19.6.21

Unha pinga de adiviña

Mentres corrixía exames de fin de curso, para descansar, tiña o geogebra aberto e púxenme a fedellar. E atopei unha curiosidade estética que nunca vira, e que traio hoxe en forma de adiviña.

Que está a pasar aquí?



Só tedes que considerar que esta outra pinga, certamente similar, non ten case nada que ver:



A única pista que vou dar está nas etiquetas do applet na web de geogebra e nesta entrada.

13.6.21

Xogos Populares 2005-2006

     
Isto é o que sucede coas extensións de ficheiros que
atopas polo teu arquivo docente, 15 anos despois.
Neste caso, un .fig de Cabri

    Hai 15 anos, no que xa parece outra vida, cheguei como provisional ao IES María Casares de Oleiros. E coñecín un departamento dos típicos de antes de arribar Feijóo á presidencia da Xunta: nel chegamos a estar 9 profesores(agora coido que son 6 como moito). Eu fun o máis novo aló os 3 anos que estiven. O ano que cheguei, encargueime de organizar o concurso de problemas de enxeño da xornada de Xogos Populares, dentro da semana cultural do centro. Para que entendades mellor o tempo que pasou, aquel ano tamén organicei un grupo de traballo para aprender Cabri-Géometrè II. E para os novatos no choio: se os maiores do lugar che piden organizar un grupo de traballo sobre algo que só sabes ti, que só terás que ocuparte da burocracia(solicitude, actas, etc.) pois hai especialistas que poden vir a dar as clases, cabe a posibilidade de que ao final fagas ti todo o choio. E recibindo como contrapartida os mesmos puntos que leva un simple participante. Cabe a posibilidade. Avisados estades. <Fin do consello e da filípica>

Pois buscando outra cousa polos arquivos destas case dúas décadas, dei coas follas de exercicios daquela xornada. Como son só 5, de 1º de ESO a 1º de BAC, e deixei intacto o Comic Sans que usaba daquela para cousas alternativas, a tarefa non supón tanto traballo como o que me levaría recompilar a serie de Problemas Difíciles para Xente Intelixente, que fago todos os anos en maior ou menos medida.

Un breve comentario sobre as cuestións: case todas forman parte do folklore dos problemas de lóxica, de matemáticas recreativas ou de pensamento lateral, polo que seguramente xa coñezades a meirande parte e a súa solución. Se non, buscade na rede, que malo será; ou podedes consultarme a min, fixera daquela a solución por se tiña que corrixir algún compañeiro.

Sen máis demora, velaquí os Problemas de Enxeño, en rigoroso Comic Sans, para que se vexa que o asunto é hilarante e mellore a experiencia de usuario dos adolescentes, que o agradecen moito (insira aquí emoji rolling eyes)

2.6.21

Outro applet sobre a derivada

Despois do applet que compartín na entrada previa, fixen o que veño hoxe a compartir. A intención orixinal era, movendo un punto na gráfica da función, ver como a función derivada efectivamente mide a variación instantánea no punto. Para iso incluín dúas checkboxes, unha coa recta tanxente no punto e a súa pendente, e a outra coa gráfica da función derivada, a súa expresión alxébrica e o valor da derivada no punto.



Pero atopeille outra función ao applet: facendo os típicos cálculos alxébricos para derivar cocientes e produtos de funcións, teño o applet aberto no encerado dixital. Como geogebra calcula a derivada de xeito simbólico, comprobo que non metín a zoca nas contas, e de paso corroboramos que a derivada plasma o cambio na función f.
Geogebra, I love you. Ah, tedes na web de geogebra o applet: Derivada nun punto móbil