Amosando publicacións coa etiqueta Escher. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escher. Amosar todas as publicacións

12.4.26

Un xogo recursivo


Síntome compelido a facer esta entrada, e iso que este mesmo ano xa compartín un xogo baseado supostamente no traballo de Escher. Ao xogo de hoxe, Print Gallery Of An Artist, cheguei vía kottke, onde efectivamente menciona a inspiración na obra do pintor neerlandés, favorito do gremio de estudantes universitarios de matemáticas do mundo. Logo, se ides á páxina do xogo, realmente o que di, xa no subtítulo, é A brief exploration of recursive spaces. E iso resulta máis acaído, como podedes comprobar se xogades un chisco ou se simplemente mirades a imaxe que incrustei abaixo.


 
   

De feito o autor do xogo, Daniel Linssen, aclara que a inspiración do xogo é un vídeo de 3Blue1Brown (que non vin), baseado á súa vez en Escher. En concreto, no estudo do efecto Droste por parte de Escher, plasmado na ben coñecida litografía Prentententoonstelling, esta de aquí:


Da wikipedia

(Se queredes ler unha análise da estrutura matemática desta obra, velaquí)

Recoméndovos o xogo, eu polo menos pasei un bo cacho toleando coa espiral infinita.


P.S.: notei despois de xogar máis que se tarda un pouco en ver normal de todo. Avisados quedades.

25.1.26

Escher(-ish) noutro xogo

 Que tempos aqueles nos que todas as semanas saía un xogo "dos de pensar" na rede, que tempos.

Ou quizais segue a haber, o que sucede é que desde que desapareceu o Flash non hai unha contorna amigable, fóra de certos portais aparentemente máis especializados, como itch.io, ou cousas raras e infantís, como Roblox, na que velos. Ou pode que sexa eu máis vello, ou parvo, quen sabe.

 

Obviamente, se vexo que hai un novo xogo titulado Escheresque, vou probalo e raro será que non o comparta aquí. Que parece que eu son o target obxectivo dunha cousa así.

Aínda que logo, cando o probe, decida que moi Escheresque igual non é.

O xogo usa a perspectiva isométrica de moitos dos vellos xogos arcade dos 80, a mecánica inclúe cambiar entre dous mundos superpostos e isto fai que o noso ollo conxugue as imaxes dos dous mundos ata crear figuras paradoxais que non están aí. Ao contrario do Monument Valley, no que si aparecían ilusións e figuras imposibles.



Podía basearse en La Abadía del Crimen,
a verdade. Ou no Marble Madness


A principal dificultade do xogo é non ter unha visual completa do escenario, o que provoca que poidas vagar un chisco ata atopar o que hai que facer. E tendo en conta a lentitude coa que anda o nachiño, se sodes dos que vedes vídeos a 2x, non é para vós. Se sodes dos que non resolvedes un problema de todo no momento no que sabedes o que hai que facer, tampouco.

En conclusión, máis arte que xogo. Como premisa para algo máis grande si que o vexo factible.

13.10.17

Fragments of Euclid



Hai cousa de medio ano vin nos microsiervos a reseña dun xogo, Fragments of Euclid, do cal coa miniatura do tráiler xa captamos a idea e a razón de que o traia a este blogue:




Por se non fose obvio, o creador, Antoine Zanuttini, confirma que este xogo de exploración e resolución de puzzles está baseado na obra de M.C. Escher, e que tivo un prototipo no transcurso do Ludum Dare 37, Non Euclidean Room, do cal recupero as escaleiras de Penrose do in-game:


Penrose Stairs
Penrose Stairs


Se tedes unha hora libre, mergulládevos neste pequeno xogo onde non hai un sistema de referencia estable.

13.3.14

Un efecto abraiante


Estades dispostos a quedar pampos? Observade este breve vídeo:






O que non estou é certo de que sexa unha ilusión. Eu coido máis ben que é simplemente un "efecto", aínda que tampouco teño moi claras as definicións, a dicir verdade. Atopei esta pequena marabilla no novo blogue Sploid da rede Gizmodo, no que podedes achar cousas como este alieníxena:

Se queredes saber o que é, ide a Sploid, ide...


Esta semana tamén vin outra revisión do Triángulo de Penrose-Escaleira Imposible nunha web de arquitectura e deseño, Arch20:

Infinite Staircase de Olafur Eliasson
É curioso que lle chamen escaleira infinita cando unha circunferencia calquera serviría de exemplo desa denominación. O esencial desta escaleira non é a súa infinitude, senón a súa imposibilidade, polo menos en 2D.

Se non sabedes o que estades a ollar, seguramente a versión orixinal será de axuda:

Penrose Stairs

Que, á súa vez, é unha revisión do propio Penrose do seu celebérrimo Triángulo:



Probablemente un dos deseños máis copiados

Claro que o que é imposible en 2D pode ser só cuestión de perspectiva en 3D (pensade por exemplo no coñecido problema de conectar 3 casas coa luz, gas e auga, que sinxelo é en 3D). Era sabido que alguén o ía facer no mundo real:

Este en Perth, Australia:




E estoutro en Ophoven, Bélxica:


)

9.2.13

Esher's World (sic)

A única razón que acho para que este vídeo só teña 308 reproducións en youtube é que no título poña Esher en troques de Escher. Ou quizais o coñecido efecto das 301 vistas, aínda que sería raro para un vídeo subido hai dous anos e medio.


 

Por certo, eu non atopei o vídeo navegando ao chou e tecleando mal o apelido Escher, senón que o atopei en Mathsclass.