26.5.19

Voronoi e a escola pública


Souben dos diagramas de Voronoi relativamente tarde. Non os descubrín ata anos despois de rematar a carreira de Matemáticas, cando xa levaba uns lustros dando clase. E xuraría que a primeira vez que lles prestei atención foi nun artigo de Clara Grima, pode que neste ou neste, que recomendo como todos os seus. Pouco despois lin o artigo Voronoi no Courel, que publicou o compañeiro Manuel na revista Gamma de Agapema. Alí veñen varios exemplos de utilización dos diagramas, o insinuado no título moi ben detallado, pero tamén varios referentes ao territorio galego.

Por se alguén pensa que Voronoi era un xogador de xadrez coetáneo a Fischer ou un membro do Politburo da URSS, expliquémolo: un diagrama de Voronoi determinado por puntos $P_1,P_2, \dots, P_n$ no plano é a descomposición en rexións $R_1,R_2, \dots, R_n$, onde $R_k$ a zona do plano composta polos puntos que están máis preto de $P_k$ que de calquera dos outros puntos $P_i$

Volveume á memoria o artigo de Manuel cando tiven que ocuparme, como xefe de estudos do meu instituto, das zonas de influencia dos centros educativos en Ferrol, pois outro exemplo no seu artigo estudaba as zonas escolares na cidade de Lugo. Pescudando na rede, i.e., chegando á segunda páxina de resultados en google, tamén vin este diagrama das zonas escolares de Melbourne(que tamén está na wikipedia, vaia)



No primeiro que pensei foi na distribución dos colexios públicos e dos concertados, que é un problema serio nas zonas urbanas. Observade no mapa de Ferrol os CEIP(públicos, en verde) e os CPR(privados concertados, en azul). A simple vista percibimos que agás 2 centros, o resto está amoreado en zona urbana. Mirando máis polo miúdo, vemos que no barrio de Ferrol Vello non hai ningún colexio público. 

Reparemos no diagrama de Voronoi determinado polos centros públicos:

Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas, Brión, O Pieiro, A Graña... O Oeste
Notades algo? Nas celas de Voronoi dos tres centros públicos no rural non atopamos ningún centro concertado. En troques, na cela do CEIP Cruceiro de Canido amoréanse ata 4 centros concertados, e na do CEIP Recimil outros 3 concertados. En Caranza hai dous centros concertados e un público, e na zona de Ultramar-ensanche B, un de cada. O único centro concertado que está no arrabaldo da zona urbana é o CPR Valle Inclán, na estrada de Xoane, non moi preto do CEIP San Xoán de Filgueira.


Liberdade de elección, non era? Para as familias da zona urbana, debe de ser. 


Deixo para unha entrada posterior a análise das zonas educativas dos institutos de secundaria, que é realmente sorprendente.


4.5.19

Un de bólas e urnas


Para esquecer un anaco as présas do fin de curso, que na materia de Matemáticas se incrementaron co hipertrofiadocurriculum imposto pola LOMCE, estiven a botar unha ollada a varios libros de problemas aos que non lles fixera moito caso. E atopei este de probabilidade no Jim Totten's Problems of the Week:


Unha urna contén p bólas brancas e q bólas negras, e hai unha morea de bólas negras ao lado da urna. Dúas bólas son escollidas ao chou e extraídas da urna. Se son da mesma cor, metemos na urna unha bóla negra da morea. Se son de distinta cor, metemos a bóla branca de novo na urna. O procedemento é repetido ata que as dúas últimas bólas son extraídas e unha última bóla é introducida. Cal é a probabilidade de que esta derradeira bóla sexa branca?



Daría un premio a quen resolvese este problema do xeito máis complicado posible.