Amosando publicacións coa etiqueta Cancións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cancións. Amosar todas as publicacións

2.9.15

Todo é linear


Non todo tempo pasado foi mellor, porén...

Tiña pensado volver ao blogue cunha entrada memorable coa miña opinión con respecto a un procedemento que vén no curriculum desde a LOXSE. Por sorte para vós, collín o último libro de problemas que merquei nunha feira do libro de ocasión, Desafíos Matemáticos de Angela Dunn, e atopei este problemiña:


Dous pilotos compiten nunha carreira de aceleración. Ambos os dous aceleran de xeito uniforme desde que arrancan no punto de partida. Alberto cobre o último cuarto da distancia en 3 segundos; Roberto cobre o último terzo en 4 segundos. Quen gaña?



O problema pareceume interesante porque ilustra perfectamente o que sucede acotío nas aulas: a suposición tácita de que todas as magnitudes que aparecen nos problemas son directamente proporcionais. Como neste caso os alumnos poden intuir que a solución linear é absurda, véxoo axeitado como starter. Tamén é susceptible dunha discusión das gráficas usuais no movemento acelerado.


Atopei a fermosa visualización da cabeceira en The most timeless songs of all-time. Na imaxe vemos as cancións dos 90 máis reproducidas en Spotify, mais na web recollen, alén dos datos globais, outras curiosidades: os datos referentes só a cancións de rap, os dos billboards dos últimos 50 anos, as gañadoras dos Grammy, ... Aínda por riba, a base permite pescudar por canción ou artista, o que pode destruír a vosa produtividade como fixo coa miña (claro que eu teño Procrastinating Level: God).

Aínda non argallei unha maneira, mais vexo factible e interesante traballar cos datos na unidade de Estatística. Veremos o xeito.

18.1.15

The writing's on the wall


Vendo unha das innumerables recompilacións do 2014 atopei este vídeo de OK Go que é unha verdadera marabilla. Ademais de servir como compendio rápido de ilusións ópticas, pódese cantar... (a melodía soa coñecida, por certo).



27.4.12

Trocando o aspecto

Onte pola noite, mentres fedellaba polas características da nova interface de blogger, deume unha arroutada e actualicei o aspecto do blog para dar paso ás vistas dinámicas. De tal xeito que, por defecto, o visitante atopa ao chegar aquí a vista Classic. Pero tamén pode escoller entre outras vistas, das que creo que a Sidebar e a Magazine son as máis acaídas, pois as outras están máis dirixidas a blogues que repousan sobre imaxes e vídeos. E este blogue, coido, é máis ben un blogue de palabras. Aínda que as opcións máis "visuais" veñen ben para localizar rapidamente un problema pola súa figura.

Aínda non sei se manterei estas vistas. Polo momento é estraño entrar aquí e non atopar a foto da Rúa e o mapa de visitas na barra dereita. Supoño que é cuestión de tempo. Xa verei.

Xa que actualizo, aproveito para compartir dúas cousas:


  • O vídeo de animación en stop motion da canción The Rifle's Spiral do grupo The Shins. Escuro e fermoso:



Ide á web de google e tecleade Zerg Rush. Lembrade que o rato ten unha roda, ben útil.

Veña, facédeo. Correde, insensatos!

6.2.12

Needing/Getting

Hai máis de ano e medio que colguei por aquí un vídeo de OK Go, esa banda da que nos gustan máis os vídeos que as cancións. Esta vez non ían ser menos, como podedes ver no vídeo da canción Needing/Getting que, de tan elaborado, parece un fake:



6.1.12

3 anos por aquí

Tal día como hoxe no 2009 comecei a publicar neste espazo. Naquel momento entendía este "Matemáticas na Rúa" principalmente como unha ferramenta para propoñer problemas alternativos aos meus alumnos de 1º, 2º e 3º daquel ano, e para compartir os xogos "casual" baseados en puzzles. Tamén para colgar ligazóns aos exames, boletíns de exercicios e simulacros que ía utilizando nas aulas, aínda que os arquivos estaban aloxados na wiki asociada. A razón disto último é que blogger non serve como almacén de arquivos, e non quixen empregar servizos como box ou 4shared por seren efímeros.

E así foi o primeiro curso que escribín por acó. Entre alumnos que resolvían algúns problemas, e que despois mos comentaban na aula, e unha compañeira que tamén participaba, foi pasando ese curso.

O segundo ano empecei máis ou menos coa mesma idea en mente, pero tendo en conta que os alumnos máis participativos estaban naquel momento en 2º de E.S.O., co cal o interese e o pulo típico dos pequenos de 1º xa estaban diluídos na adolescencia. Como contrapartida atopei un curso excelente de 1º de E.S.O., mais as alumnas dese curso nunca ousaron participar de xeito habitual.

E entón chegou o cambio de destino, da Rúa a Cedeira. E decidín manter o blogue, aínda que sen os obxectivos docentes previos, conservando nada máis o aspecto lúdico-matemático, é dicir, facendo deste blogue algo que me gustaría ler a min.

Esta decisión tivo dúas causas evidentes: eu tiña menos tempo para publicar debido ás viaxes entre Ferrol e Cedeira, estaba xa un pouco canso de loitar coa desidia usual dos alumnos, e tampouco tiña seguridade sobre o acceso á rede dos alumnos.

E nestas andamos. O blogue permanece como unha ferramenta marxinal de apoio á docencia. Este ano aínda non montei unha wiki de recursos, realmente porque plaxiei moitas das actividades dos outros anos, con cambios mínimos. Pero pode que aínda cree a wiki, é unha cuestión por dilucidar.

Xa que levo 3 anos vou poñer o hit parade dos posts máis lidos (sempre segundo as estatísticas de blogger), que non deixa de sorprenderme:

  1. Se algunha vez estás de mal humor...
Este post ten dúas listas de cancións para escorrentar o mal humor. Quen sabe se as visitas son puro spam desde goear ou spotify.
  1. Vaia día para traballar...
Aquí o único que hai é unha ligazón á solución dun exame.
  1. Primeiro Problema dun Libro
E nesta entrada comentei un problema ben coñecido, ademais de propoñer un problema aritmético, mencionar a clasificación da última Olimpíada Internacional de Matemáticas e colgar un vídeo musical.


Non teño máis que dicir hoxe neste día de aniversario. Só:



2.1.12

Comecemos ben o ano

Que mellor que unha animación que conta a historia dos Beatles?


BEATLES Rock Band from alberto mielgo on Vimeo.


Esta peza foi utilizada como introdución do xogo The Beatles:Rock Band, xa a finais do 2009, porén eu acabo de coñecela pola listaxe de vídeos de animación do 2011 de Kuriositas.

Aínda que o vídeo é estupendo, os puristas sempre poderán obxectar que a sucesión de cancións é un pouco caótica...

24.9.11

20 anos do Nevermind



A nosa percepción do paso do tempo xoga malas pasadas. É curioso descubrir que desde a publicación de Nevermind ata, por exemplo, a estrea da primeira película do Señor dos Aneis pasou o mesmo tempo que desde esta estrea ata a actualidade. Parece que o noso cerebro percibe o tempo como un sumidoiro (un nodo atractor, se preferides), onde o que está máis preto tende de xeito acelerado a achegarse a nós.

En fin, deste tema xa pasaron 20 anos:





20 anos pasaran tamén cando naceu o autor deste blog desde a publicación do Jailhouse Rock de Elvis. Curioso, ou espeluznante, non estou seguro.


E que vai pasando neste inicio do curso 2011-12? Pouca cousa, só acabamos de comezar e do máis interesante probablemente foi como loitaron os meus alumnos de 2º de E.S.O. con este problema que con mala idea deixei caer polo medio da Pre-Avaliación:

Movendo só dous círculos tes que formar dúas liñas con 6 círculos cada unha:


2.6.11

Outra proba

Creo este post co único obxecto de comprobar como queda un arquivo pdf incrustado en blogger, vía scribd:



Queda, ben, non?


Para rematar, unha canción que estaba convencido que xa puxera, Feel Good Inc.:


1.6.11

Xuño, xa?


Como sempre a estas alturas de curso un se decata do que fixo mal e do que fixo... aínda peor. Coa sensación constante de batalla perdida antes de ser disputada, e co regusto amargo de ser consciente de que hai alumnos aos que non lles gustan as Matemáticas en parte por seren alumnos meus. Pero nesta ocasión só me queda resignarme: non o puiden facer mellor do que o fixen. O cal non é moito, pero é o que hai.

Aproveitando o post, aviso aos alumnos de 2º C que teñen na wiki as solucións do exame de hoxe:


(Pode alguén crer que teño alumnos de 2º que aínda non saben cal é o enderezo desta web nin das wikis?)

Hai uns días lin que investigadores estaban a estudar os efectos dun medicamento que podería bloquear as malas lembranzas. Eu vin o comentario en FayerWayer, pero a orixe era esta.
Aqueles que teñan visto "Eternal Sunshine of the Spotless Mind" ("Olvídate de mí" no máis prosaico título español), saberán que é obrigatorio incluír neste intre unha canción da película:




Quizais ese medicamento sexa a solución para a desidia de xuño...

4.4.11

Just for Fun-5

Xusto despois de que a categoría "Vídeos" superara por primeira vez á categoría "Problemas", e tamén de pasar os 300 posts, é o momento axeitado para un pouco de simple diversión.

Quen sabe como continuará a tendencia nas etiquetas?

Hoxe, un skater que parece tirado dun grupo hippy-grunge dos 90,



e unha animación en stop motion (con Playmobil!) sobre unha canción de Joy Division:



29.3.11

Quen podía imaxinar...

...que existiría isto en vídeo?




Isto de Internet éche un perigo, como oín hoxe un par de veces...

Por certo, o artista, Lusine, realmente existe, non é o equivalente musical a Nicolas Bourbaki nas Matemáticas.

22.3.11

Música, por favor

Remata a 2ª Avaliación e comeza a 3ª sen as habituais vacacións como intermedio.

Así que imos amansar á feras do xeito tradicional coas ferramentas de hoxe. Se alguén non entendeu a frase anterior, do Spotify estou a falar, que por certo non é a primeira vez que aparece por aquí.


Tamén fixen o widget en grooveshark, para os que non teñan o programa. Grooveshark ten restricións semellantes no catálogo (así de memoria, nin Beatles, nin Pink Floyd, nin Led Zeppelin, nin Fugazi, nin Metallica...)









9.3.11

Como soa π?


Non verás algo máis nerd en tempo...


25.2.11

Solución de Polinomios(V)


Para aqueles dos aplicados alumnos de 2º C que estean interesados en aprobar o exame do martes (que algún haberá), acabo de subir a solución da ficha da mañá:


Como esta semana aínda non apareceron solucións completas dos problemas do Club Matemático, deixaremos algo máis de tempo para pensalos.

Para ter como ambiente mentres un calcula cadrados de sumas e produtos de polinomios os Beatles sempre son axeitados (e se non sabedes moito inglés, case mellor, así non seguides as letras). Ultimamente recibín varios mails recomendando esta web:


na que podedes atopar vídeos das cancións dos Beatles.

Por exemplo, She Said She Said, do álbum Revolver:



14.2.11

Solucións dun simulacro

Tal e como pedistes na aula, subín a solución do Simulacro de Exame de Linguaxe Alxébrica. E para que non haxa que buscala, póñoa aquí:





E como fai moito tempo (desde outubro) que non poño unha canción, velaquí tedes unha dos Foo Fighters, a versión acústica de Times like these:






25.10.10

Máis animacións

Despois de descubrir (hoxe pola mañá, en clase) que teño alumnos aos que lles gustaría facer animacións coma as do post Tres animacións polo prezo dunha, estiven tentando lembrar exemplos dixitais que me teñan impactado desta arte. No tempo que levo mantendo este blog colguei algunhas, aínda que vexo agora que non utilicei tanto como debera a etiqueta Animación, pois en case tódalas ocasións as animacións aparecen baixo a etiqueta Vídeos ou Xogos.

En realidade, sempre que me preguntan por animacións penso en primeiro lugar en xogos creados con Adobe Flash, e habitualmente o primeiro xogo que me vén á mente é o Fancy Pants Adventures (poño ligazón ao segundo mundo, que o primeiro parece que non vai), do que non sei se falei aquí, pero si que está na páxina de xogos da wiki de hai dous anos.
Así que na clase foi ese xogo o que recomendei. As razóns son obvias para calquera que xogase: é visualmente agradable, é sinxelo tanto con respecto á dinámica de xogo como ao aspecto gráfico; e deixa coa pregunta: como faría o deseñador este xogo?

Pero hai moitos exemplos de xogos sorprendentes, xa sexa polo apartado gráfico ou polo técnico. Varios deles xa foron comentados aquí:



Este xogo destaca pola idea que desenvolve: as cousas comezan a existir cando podes velas. Mentres a luz non as toque, non existen.






Samorost é un xogo point&click que destaca no plano gráfico. A dinámica de xogo consiste en ir pasando puzzles que aparecen nas distintas pantallas de xogo. Os seus creadores, Amanita Design, teñen varios xogos máis na súa web (entre eles a segunda parte do Samorost, e tamén animacións puras.

Como exemplo de animación espectacular que non é un xogo, esta versión do Mago de Oz é abraiante:








Non é a primeira animación de zoom-infinito que vexo, nin probablemente a máis alucinante, pero a idea de plasmar nun zoom a chegada de Dorothy ao país de Oz ten o seu aquel.

Para rematar este post, que mellor que un vídeo dunha canción que sexa tamén unha animación?



9.10.10

Un puzzle



Na forma dun xogo, como é típico neste blog. Marcara hai uns días este xogo, Box, do blogue de Indie Games, pero aínda non tivera tempo para xogalo. Xa comprobado recoméndoo agora para pasar un anaco pensando. É mellor non avanzar a dinámica do xogo, pois aprendela é parte da diversión.

E como hai tempo que non engado ningunha canción a un post, déixovos cun dos vídeos máis estraños que coñezo, dunha canción do 1998 de UNKLE e Thom Yorke (o vocalista de Radiohead):





31.8.10

Arcade Fire, again

A só cinco días do concerto de Arcade Fire no Monte do Gozo (e catro despois do de Muse e Jónsi) , temos a oportunidade de ver un vídeo da canción "We used to wait" do álbum The Suburbs que utiliza as propiedades do HTML 5. Non é a primeira vez que Arcade Fire publica na rede unha páxina con contido acompañando a unha canción. Se non o vistes antes, ide a The Arcade Fire presents, e poderedes "xogar" un pouco mentres oídes esa delicia que é Neon Bible.

Nesta ocasión a experiencia é máis intensa. Non quero avanzar nada, só advirto de que é mellor se podedes ver a páxina en Google Chrome (eu probei en Firefox tamén, e dá problemas co contido de Google Street View e Maps, ademais do habitual en Firefox: o consumo de recursos da CPU). A ligazón é esta:

The Wilderness Downtown



Para compensar o sabor a azucre que deixa esa ligazón (no meu caso acompaña a outra sensación deprimente provocada pola podremia da miña rúa), podedes comprobar o hardcore que seguides a ser no xogo Metagun, onde manexades un personaxe que dispara pequenos pistoleiros que só van tentar acabar con el. Soa raro, pero a mecánica é ben natural.
Se o Metagun é demasiado irracional para vós, sempre podedes probar a pensar en Grow Valley, un novo xogo do deseñador Eyezmaze na serie GROW, onde teredes que utilizar en orde os elementos que aparecen para chegar ao desenvolvemento completo do voso val.

E aínda unha terceira opción, para aqueles de vós que non teñades o ánimo para xogos: botádelle un ollo ao post de Amazings sobre as leis da Termodinámica e a súa violación. Estou seguro de que o atoparedes ameno e interesante.

Por se algún alumno está a ler isto como descanso ao seu decidido esforzo, moita sorte para os exames de setembro, aínda que supoño que non será necesaria, non?

Vémonos o xoves.

12.7.10

Un xogo sobre a célula

O seu título é CellCraft, e supón unha boa alternativa para aprender os rudimentos da vida dunha célula, incluíndo as partes, o metabolismo,... Obviamente está en inglés, pero como adoita suceder co vocabulario técnico, é ben semellante ao noso, así que non hai moitos problemas para seguir o xogo.



Moitos xa saberedes que Muse vén a Santiago a finais de agosto, deixo unha mostra do que fan en directo, suxerida por unha alumna:


2.7.10

Un vídeo interesante



O grupo é, de novo, Ok Go, que xa apareceron por aquí en marzo, no post Z é un dominio enteiro. Xa daquela a nova interesante era o seu vídeo This too shall pass. Nesta ocasión, o vídeo é End Love, e é alucinante, dentro da súa estética "arriscada". E nesta ocasión, tamén me gusta a canción, aínda que non pertence a ningún dos estilos habituais que engado aquí (poderíamos dicir que estaría dentro desas cancións que dá pudor que os demais saiban que che gustan, sorte que eu pouco pudor teño). A ver que opinades vós:





No post de Neatorama onde atopei este vídeo, podedes ver as características técnicas da gravación. Especialmente alucinante é que chegaron a comprimir 24 horas reais en ... medio segundo!
E ao revés, tamén expandiron medio segundo ata 16 segundos (o cal obviamente non é tan impresionante).
E mentres chove ao outro lado dos cristais, é un bo momento para xogar e pensar (xa sabedes, escollede vós cal das dúas accións é a escusa para a outra). O xogo Tacoyaki evoca ao Lights Out, pois o obxectivo é basicamente o mesmo: trocar o estado de tódalas celas da pantalla. A diferenza esencial é que no Lights Out ao cambiar unha cela cambias tódalas celas da súa ringleira e columna, mentres que no Tacoyaki o cambio contáxiase ás dúas diagonais (ou na única diagonal á que pertence, nos casos das esquinas). O bo é que tanto serve converter tódalas celas en rosa como en negro, cousa que non sucedía no Lights Out. Mirade unha captura:



Abur!