Amosando publicacións coa etiqueta Paradoxos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paradoxos. Amosar todas as publicacións

22.3.26

Un "paradoxo" alxébrico-xeométrico

 

Por unha vez, imos ver algo de historia.

Pero hai que establecer uns cantos feitos previamente, que isto non vai de lercheos entre persoeiros.

Coñecedes o Teorema de Bezout? Igual pensades nun teorema sobre números, en concreto, se a e b son números enteiros e d é o seu máximo común divisor, entón existen enteiros m e n tales que  $d=ma+nb$, pero non, non é ese (que é unha fermosura, que conste en acta), senón un teorema xeométrico que eu vin por primeira vez en Curvas Alxébricas en 5º de carreira, pero que ten unha historia moito máis elemental. O enunciado vén dicindo:

Se temos dúas curvas alxébricas $f(x,y)=0$ e $g(x,y)=0$, f de grao m e g de grao n, entón a intersección de f e g consta de m·n puntos.


Se non coñecíades o teorema, seguramente pensedes que ten algo raro. E ten, claro que ten. Esa intersección de $m·n$ puntos só se cumpre se contamos ben as interseccións: por unha banda hai que considerar a multiplicidade dos puntos de intersección (puntos de tanxencia, triples, etc.), por outra hai que considerar o corpo dos números complexos, e nin así teríamos garantido o número m·n, pois faltaría traballar de xeito proxectivo, e contar os puntos no infinito tamén. Se non, botade contas das interseccións de dúas circunferencias, que son curvas de grao 2, e á vista podemos ter 0 interseccións, 2 ou 1. Nunha imaxe, todas as posibilidades:

Insira aquí unha brincadeira dos 80 pouco étnica-friendly 


Consecuencia inmediata do Teorema de Bezout é que, se as dúas curvas teñen grao n, a súa intersección (ben contada) consta de $n^2$ puntos.

Por outra banda, un polinomio de grao n ten c coeficientes. Vexamos o caso concreto das cúbicas, a xeneralización é inmediata:
$$p(x)=ax^3+bx^2y+cxy^2+dy^3+ex^2+fxy+gy^2+hx+iy+j$$
Contamos 4 coeficientes de monomios cúbicos, 3 cuadráticos, 2 lineais e 1 independente, en total $4+3+2+1=\binom{5}{2}$. E xa vedes por onde vai o conto.
O que sucede é que multiplicar por calquera número real o polinomio determina a mesma curva, polo que podemos facer que o polinomio sempre teña un coeficiente unitario, e só $\binom{n+2}{2}-1=\frac{n(n+3)}{2}$ coeficientes variables. E para atopar $\frac{n(n+3)}{2}$ números chega a mesma cantidade de ecuacións, que virán determinadas pola mesma cantidade de puntos polos que pasa a curva.

Ata aquí o preámbulo, malditas matemáticas, que sempre precisan que teñas asimilados tantos feitos previos.

O asunto que viña contar hoxe(en realidade hai 4 anos, que a perspectiva de redactar o preámbulo fixo que esta entrada quedase en borradores) é o seguinte:

Como $\frac{n(n+3)}{2}$ puntos determinan unha única curva de grao n, e dúas curvas distintas de grao n se intersecan en $n^2$ puntos, se $\frac{n(n+3)}{2} \leq n^2$, non parece suceder que entón $\frac{n(n+3)}{2}$ puntos non son suficientes para determinar de xeito único a curva?

A resposta non é tan evidente, pois deu lugar* en 1744 a unha carta de Cramer (si, o da afamada regra de 2º de BAC) a Euler, onde pregunta polo caso $n=3$, que é o primeiro grao no que $\frac{n(n+3)}{2} \leq n^2$. Neste caso $\frac{3 \cdot (3+3)}{2}=9$ puntos deberían abondar para determinar a cúbica, pero dúas cúbicas distintas poden intersecarse neses $3^2=9$ puntos.

*En realidade Maclaurin publicara en 1720 o aparente paradoxo


Que está pasando aquí? A glitch in the Matrix?


O bo de Gauss non ten nada que ver coa historia,
que eu saiba, pero como este gif é a miña segunda 
creación(a 1ª é esta), déixoa por aquí 



O lector moderno pode usmar o quid da cuestión. 

$\frac{n(n+3)}{2}$ puntos, seguro?

Dá igual como sexan eses puntos? Vexamos uns casos inmediatos:



Este exemplo é o orixinal da carta de Cramer


Neste exemplo podedes argumentar que esas cúbicas están un pouco, digamos, rechumidas, aínda que a palabra técnica é dexeneradas, que certamente soa peor. Poñamos outro exemplo que evite esa eiva:



Xoguei cos coeficientes ata que atopei esta especie alieníxena baseada no allo.
Tedes outro exemplo na wikipedia


Invoquemos ao lector moderno outra vez: pensade que Euler viviu e traballou no século XVIII, antes da fundación da álxebra lineal, en particular, antes da invención(ou descubrimento, como queirades) do concepto de rango, que hoxe estudamos daquela maneira en 2º de BAC. Pero o que si tiña Euler era unha intuición sobrenatural, e decatouse de que se dúas cúbicas se intersecan en 9 puntos, o que sucede con eses 9 puntos é que non son "xenéricos", o que agora traduciriamos como que as ecuacións determinadas sobre os 9 coeficientes (cargámonos un dos 10 coeficientes mediante división, lembrade) da cúbica non son linealmente independentes. Por exemplo, os 9 puntos intersección en cuadrícula do exemplo "dexenerado", despois de ver que o termo independente ten que ser nulo, pois un dos puntos é o $(0,0)$, dan lugar a esta matriz 8x8 do sistema :
, que ten rango 7, igual que a matriz ampliada, mentres que o número de incógnitas é 8, polo que o sistema é compatible indeterminado.

E xa podedes intuír a xeneralización, o esencial está todo no caso cúbico.

O que máis me abraia deste conto é que Euler viu a razón do aparente paradoxo sen ter a linguaxe necesaria para expresalo con rigor. Un xenio absoluto.

Escribindo esta entrada vin que o formidable arquivo How Euler Did It, de Ed Sandifer, xa non está dispoñible en liña. Eu teño todos (coido) os artigos en pdf nun disco duro, se alguén precisa, que me avise. En calquera caso, podedes atopalos en The Wayback Machine, por exemplo Cramer's Paradox, que foi o lugar no que souben por primeira vez desta vella historia.

E se queredes ir ás fontes orixinais, a entrada da wikipedia en inglés ten as ligazóns ao final:

26.11.22

Un paradoxo probabilístico

 O paradoxo que vou compartir hoxe é un vello coñecido, que vin xa en varios libros, p.ex. Nonplussed! de Julian Havil, quen adxudica a súa creación ao gran Leo Moser. Ollade que curioso:

Vai ter lugar un pequeno torneo entre tres xogadores de tenis, Álex, Brais e Carlos. Álex é peor xogador que Brais, e Brais é peor que Carlos. Álex vai xogar tres partidos, alternando entre Brais e Carlos, de tal xeito que se gaña 2 partidos seguidos, obterá un trofeo. Loxicamente, a probabilidade de que lle gañe Álex a Brais, denotémola por b, será maior que a probabilidade de que Álex gañe a Carlos, que chamaremos c. Que será mellor para gañar o trofeo, que empece xogando contra Brais ou contra Carlos? 

Para que pensedes con xeito, introduzo aquí un pantallazo dun xoguiño de cálculo aritmético que acabo de coñecer, Meganum:

    
Aposto a que nin fai falta que poña como se xoga, e que chega con poñer un pantallazo con outra modalidade de xogo(mirade toda a pantalla):

   

Veña, ao choio xa.

Imaxino que adiviñades onde reside o paradoxo: o primeiro que pensaría calquera é que para Álex é mellor xogar máis contra o seguinte peor xogador, Brais, que contra o mellor, Carlos.

Pois ese calquera pensaría mal. Vexamos por que elaborando dúas táboas, na 1ª Álex xoga contra Brais primeiro e na 2ª contra Carlos primeiro. Lembrando que b era a probabilidade de que Álex lle gañe a Brais e c a probabilidade de que lle gañe a Carlos, e supoñendo independencia, a situación é a seguinte:


Opoñente

Brais

Carlos

Brais

Probabilidade

Gaña ou Perde?

G

G

G

bcb

G

G

P

bc(1-b)

P

G

G

(1-b)bc

 

Opoñente

Carlos

Brais

Carlos

Probabilidade

Gaña ou Perde?

G

G

G

cbc

G

G

P

cb(1-c)

P

G

G

(1-c)bc


Vexamos agora cal é a probabilidade de que gañe o trofeo en cada situación.

  • Se xoga primeiro contra Brais, a probabilidade de obter o trofeo é a suma das 3 opcións onde gaña 2 partidos seguidos, é dicir: $$bcb+bc(1-b)+(1-b)bc=bc(b+1-b+1-b)=bc(2-b)$$
  • Se xoga primeiro contra Carlos, o mellor xogador, a probabilidade de trofeo é: $$cbc+cb(1-c)+(1-c)bc=cb(c+1-c+1-c)=cb(2-c)$$
Vedes xa a sorpresa?

As dúas probabilidades comparten aspecto, a primeira é $bc(2-b)$ e a segunda é $bc(2-c)$. Obviando o factor común $bc$, resulta que $2-b<2-c$ pois $c<b$, como deixei indicado ao principio, posto que é máis difícil que gañe a Carlos que a Brais. En conclusión, é mellor que elixa o mellor xogador  para xogar dúas veces que o peor xogador.

Agora que xa vistes o razoamento, ficades convencidos? 

No libro de Havil podemos atopar unha explicación á nosa inquedanza: se analizamos o número esperado de victorias en cada situación, aí a nosa intuición si que acerta:
  • Na 1ª opción, o número esperado é $$0 \cdot (1-b)(1-c)(1-b)+1 \cdot [b(1-c)(1-b)+(1-b)c(1-b)+(1-b)(1-c)b]+ \\2 \cdot [bc(1-b)+b(1-c)b+(1-b)cb]+3 \cdot bcb=2b+c$$
  • Na 2ª opción, o número esperado é $$0 \cdot (1-c)(1-b)(1-c)+1 \cdot [c(1-b)(1-c)+(1-c)b(1-c)+(1-c)(1-b)c]+\\ 2 \cdot [cb(1-c)+c(1-b)c+(1-c)bc]+3 \cdot cbc=2c+b$$
E como, esta vez si, intuímos evidente, o número esperado de victorias é maior se xogamos máis co peor xogador.

Aposto a que outro día hei volver sobre o libro de Havil, no que todos os capítulos teñen ideas interesantes. 

21.9.14

O paradoxo de Simpson


Este ano, despois de varios anos afastado, volvo dar clase en 2º de ESO (o curso no que máis teño traballado é 1º de ESO, non vaiades pensar...). Entre que eu son dos profesores máis lentos que coñezo e que a Estatística está colocado sempre ao final do curriculum (tanto no BOE como no DOG como consecuentemente nas programacións dos centros) éme case imposible chegar a tratar ese bloque. Por sorte na programación do meu centro modificamos a orde dos bloques e comezamos o curso pola Estatística. De tal xeito que estes días estou enleado buscando na rede, lendo libros e, en xeral, pensando, en gráficas estatísticas mal feitas (tanto por anumerismo como por manipulación consciente), tratamento de datos, cálculo de parámetros e tamén na atribución de significado a eses parámetros (o que é moito máis difícil), etc. E cada vez que ando fedellando nestes temas acabo pasando nalgún momento polo paradoxo de Simpson, do que xa falei aquí e aquí, no primeiro caso para compartir unha explicación visual e no segundo para propoñelo como exercicio de investigación.

Hoxe vou amosar finalmente o paradoxo, utilizando en primeiro lugar uns datos sobre mortalidade que atopei no libro de Julian Havil Impossible?Surprising solutions to counterintuitive conundrums e despois uns datos inventados.

  • No seu libro de 1934 An Introduction to Logic and Scientific Method, Morris Cohen e Ernst Nagel utilizaron os datos sobre a mortalidade por tuberculose en 1910 en dúas cidades, New York e Richmond, distinguindo pola etnia dos cidadáns, caucásicos ou afroamericanos. Observemos a táboa cos números:


Perdoade o png, a táboa orixinal aquí

Na táboa vemos que as taxas de mortalidade tanto en caucásicos como en afroamericanos son maiores en New York que en Richmond, porén a mortalidade conxunta é maior en Richmond que en New York. Velaí o paradoxo: resulta contraintuitivo que o que sucede nos dous grupos poboacionais por separado non se reproduza na poboación global. Isto fai que por outro nome este paradoxo tamén se coñeza como "de agregación" (é moito máis usual e coñecida a falacia de desagregación, fenómeno en certo sentido inverso).

Un fenómeno que se dá nas aulas pero que a teoría non prevé é o de que a asimilación dos conceptos e a aplicación dos procedementos depende en grande medida do aspecto externo das variables implicadas.
Por exemplo: un alumno pode ter certa destreza resolvendo ecuacións de 1º grao sinxelas, do tipo

$$\small{3x=6}$$

mais é posible que teña dificultades coa ecuación

$$\small{6x=3}$$

por non falarmos de

$$\small{0'05x=0'02}$$

ou

$$\small{\sqrt{2}x=\frac{-3}{5 \cdot 10^{-2}}}$$

Para sermos rigorosos, si hai investigación sobre estes fenómenos, o que adoita suceder é que esta investigación non chega aos que deberíamos coñecela. Imaxinade un licenciado en Matemáticas que acaba de aterrar (a polisemia desta verba é moi acaída para esta situación) na ESO e ten que explicar as ecuacións. Ou está provisto dunha intuición formidable ou é posible que non advirta as primeiras aparicións deste fenómeno, relacionado coa comprensión do concepto de número alén do significado concreto de enumeración e orde.

A que vén todo isto, se eu estaba a falar do paradoxo de Simpson? Pois a que os datos reais, como os da táboa superior, supoñen un obstáculo para asimilar o paradoxo. Entenderemos moito mellor o asunto se pulimos os números e quedamos co esencial. Para isto vexamos os datos ficticios que utilicei nun test de enxeño para 1º de Bacharelato no 2006, onde pedía algo semellante ao da entrada mencionada arriba:

  • Dous hospitais (poñamos que de Ferrol e Narón) tratan a 100 enfermos cada un durante un ano. Cada paciente sofre unha de dúas enfermidades, malaria e dengue. O hospital de Narón cura unha maior porcentaxe de enfermos de malaria que o de Ferrol, e tamén unha maior porcentaxe de enfermos de dengue que o de Ferrol; aínda así, o hospital de Ferrol cura unha maior porcentaxe de doentes das dúas enfermidades globalmente que o de Narón. Como é isto posible?


Sinto que a porcentaxe na última ringleira sobraba...

Os datos que inventei son moi extremos, co obxectivo de esaxerar e facer notorio o paradoxo. Se o pensamos do xeito inverso: a división en subgrupos pode disfrazar fenómenos visibles só a nivel global. Pode resultar interesante investigar ata onde podemos levar os datos, i.e., como de grande pode ser a diferenza entre as ratios de cura de Narón e as de Ferrol nas dúas doenzas e aínda así resultar máis eficaz globalmente o de Ferrol?

Unha última cuestión, agora que xa tratamos o paradoxo: coñecemos polos datos que o hospital de Ferrol cura a máis xente que o de Narón. Se ti tiveses a mala sorte de coller dengue, a cal dos dous hospitais che gustaría que te levasen? Doutro xeito: e se estiveses enfermo dunha das dúas enfermidades pero non soubesen de cal, a que hospital irías?


22.10.13

Breve momento de gloria


Conteillo á familia. Compartino nas redes sociais. Mandeillo por correo electrónico aos compañeiros de departamento (e tamén os asaltei polo instituto).

Pero non lembrei que teño un blogue. E que quizais algún dos meus catro lectores non saiba que o autor do blogue de educación de El País Ayuda al estudiante, Carlos Arroyo, me convidou xentilmente a escribir unha breve reflexión sobre o noso oficio. E algo así fixen, aínda que non volo podo garantir:


No desaprovechemos en el aula la fascinación de lo difícil

Actualización from the future(3/3/2026): como é usual nos grandes medios, desapareceu a ligazón. Por sorte, existe a Wayback Machine de archive.org, No desaprovechemos etc.

  • E xa que estamos, poñamos algo útil de verdade. Igual atopades algo que se poida usar como profesores na versión en español da Khan Academy, eu aínda non o tentei.



  • Ou quizais atopedes algo interesante neste vídeo que vin no blogue de Richard Wiseman (hai que velo ata o final):





  • Ou, finalmente, pode que teñades ganas de ver unha boa explicación visual do Paradoxo de Simpson en Simpson's Paradox

De catro cousas estou seguro que haberá tres interesantes.

19.8.13

Tempo abondo

Andaba hoxe polo twitter...


Levo tanto tempo escribindo neste blogue que cando me vén un tema á cabeza teño problemas serios para saber se xa o tratei. Por sorte o tema de hoxe é a probabilidade, e en concreto un paradoxo (aparente), polo que non é complicado buscar na etiqueta Paradoxos. Se fose un problema de Xeometría xa tería máis choio. Este paradoxo quizais non sexa tan coñecido como outros probabilísticos como o paradoxo de Bertrand ou o de San Petersburgo, aínda así é ben interesante.

A situación de inicio é tradicional: temos unha urna cunha bóla branca e unha bóla negra. Comezamos un "xogo probabilístico" do seguinte xeito: extraemos unha bóla ao chou e,

  • se a bóla é branca rematamos.
  • se a bóla é negra devolvémola á urna e engadimos outra bóla negra.
As dúas preguntas inmediatas son:

  1. cal é a probabilidade de que remate o xogo, é dicir, de obter nalgún momento unha bóla branca?
  2. ... e canto tempo durará por termo medio o xogo?
Vexamos.


A probabilidade de obter bóla branca á primeira extracción é claramente $P_1=\frac{1}{2}$
Se non temos sorte á primeira, é dicir, extraemos unha negra, a probabilidade de sacar branca á segunda vai ser $P_2=\frac{1}{2} \cdot \frac{1}{3}=\frac{1}{2\cdot3}$ , pois agora temos na urna unha bóla branca e dúas negras.
Na terceira extracción será $P_3=\frac{1}{2}\cdot\frac{2}{3}\cdot\frac{1}{4}=\frac{1}{3 \cdot4}$

Razoando deste xeito chegamos a que obter bóla branca na extracción n-ésima ten probabilidade: $P_n=\frac{1}{2}\cdot\frac{2}{3}\cdot\frac{3}{4}\cdot\frac{4}{5}\dots\frac{n-1}{n}\cdot\frac{1}{n+1}=\frac{1}{n\cdot(n+1)}$ De tal xeito que a probabilidade de que o xogo remate vén dada pola suma dunha serie felizmente sinxela de calcular: $$\sum_{n=1}^{\infty}P_n=\sum_{n=1}^{\infty}\frac{1}{n\cdot(n+1)}=\frac{1}{2} + \frac{1}{2\cdot3}+ \dots \frac{1}{n\cdot(n+1)}=(1)$$ Agora imos utilizar un truco clásico, que se apoia en primeiro lugar nese procedemento tan aburrido como sinxelo que chamamos "descomposición en fraccións simples" e que leva un tempo considerable en 2º de Bacharelato (co obxectivo de calcular primitivas racionais): Resulta que: $$\frac{1}{n\cdot(n+1)}=\frac{1}{n}-\frac{1}{n+1}$$ (isto ten que ter unha demostración visual, seguro) Así que para calcular a suma buscada, utilizando que a serie é telescópica: $$(1)=\sum_{n=1}^{\infty}\left( \frac{1}{n}-\frac{1}{n+1}\right)=1-\frac{1}{2}+\frac{1}{2}-\frac{1}{3}+\dots \frac{1}{n}-\frac{1}{n+1} \dots=1-\lim_{n\to\infty}\frac{1}{n+1}$$
$$=1-0=1$$ Así que con seguridade obteremos unha bóla branca. Vaiamos á segunda pregunta: canto tardaremos por termo medio en obtermos esa bóla branca? A resposta é a consabida esperanza matemática, xeneralización da media en casos finitos: $$E=\sum_{n=0}^{\infty} n \cdot \frac{1}{n\cdot(n+1)}=\sum_{n=0}^{\infty} \frac{1}{n+1}=\infty$$ isto último debido a que a suma da serie harmónica non é finita (probablemente sexa a primeira serie non trivial con suma non finita) Unindo estes dous resultados, temos que a probabilidade de obter bóla branca é 1, mais por termo medio teremos que esperar un tempo infinito.

Os case cinco anos que levo esbardallando pola rede non semellan moito en comparación.

19.1.13

Todo é interesante

Un paradoxo humorístico dos máis coñecidos é o dos números interesantes. Resumindo vén dicir que tódolos números naturais son interesantes. Cal é a explicación? Se houbese números que non fosen interesantes habería un que fose o menor dos números non interesantes (os números naturais sonche así de ben ordenados-probade senón cos reais). E no caso de atopar un menor número non interesante, desde logo que este número sería interesante, chegando a unha contradición coa hipótese. Por tanto tódolos números naturais sonvos interesantes.

Pois tiña que suceder: despois de escribir hai uns días  O (maldito) cubo de Rubik esbardallando sobre temas  clásicos que o gran público relaciona coas Matemáticas e cos matemáticos, atopo algo que me fai interesar máis polos sudokus. En concreto, neste Killer Sudoku hai algo que chamou a miña atención:

Ese punto que pintei no medio...

Se a alguén lle interesa, o Sudoku Killer é unha especie de mestura entre o sudoku normal e o kakuro, no que os números pasan a ter importancia per se, pola contra no sudoku tanto pode haber números como 9 letras, 9 debuxos ou 9 cores. A razón principal de usaren números é porque deben de ser os 9 símbolos máis sinxelos de recoñecer. As regras especiais, ademais das propias do sudoku, veñen na propia foto: hai que ter en conta que nas rexións punteadas os números teñen que sumar a cantidade anotada na esquina superior esquerda e ademais os números non se poden repetir tampouco no seu interior. Deste xeito non é necesario que haxa números pre-colocados na grella para resolver o Killer, aínda que a dificultade pode incrementarse varios niveis. No Killer da foto vemos rapidamente que a caixa marcada cun 3 do cadrado 3x3 da esquina superior esquerda ten que conter un 1 e un 2, porén non sabemos en que posición. 

Pero aínda non dixen que foi o que me interesou desta grella en concreto.

Pista: non ten que ver cos números.

Esa caixa con forma de F da esquina inferior esquerda saltou un momento do plano para que a vise mellor. Despois volveu ao plano para facer un xiro de 180º arredor do centro da grella e colocarse na esquina superior dereita, "boca abaixo".
Claro, non?

E un punto fixo no centro.

Este movemento que acabo de describir como unha rotación de 180 graos tamén se pode denominar simetría central,  o centro segue a ser o que pintei no papel.

Esta era a primeira vez que me decataba desta simetría no Killer. Sería casualidade? Investigando un pouco Buscando en google "killer sudoku rotational symmetry" obtiven como resposta 1040000 resultados. Navegando polas primeiras páxinas de resultados atopei que a simetría é unha característica estética desexable que os deseñadores de puzzles buscan deliberadamente, pero que non é imprescindible. Incluso nos sudokus normais podemos observar simetrías deste tipo, na wikipedia explican a razón:

"In 1986, Nikoli introduced two innovations: the number of givens was restricted to no more than 32, and puzzles became "symmetrical" (meaning the givens were distributed in rotationally symmetric cells"


Nota mental: nunca digas en voz alta que algo non é interesante, pode que acabes facendo un post para comentalo...



27.11.12

Darlle a volta a unha esfera

Tirado de The Optiverse

O ambiguo título do post non fai referencia a xirar arredor dunha esfera, senón ao coñecido actualmente como Paradoxo de Smale, en honor do grande matemático Stephen Smale, gañador da medalla Fields en 1966. Tal paradoxo consiste en que é posible darlle a volta, de dentro cara fóra, a unha esfera, o que se coñece como "evertir" a esfera. Nesta eversión é permisible que a esfera se autointerseque, mais non se permite que se corte (daquela sería sinxelo de máis) nin que se formen buratos ou pregamentos. Smale amosou que tal eversión existía de feito, mais, como adoita suceder en moitas demostracións matemáticas, non atopou de xeito explícito o camiño xeométrico para voltear a esfera. Para iso houbo que esperar a que avanzase o campo da animación dixital, e ao traballo de varios matemáticos, entre eles Bernard Morin, topólogo que quedou cego por causa dun glaucoma aos seis anos.

Por sorte temos dispoñible en youtube varios vídeos que mostran a eversión; o primeiro atopeino por casualidade revisando a listaxe de libros online dunha editorial (por se alguén estiver interesado, é esta). Non podería explicar que está a pasar exactamente no vídeo no momento de virar a esfera, pero évos igualmente hipnótico:



Se aínda tedes ganas de máis, aquí tedes o vídeo completo, Outside In, onde explican a eversión tendo en conta outras figuras que non poden ser evertidas e analizando polo miúdo o que sucede na viraxe:



E aínda máis!

The Optiverse amosa eversións que minimizan a enerxía de flexión elástica. Confeso que tiven que ler ben isto para entender de que vai. Como mostra mirade o que comentan na ligazón anterior:

"The elastic bending energy for a stiff wire is the integral of squared curvature. For a surface in space, at each point there are two principal curvatures, and their average, the mean curvature, shows how much the surface deviates from being minimal. The integral of squared mean curvature is thus a bending energy for surfaces, often called the Willmore energy"



Haivos todo un mundo de Matemáticas alucinantes aí fóra esperando por aqueles que busquen...

3.9.12

De volta outra vez máis

Tomado de The Math Kid
Para comezar o novo curso quería compartir un anaco do prefacio dun libro de 1944 que estou a ler:

"Popular interest in mathematics is unquestionably increasing. Perhaps this is because of the fact that mathematics is a tool without which the applied sciences would cease to be sciences. On the other hand, the abstract aspect of mathematics is beginning to attract a large following of people who,weary of the complexities of the human equation in everyday activities, turn in their leisure to the simplicities of the mathematical equation."

Que nunha tradución pobre e persoal quedaría:

"O interese popular nas Matemáticas está, sen dúbida, crecendo. Quizais porque as Matemáticas son unha ferramenta sen a cal as ciencias aplicadas deixarían de ser ciencias. Por outra banda, o seu carácter abstracto está a comezar a atraer un grande número de seguidores que,  fartos das complexidades da ecuación humana nas actividades cotiás, se entregan ás simplicidades da ecuación matemática."

O libro, Riddles in Mathematics. A Book of Paradoxes, de Eugene Northrop, contén unha plétora de paradoxos, máis ou menos serios e elaborados, moitos ben coñecidos polos matemáticos. Escollín un paradoxo xeométrico, breve e sinxelo, non moi complicado de desenlear. Vexámolo:

Desde un punto exterior a unha recta podemos trazar dúas perpendiculares.

Debuxemos dúas circunferencias que se intersecan en dous puntos, Q e R. Tracemos os diámetros QP e QS e chamemos P e S ás súas interseccións coas circunferencias.



Vemos rapidamente que os ángulos PNQ e SMQ son rectos por seren inscritos en semicircunferencias. Polo que tanto QM como QN son perpendiculares á recta determinada polos puntos P e S.

Cando un xa sabe onde está o erro na deducción parece que as liñas e os puntos saen da pantalla, pero cando aínda non o descubriu...

18.5.11

O meu paradoxo favorito

O seguinte paradoxo, aparecido como o aforcamento inesperado no título dun libro de Martin Gardner (The unexpected hanging and other mathematical diversions) ten algo peculiar que o fai especialmente interesante.


Un home é sentenciado un sábado a ser aforcado. "O aforcamento terá lugar ao mediodía" dille o xuíz ao prisioneiro, "nun dos sete días da vindeira semana. Pero non saberás que día será ata que sexas informado na mañá do mesmo día da execución"
Cando devolven ao reo á cela, o seu avogado dille, emocionado, "Non o ves? A sentenza non pode ser levada a cabo!"
"Non entendo", di o prisioneiro.
"Déixame que cho explique. Eles obviamente non te poden colgar o sábado que vén. O sábado é o último día da semana. A tarde do venres aínda estarías vivo, e saberías con absoluta certeza que o aforcamento sería o sábado. Saberíalo antes de que cho dixesen o sábado pola mañá, contradicindo a afirmación do xuíz."
"Certo", di o reo.
"O sábado, por tanto, non pode ser o día da execución, o que provoca que o venres é o último día no que te poden executar. Pero tampouco te poden colgar o venres, pois na tarde do xoves só quedarían dous días: venres e sábado. Como o sábado non é un día posible, o aforcamento ocorrería o venres. O teu coñecemento deste feito violaría a afirmación do xuíz. Así que isto deixa ao xoves como o último día posible"
"Xa o collo. Razoando exactamente do mesmo xeito podemos eliminar mércores, martes e luns. Iso só deixa como posibilidade mañá. Pero non me poden colgar mañá porque xa o sei hoxe!"

Ata o momento chegamos a demostrar que a afirmación do xuíz non se pode cumprir, porque os feitos de que o prisioneiro vaia ser colgado a semana seguinte e que non o vaia saber ata a mañá do propio día producen que sexa imposible. Pero aínda queda o mellor:

O prisioneiro quedou satisfeito da conversa co seu avogado. Era irrefutable que non podía ser colgado esa semana. Pero, cando chegou a mañá do xoves, o alguacil foi avisalo de que ía ser colgado ese mediodía. E o máis terrible era que a afirmación do xuíz verificábase en boa lóxica: ía ser colgado esa semana, e non o soubo ata esa mesma mañá!

Que, inesperado ou non?

19.11.10

Algún problema, Arquímedes?



Unha pequena explicación:
  1. Debuxa unha circunferencia de diámetro 1.
  2. Debuxa un cadrado arredor dela (tanxente). O seu perímetro é 4.
  3. Elimina as esquinas do cadrado. O perímetro segue a ser 4.
  4. Elimina máis esquinas do cadrado. O perímetro segue a ser 4.
  5. Continúa o proceso ata o infinito.
  6. π=4!. Algún problema, Arquímedes?

Seguro que esta pseudo-demostración convencerá a máis de un. E non é sorprendente, debido a dúas razóns, de distinta orixe:

  • A introdución do número π no ensino das Matemáticas dista moito de ser exemplar. Isto é así agora pero tamén ocorría cando eu estudei a E.X.B. Ata moitos anos despois non descubrín a esencia do número π: é a lonxitude do perímetro dunha circunferencia de diámetro unidade , e pode ser demostrado que en calquera circunferencia, o cociente entre o seu perímetro e o seu diámetro é esa mesma constante. Tal e como recibín eu a información, semellaba que ese número era case un dogma, unha realidade matemática "por definición". E non quedaba outra opción: a circunferencia é un contido ineludible na educación primaria, e por outra banda, non creo que a maior parte dos alumnos tivesen moitos problemas epistemolóxicos por isto.
  • O uso do infinito na "demostración". Aí radica todo o problema, é obvio. Podemos repetir o proceso ata o infinito? Podemos. Iso garante que o perímetro do polígono (que cada vez está máis preto da circunferencia) sexa máis e máis próximo ao da circunferencia? Non. E non coñezo mellor método para amosar que iso non ten que ser verdade que poñer outro exemplo máis claro, onde non aparece π por ningures, coñecido como "Paradoxo do Límite":

Comezamos cun camiño formado por dous segmentos de lonxitude 1, obviamente a lonxitude total do traxecto é 2. Se no segundo paso bifurcamos o camiño a metade do 1º segmento como amosa o segundo debuxo, a lonxitude total segue a ser 2. Continuando o proceso, a lonxitude seguirá a ser 2 en tódolos pasos. Pero é claro que no infinito o camiño confúndese coa diagonal entre o punto de saída e o de chegada, que ten unha lonxitude igual á raíz cadrada de 2.

Comparado con outras características estrañas do infinito, este paradoxo é practicamente unha trivialidade. Algún día terei que falar do Paradoxo de Banach-Tarski, pero iso é outra historia...





3.1.10

Un paradoxo que non é un paradoxo




En Novembro (do ano pasado) vin esta animación que simula a existencia de aneis como os de Saturno na Terra:



E lembroume unha situación que poderíamos cualificar como un paradoxo que non é un paradoxo, non sei se coñeceredes a situación:

Collede un balón de fútbol e cinguídeo cunha corda polo seu "ecuador".


Abride a corda e cando a teñades estendida, engadídelle un metro máis (facendo un nó, por exemplo). Volvede colocar a corda arredor do balón, agora non queda cinguida, pero colocádea de xeito concéntrico ao anterior (como os aneis de Saturno). A que distancia queda a corda do balón?

(Un balón de fútbol ten unha circunferencia entre 68 e 70 cm. Para concretar, supoñamos que o noso ten unha circunferencia de 70 cm.)

Imaxinade que agora puidésedes facer os mesmos pasos pero cunha corda arredor do Ecuador da Terra. É dicir, cinguides a Terra cunha corda polo seu Ecuador:

Abrides a corda e engadídeslle un metro, volvedes colocar a corda arredor do Ecuador, pero a certa distancia da Terra. Cal é esa distancia agora?



(O diámetro ecuatorial da Terra é 12756,8 km)

En cal dos dous casos é maior a distancia, no balón de fútbol ou na Terra?

Cando o calculedes, velaí o paradoxo que non é un paradoxo.

Nota: Evidentemente, as imaxes só queren achegar a idea do paradoxo, e non están feitas a escala.

27.1.09

Paradoxos



Esta estraña palabra é moi usada en Matemáticas e Filosofía, e fai referencia a algo á primeira vista imposible, pero que, ben entendido, acaba por ter sentido (grosso modo). O problema de hoxe está relacionado co "Paradoxo de Simpson". Velaquí o problema:

Os hospitais do Barco e Ponferrada tratan a 100 enfermos cada un durante un ano. Cada paciente sofre unha das dúas seguintes enfermidades: neumonía e meninxite. Sabemos que o hospital do Barco sanda unha porcentaxe maior de pacientes que o de Ponferrada. Sen embargo, o hospital de Ponferrada sanda unha maior porcentaxe de pacientes de neumonía e tamén unha maior porcentaxe de enfermos de meninxite. O voso traballo é atopar unha situación na que isto poda ser certo.

Por certo, na imaxe da cabeceira podedes ver un cultivo de estreptococos A.