eli Pariser, advirte dos perigos de que os buscadores e as redes sociais vaian aprendendo cales son as nosas preferencias. De xeito inesperado esta intelixencia, este xeito de aprender dos motores de busca provoca que vaian desaparecendo da nosa vista (e por tanto do noso mundo global) as novas, persoas, ideas... que estes motores determinan que non nos interesan. O vídeo non ten subtítulos ao español, pero si ten ao inglés, e tamén ao portugués, que probablemente vos resulte máis sinxelo de entender:





O que daría eu porque os meus alumnos (sobre todo os de TIC de bacharelato, pero non só eles) lle botasen unha ollada a este vídeo por propio interese!


26.4.11

Clase invertida?



Cada certo tempo aparecen novas "solucións universais" no mundo da educación, na forma tanto de ferramentas como de novas perspectivas. No pasado houbo exemplos ben variados dentro do ensino das Matemáticas: LOGO, BASIC, a resolución de problemas como eixe, o uso de ordenadores en tódolos ámbitos... Algúns deles son exemplos pintorescos (onde queda hoxe o LOGO?) , outros forman parte agora do ensino como ferramentas máis ou menos alternativas. Nalgúns casos vemos as ganas que tiñan os promotores desas solucións de que fosen usadas a toda costa, (quen sabe se con intencións secretas, como naqueles que promovían o uso das calculadoras de Texas Instruments). Noutros casos semella que algúns queren utilizar ferramentas aínda que non haxa evidencia de que sexan susceptibles de usar no ensino.

A solución definitiva de hoxe é a que dá título a este post: A clase invertida, tradución do inglés de Inverted ou Flipped Classroom. A fonte na que souben desta solución é o post de Mathcurmudgeon, Inverted Classroom, onde fai unha boa descrición do método e unha axeitada crítica. A cousa funciona así, grosso modo:

Robert Talbert, profesor de Matemáticas no Franklin College, dálle a volta ao seu método previo de ensino: primeiro grava un vídeo da lección (p.ex., Álxebra Linear), cólgao de tal xeito que os seus alumnos teñan acceso on-line antes da clase, estes ven o vídeo e na aula normal dedican o tempo a facer "deberes", practicar...

Eu teño dúas obxeccións:

  • En primeiro lugar, de xeito case inmediato, vexo problemas técnicos: a conectividade non é obrigatoria para os alumnos. Ademais non vexo claro que podamos levar este método ás aulas de secundaria nin bacharelato: canto tempo lle levaría a un alumno facer isto con 6 materias ao día? Por non falar do número esperado de alumnos que o levasen a cabo...
  • En segundo lugar (e máis importante) hai unha idea que está implícita no método Flipped Classroom: as clases nas que o profesor explica un concepto ou un procedemento (lectures, no orixinal) son unha perda de tempo, principalmente porque a comunicación é unidireccional, do profesor ao grupo. Estou totalmente en contra desta concepción das clases. Nas miñas clases insisto en que os alumnos participen. As poucas veces que pido que non interveñan suceden cando os alumnos non participan de xeito educado e ordenado. A orde non me importa demasiado a min, é a eles a quen lles afecta, debido a que entre eles non se escoitan (estou sendo completamente honesto aquí). E incluso nas poucas veces nas que ninguén intervén, sempre cabe a posibilidade de interpretar as caras de non-comprensión. Resumindo: onde está o feedback nun vídeo?
Non quero transmitir a idea de que os vídeos non son útiles para o ensino das Matemáticas. Eu mesmo utilizo de vez en cando vídeos para aprender cousas novas (normalmente relacionadas coa informática), pero teño a impresión de que non serven para aprender "desde cero". Por outra banda, e en contra da intuición, os vídeos parecénme máis lentos que o texto escrito para aprender, e curiosamente menos dinámicos (estou pensando na típica situación onde un quere volver sobre algo xa aprendido, ou ben quere avanzar por riba dunha sección).

Para ver a opinión dun entusiasta no uso dos vídeos, Salman Khan, creador da Khan Academy, é unha autoridade:







16.11.10

Temos un problema co ensino das Matemáticas


Comparto o título do post, tamén que as Matemáticas son moito máis que meros cálculos (alguén cunha mínima cultura o dubida?). Pero a solución que propón Conrad Wolfram nunha conferencia do TED: o uso de ordenadores disfrazando a fase de cálculo na resolución de problemas, é absurda na aprendizaxe. Só ten sentido cando un xa sabe, e temos a proba no uso da calculadora hoxe en día.
Aquí está a súa conferencia(só hai subtítulos en inglés, pero a verdade é que se entende bastante ben):