Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións

12.4.26

Un xogo recursivo


Síntome compelido a facer esta entrada, e iso que este mesmo ano xa compartín un xogo baseado supostamente no traballo de Escher. Ao xogo de hoxe, Print Gallery Of An Artist, cheguei vía kottke, onde efectivamente menciona a inspiración na obra do pintor neerlandés, favorito do gremio de estudantes universitarios de matemáticas do mundo. Logo, se ides á páxina do xogo, realmente o que di, xa no subtítulo, é A brief exploration of recursive spaces. E iso resulta máis acaído, como podedes comprobar se xogades un chisco ou se simplemente mirades a imaxe que incrustei abaixo.


 
   

De feito o autor do xogo, Daniel Linssen, aclara que a inspiración do xogo é un vídeo de 3Blue1Brown (que non vin), baseado á súa vez en Escher. En concreto, no estudo do efecto Droste por parte de Escher, plasmado na ben coñecida litografía Prentententoonstelling, esta de aquí:


Da wikipedia

(Se queredes ler unha análise da estrutura matemática desta obra, velaquí)

Recoméndovos o xogo, eu polo menos pasei un bo cacho toleando coa espiral infinita.


P.S.: notei despois de xogar máis que se tarda un pouco en ver normal de todo. Avisados quedades.

25.1.26

Escher(-ish) noutro xogo

 Que tempos aqueles nos que todas as semanas saía un xogo "dos de pensar" na rede, que tempos.

Ou quizais segue a haber, o que sucede é que desde que desapareceu o Flash non hai unha contorna amigable, fóra de certos portais aparentemente máis especializados, como itch.io, ou cousas raras e infantís, como Roblox, na que velos. Ou pode que sexa eu máis vello, ou parvo, quen sabe.

 

Obviamente, se vexo que hai un novo xogo titulado Escheresque, vou probalo e raro será que non o comparta aquí. Que parece que eu son o target obxectivo dunha cousa así.

Aínda que logo, cando o probe, decida que moi Escheresque igual non é.

O xogo usa a perspectiva isométrica de moitos dos vellos xogos arcade dos 80, a mecánica inclúe cambiar entre dous mundos superpostos e isto fai que o noso ollo conxugue as imaxes dos dous mundos ata crear figuras paradoxais que non están aí. Ao contrario do Monument Valley, no que si aparecían ilusións e figuras imposibles.



Podía basearse en La Abadía del Crimen,
a verdade. Ou no Marble Madness


A principal dificultade do xogo é non ter unha visual completa do escenario, o que provoca que poidas vagar un chisco ata atopar o que hai que facer. E tendo en conta a lentitude coa que anda o nachiño, se sodes dos que vedes vídeos a 2x, non é para vós. Se sodes dos que non resolvedes un problema de todo no momento no que sabedes o que hai que facer, tampouco.

En conclusión, máis arte que xogo. Como premisa para algo máis grande si que o vexo factible.

13.10.17

Fragments of Euclid



Hai cousa de medio ano vin nos microsiervos a reseña dun xogo, Fragments of Euclid, do cal coa miniatura do tráiler xa captamos a idea e a razón de que o traia a este blogue:




Por se non fose obvio, o creador, Antoine Zanuttini, confirma que este xogo de exploración e resolución de puzzles está baseado na obra de M.C. Escher, e que tivo un prototipo no transcurso do Ludum Dare 37, Non Euclidean Room, do cal recupero as escaleiras de Penrose do in-game:


Penrose Stairs
Penrose Stairs


Se tedes unha hora libre, mergulládevos neste pequeno xogo onde non hai un sistema de referencia estable.

22.7.17

Problemas matemáticos da Lusofonía-3


Editado o 24/07/2017: Esta entrada non resolve o problema proposto, como ben apunta Efe nos comentarios. Na entrada seguinte aparece unha solución de verdade. Déixovos que atopedes vós o erro.


Da Olimpíada de Matemática da Comunidade de Países de Língua Portuguesa xa falei por acó, e tamén da ausencia dunha web en condicións para consultala. Por sorte o ano 2016 foi celebrada no Brasil, onde xa teñen unha infraestrutura formidable arredor das olimpíadas, envexa de moitos outros países.

6ª Olimpíada de Matemática da CPLP


Na olimpíada do 2016 houbo varios problemas interesantes, por exemplo o 4º, sobre unha competición de futebol, que non reproduzo por ter un aire semellante ao da entrada previa. Mais o problema no que reparei foi o último, o 6º, que trataba de números:

Considere as potências de 2 com expoente inteiro positivo, ou seja, os números da forma $2^n$ em que n é um inteiro positivo: 2,4,8,16,... Prove que toda potência de 2 com expoente inteiro positivo pode ser escrita na forma

$$5xy-x^2-2y^2$$

com x e y ímpares positivos.

Vou compartir a secuencia que me levou a resolver o problema, pero antes, para non subtraer a diversión de resolvelo aos amables lectores, velaquí unha adiviña sinxela. A ver se descubrides que cuestión matemática representa a seguinte imaxe minimalista:

A solución, nesta páxina, e o resto de obras de Crockett Johnson aquí

Onde estabamos? Ah, si, con

$$5xy-x^2-2y^2$$

Outra persoa con máis intuición ca min seguramente poderá ver xa con claridade o asunto. Como eu non teño tanta vista, cando tento resolver un problema destes o primeiro que fago é, vaia,... fedellar, termo non recollido literalmente nas recomendacións de Polya mais que recolle o seu espírito.

Neste caso fedellar significa probar con casos pequenos das potencias de 2 e ver se observamos un patrón:
A primeira sae rápido:
$$2^1=5 \cdot 1 \cdot1-1^2-2\cdot1^2$$
Para escribir menos LATEX, vou chamar
$$f(x,y)=5xy-x^2-2y^2$$
A segunda(xa coa nova notación), tamén:
$$2^2=f(2,1)$$
As sucesivas:
$$2^3=f(2,3)$$
$$2^4=f(3,5)$$

Chegado a este punto, que foi o que vin? Pois si, números de Fibonacci. Neste momento pensei que tiña solucionado o conto, pois xa ía elucubrando como obter a representación dunha potencia de 2 desde a representación da anterior, ou das dúas anteriores...
Se lembrades a sucesión de Fibonacci,
$$1,1,2,3,5,8,13,21,...$$
E comparades coas primeiras representacións que obtiven,
$$(1,1),(2,1),(2,3),(3,5),...$$
Parece razoable pensar que os pares van aparecendo de xeito consecutivo na sucesión de Fibonacci.
Pasei uns minutos dándolle voltas porque non vía a zoca que metera, ao crer que o patrón dos pares ordenados era
$$(F_{n},F_{n-1})\rightarrow (F_{n+1},F_{n})$$
Pero os pares non cumpren nin ese patrón nin nada semellante. Se avanzamos na sucesión, vemos que o par $(5,8)$ falla:
$$f(5,8)=47$$
$$f(8,5)=86$$
Se temos en conta que a paridade dos números de Fibonacci é impar-impar-par-impar-impar-par-... veremos que o par impar-par nunca vai funcionar  nesa orde, pois  f(impar,par) é claramente impar.

A sensación de que unha idea que un cre exitosa resulta un fracaso é tremenda, e moitas veces é aí cando se deixan de lados os problemas, polo menos a min xa me ten pasado un feixe de veces.

Que fixen ante este fracaso (parcial)? Seguir fedellando.

Entón, for no particular reason, escribín a función en forma matricial:
$$f(x,y)=\left( \begin{array}{ccc} x & y \end{array} \right)  \left( \begin{array}{ccc}
-1 & \frac{5}{2} \\
\frac{5}{2} & -2 \end{array} \right) \left( \begin{array}{ccc} x \\ y  \end{array} \right) $$

Tiven unha epifanía cando vin a matriz? Non. Aí quedou. A resolución de problemas non é como as TV movies, unha mágoa.

Mais, de súpeto, mirando para a expresión alxébrica $f(x,y)$ obviei as variables e fixeime só nos números, e vin...
$$5-1-2=2$$

O que provocou, agora si, a iluminación: se considero pares cos dous números iguais,obterei o dobre dun cadrado. Vedes por que isto é útil?
$$f(x,x)=5x \cdot x-x^2-2x^2=2x^2 $$
Collendo $x=2^n$, obtemos $f(2^n,2^n)=2(2^n)^2=2\cdot 2^{2n}=2^{2n+1}$

Que case, case, resolve o problema: xa o temos resolto para potencias impares de 2.

O que veu despois para resolver o caso de potencias pares, supoño que é inmediato, pero non sei como se me ocorreu:

Collendo pares ordenados nos que o primeiro número é o dobre do segundo, vemos o camiño:
$$f(2x,x)=5 \cdot 2x \cdot x-(2x)^2-2\cdot x^2=4x^2$$
Só temos que considerar $x=2^{n-1}$ para obter $f(2^n,2^{n-1})=4(2^{n-1})^2=(2^n)^2=2^{2n}$

E así representamos as potencias pares de 2. Xunto ao anterior, queda demostrado que todas as potencias de 2 de expoñente positivo poden ser escritas dese xeito, agás erratas. Se alguén atopa unha solución distinta, pode deixala nos comentarios.

19.5.16

Xogos hiperbólicos


Estamos afeitos inconscientemente a asumir que os xogos se desenvolvan en terreos que cumpren as leis da Xeometría Euclidiana. Por iso é unha agradable sorpresa atopar exemplos que nos fan reparar noutras xeometrías. Xa non sei nin como cheguei (igual a navegación por internet segue unha métrica do bosque) á presentación deste xogo, HyperRogue, no que manexas a un heroe solitario nun mundo... hiperbólico. Para os non iniciados no mundo dos xogos, haberá que explicar que un Rogue Game, grosso modo, é un xogo no que a acción sucede en alxubes creados de xeito procedural, a dinámica transcorre mediante un sistema de quendas, e o protagonista ten como obxectivo saquear ao máximo as estancias, chegar a certo nivel final e regresar con vida(habitualmente a dificultade é moi alta e non hai puntos de carga, se morres, morriches).

Ollade o vídeo de presentación:




É inevitable pensar nos discos de Poincaré que debuxara Escher, non si?

    





Se queredes saber máis sobre a anómala xeometría do xogo, ide a Hyperbolic Geometry in Hyperbolic Rogue e veredes como o autor utilizou de xeito maxistral as súas propiedades para artellar diferentes mundos no xogo.

E como dunha ligazón vas a outra(sempre que o teu navegador dea feito con corenta separadores), acabei na web Geometry Games, que aínda non sei como non coñecía xa. Nela non só podes descargar xogos desenvolvidos en mundos hiperbólicos como o anterior, senón tamén na superficie dun toro.

8.11.15

Anamorfoses


Cando leo ou oio anamorfose,automaticamente penso nun libro de texto de Ciencias Sociais da EXB no que aparecía o famosísimo cadro Os Embaixadores de Hans Holbein, e imaxino que non son o único cunha lembranza semellante:

Da wikipedia


Se estades a ler esta entrada nun dispositivo móbil, poderedes poñer o nariz á altura do marco inferior do cadro para distinguir a inquietante caveira.

Hoxe tráiovos unha versión actualizada de arte anamórfico, neste caso arte interactivo, ou como adoita ser chamado simplemente, videoxogos. Observade o vídeo no que se explica a mecánica do xogo:





Se queredes botar unha ollada ao xogo, aínda en desenvolvemento, os creadores publicaron unha demo xogable que está dispoñible na súa web. Souben do xogo pola entrevista que lle fixeron en Indie Games a un dos deseñadores, Lucien Chen. A entrevista paga a pena para os interesados na creación de videoxogos; a min chamoume a atención o feito de que a primeira fase do deseño dos niveis fose executada en papel.

Se vos gustou Portal ou Antichamber, este xogo bebe desas fontes.

24.6.15

ARS QUBICA


Coa voráxine dos exames, recuperacións, repescas e avaliacións, aínda non tivera tempo de pasarme pola web da Real Sociedad Matemática Española(RSME). Cando fun levei a grata sorpresa que veño compartir por acó: hai un novo vídeo artístico-matemático de Cristóbal Vila, nesta ocasión con guión dos matemáticos da Universidad de Zaragoza Fernando Corbalán e Luis Rández.

Non quero comentar nada máis para non escarallar o vídeo. Se queredes máis información, ide despois de velo á web da RSME:

Presentación de ARS QUBICA


9.11.14

Un pouco de arte

Cando amoso ilusións ópticas aos alumnos e premo na etiqueta embaixo do arquivo, a máis recente é de comezos de ano. Tendo en conta que na rede actual hai creacións novas decotío, vai sendo hora de que actualice este pequeno almacén.

As mostras de hoxe proveñen de artistas urbanos, denominación que semella excluír aos que viñesen da aldea, pero que se ollamos a fonte, street art, resulta coherente.

As obras que vou amosar comparten o obxectivo de enganar á nosa intuición, algunhas dentro da categoría de anamorfoses. Os amables artistas adoitan complementar a delusoria obra cunha explicación do seu oficio mediante tomas desde outras perspectivas. Nas obras que estea dispoñible vou ocultar a explicación para que antes poidades dilucidar vós mesmos os puntos de vista.

Do primeiro artista, Felice Varini, quería salientar un par de obras recentes:

Blu giallo rosso e nero tra il trapezio e l'ellisse


Preme para ver a explicación
    


A segunda obra custa vela ao comezo:

Disque libre noire Nº1

Explicación
      


E a 3ª obra, tan enorme que custa imaxinar o choio que custou deseñala e levala a cabo:

Trois ellipses ouverts en désordre
Para ver a explicación desta xoia ide á súa web, unha soa imaxe non faría xustiza a tan grande choio.


A segunda artista, Fanette Guilloud, ten unha serie titulada Geometrie de l'Impossible, chea de imaxes ben fermosas, das que un matemático non pode omitir este triángulo de Penrose:

"Geometrie de l'Impossible"
2013, France, Anamorphoses; spraycans

Pero tamén é abraiante este prisma (?) para o cal hai explicación:

Blue Berlin, feb. 2014 
          


O 3º artista, Alessandro Diddi, ten varias series con debuxos que escapan do papel, que vos lembrarán con seguridade a Escher:


Jumping Dolphin

Double Illusion


Xa han chegar estas obras por unha tempada; aínda que deixo unhas cantas na recámara, creo que podería ralentizar moito a carga da páxina. Ata a vindeira mostra!


13.3.14

Un efecto abraiante


Estades dispostos a quedar pampos? Observade este breve vídeo:






O que non estou é certo de que sexa unha ilusión. Eu coido máis ben que é simplemente un "efecto", aínda que tampouco teño moi claras as definicións, a dicir verdade. Atopei esta pequena marabilla no novo blogue Sploid da rede Gizmodo, no que podedes achar cousas como este alieníxena:

Se queredes saber o que é, ide a Sploid, ide...


Esta semana tamén vin outra revisión do Triángulo de Penrose-Escaleira Imposible nunha web de arquitectura e deseño, Arch20:

Infinite Staircase de Olafur Eliasson
É curioso que lle chamen escaleira infinita cando unha circunferencia calquera serviría de exemplo desa denominación. O esencial desta escaleira non é a súa infinitude, senón a súa imposibilidade, polo menos en 2D.

Se non sabedes o que estades a ollar, seguramente a versión orixinal será de axuda:

Penrose Stairs

Que, á súa vez, é unha revisión do propio Penrose do seu celebérrimo Triángulo:



Probablemente un dos deseños máis copiados

Claro que o que é imposible en 2D pode ser só cuestión de perspectiva en 3D (pensade por exemplo no coñecido problema de conectar 3 casas coa luz, gas e auga, que sinxelo é en 3D). Era sabido que alguén o ía facer no mundo real:

Este en Perth, Australia:




E estoutro en Ophoven, Bélxica:


)

24.10.13

A beleza das Matemáticas


Acabo de atopar este vídeo, Beauty of Mathematics, no blogue The Aperiodical. Nel, partindo da famosa frase de Bertrand Russell que atribúe beleza, aínda que fría, ás Matemáticas, aparecen varios exemplos visuais onde poderemos aprezar a existencia de valores estéticos na nosa ciencia.
Vede vós mesmos:




É moi probable que lles poña este vídeo nalgún momento aos meus alumnos, tanto de 1º de ESO como de 1º de Bacharelato. E seguramente explicarei e intensificarei os exemplos do vídeo para "venderlles" a tese que quere transmitir, que semella ser que a beleza está agochada na aplicación das Matemáticas para interpretar o mundo físico.




Porén, sabedes o que me resulta máis curioso?





...que non poría ningún dos exemplos do vídeo como exemplo de beleza matemática. Así que apuntade como competencia do profesor do século XXI (mira que hai listas desas pola rede, haivos unha morea de expertos...) "ser un impostor"



3.3.13

Comezando marzo con ilusión

Nos últimos meses fun recollendo da rede uns cantos exemplos de ilusións ópticas estáticas, vídeos, arte e figuras imposibles. Vai sendo hora de compartilos, que co tempo que pasou calquera día aparecen nos libros de texto. Aínda que tendo en conta que hai problemas de Fibonacci de comezos do século XIII e exemplos de matemática recreativa que veñen da obra de Alcuino de York (cortesán de Carlomagno en Aquisgrán, s. VIII) é probable que puidese deixar pasar máis tempo...

Veña, imos coa ilusión:

  • En Modern Met atopei a interesante obra da artista Regina Silveira (con ese nome podería ser da zona de Tordoia, mais é do Brasil). Unha das súas obras máis abraiantes, xunto coa artista, tédela aquí (dádelle á roda do rato)
Non vos gustaría estar aí no medio?
  • Este é un vídeo que vin no blogue de Richard Wiseman. O efecto, aínda que ben coñecido, non deixa de sorprender (coidado os que sexades asustábeis-por sorte dura pouco):

  • En io9 compartiron este ollo:
Se non o colledes, ide á ligazón de io9
  • Nunca vos decatastes de que cando botamos unha ollada á agulla dos segundos dun reloxo, durante un anaco maior que un segundo semella estar parada? É de supoñer que a razón está agochada nos nosos sentidos, como amosa este vídeo que apareceu en Math Fail:

  • Para rematar dous exemplos de fontes tipográficas que veñen moi a conto do tema das ilusións:
Fonte Frustro, relacionada co Triángulo de Penrose
Fonte Macula




Creo que xa temos ilusión para marzo polo menos.

30.12.12

Mind the steps

Mentres sigo enleado nos planos de estudo das leis educativas españolas tamén estou a limpar e ordenar o arquivo dixital que fun acumulando este primeiro trimestre. Isto inclúe tanto os arquivos do ordenador como as ligazóns gardadas no google reader e no delicious. Aqueles que non acometesen esta tarefa quedarían abraiados coa cantidade de libros, vídeos, animacións, imaxes, artigos, blogues, ... que van quedando a un lado ata que se atopa o tempo axeitado para ocuparse deles.

Por se tivese pouco que facer, hoxe mesmo descubrín que estamos no remate dun estudo internacional da IEA (a mesma axencia que fai TIMSS e PIRLS) sobre a formación inicial dos profesores de Matemáticas, Teacher Education and Development Study in Mathematics (TEDS-M). Estudo no que participamos cuha mostra de países realmente singular: Botswana, Canadá, Suiza (cantón alemán), Chile, Alemaña, Georgia, Malaysia, Noruega, Omán, Filipinas, Polonia, Rusia, Singapur, Tailandia, Taiwan, Estados Unidos.
O pdf co informe español pódese obter acó, onde polo visto aínda está oculto á proverbial capacidade de análise dos xornalistas. Cando cheguen a el veremos os titulares... eu recomendo con vehemencia unha frase para os xornalistas lacazáns (xa llela poño eu en vermello para que non teñan que buscar máis):

"Las puntuaciones medias obtenidas por los futuros profesores españoles en las pruebas sobre conocimientos están por debajo de la media internacional (500), tanto en conocimientos matemáticos como de didáctica de la matemática."

Eu polo momento quedo coa sensación de que os expertos educativos non teñen máis idea que calquera con sentido común e relación co ensino sobre cales son os factores de impacto na aprendizaxe dos alumnos, e mentres tanto van acumulando un historial de correlacións máis ou menos verosímiles. No documento cos marcos teóricos podemos ler como recoñecen a súa ignorancia sobre un aspecto que semella lóxico:

7. Teacher education is assumed to be linked to student achievement, but this relationship is poorly understood.


O que vén sendo, máis ou menos: 7.Cremos que a formación dos profesores debe de estar conectada co grao de aprendizaxe dos estudantes, pero esta conexión non é ben coñecida.



E nestas andamos, a piques de comezar outro ano do século XXI.


Co gallo de non rematarmos con mal sabor de boca o ano, traio un vídeo de animación que rapidamente veredes por que concorda cos temas habituais do blogue.  Do artista, István Orosz, souben grazas a Acertijos y más cosas. Advirto que a atmosfera creada pola animación e a súa música chega a resultar inquietante:

16.12.12

The third and the seventh

No número 71 da revista $suma^+$  da Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas hai varias cousas que me resultaron interesantes. A primeira, unha grande coincidencia: Fernando Tébar Cuesta asina un artigo titulado "Las matemáticas y el Bachillerato a lo largo del tiempo (1ª parte: desde 1953 hasta la LOGSE). É unha coincidencia porque, como xa comentei, estiven a fedellar na web do BOE co obxectivo de analizar a evolución do curriculum de Matemáticas desde a miña época de estudante ata a actualidade. O artigo de Fernando Tébar non se centra no curriculum, senón que comenta a estrutura dos estudos ademais do contexto no que se van desenvolvendo as novas leis. A bibliografía que apunta seguramente vai ser moi útil.

A segunda cousa interesante da revista é a entrevista que lle fan ao artista Cristóbal Vila, do que moitos lembraredes os dous traballos que comentei acó e acó. O momento máis revelador dáse cando o artista recoñece que nunca tivo un interese serio nas Matemáticas (co habitual comentario posterior sobre o escaso atractivo das clases e bla, bla, bla...), que o seu interese é máis que nada "visual". Creo que este momento é revelador porque evoca automaticamente a un dos aspectos da mente dos adolescentes que non podemos obviar cando traballamos en educación matemática: o feito de que as Matemáticas sexan útiles, que estean "debaixo" da realidade tanxible, e incluso que teñan atractivo estético... non é abondo para que un alumno se interese por elas. E máis cando as ferramentas tecnolóxicas que manexan tódolos días encubren totalmente calquera mostra da ciencia (e a tecnoloxía, tamén) que dá vida ás ferramentas. Isto non é casual: o obxectivo  dos que crean estas ferramentas é a facilidade de uso, o que leva á asimilación e ao espallamento da ferramenta. Un exemplo paradigmático témolo nos sistemas operativos que fan funcionar hoxe aos ordenadores, outro nos smartphones pensados para que calquera os saiba manexar.
Na entrevista Cristóbal Vila tamén o vemos: "... los programas de modelado y animación ya incorporan multitud de herramientas que hacen casi innecesario al usuario lidiar con cuestiones matemáticas. Aparte de unos básicos conocimientos de Geometría, poca cosa [...] aunque el usuario únicamente se limita a variar ciertos parámetros sin necesitar conocer los cálculos que tienen lugar internamente."
É esencial que os que deseñan os curricula teñan en conta esta realidade, para que non fagan outra xenialidade como a de meter notación binaria aos 7 anos porque os ordenadores traballan con ceros e uns...

Deixando a un lado as queixas debidas á miña condición de profesor de Matemáticas, imos ao terceiro achádego: Cristóbal Vila menciona a outro artista, Alex Román, do que salienta esta obra, The third and the seventh, na que nada é o que parece ser:




10.12.12

The Crevasse

A verdade é que desde que non fomento que os meus alumnos lean este blogue, e ademais sei que hai unha pequena cantidade de colegas matemáticos que se pasan por este recuncho da rede (ubicado alén do monte Ancos), este sitio évos un pouco máis serio do que adoitaba ser. Supoño que, en certo modo, estarei contaxiado desa solemnidade propia do oficio. Ese falar-para-un-eventual-examinador que levou a despropósitos como o daqueles autores dun libro de texto do antigo COU no que aparecía a integral Lebesgue. Ou que provocou que nunhas xornadas dirixidas a profesores de secundaria de tódalas disciplinas científico-tecnolóxicas, un conferenciante "lembrase para tódolos asistentes" o concepto de difeomorfismo $C^{\infty}$.

Así que é tempo de relaxar un pouco esta tensión matemática, máis tendo en conta que teño previsto comezar unha serie de comentarios sobre a evolución do curriculum de Matemáticas. Pois cadrou que acabo de ler un post de Futility Closet que trouxo de volta do proceloso mundo da rede a un artista do arte urbano, Edgar Mueller. De tódalas obras que hai na súa web, eu tamén alucinei co making -off de "The Crevasse", é dicir, "A Fenda" (ou como diríamos por Ferrol, "A Fendecha")




4.11.12

A realidade e os polígonos


O título do post é voluntariamente rechamante. Para comprender de onde provén o seu significado teredes que ver esta curtametraxe, Dimensions, na que o protagonista debulla os elementos que son utilizados para crear a "realidade" que nos rodea. Esa realidade que todos, nalgunha fase da nosa infancia-adolescencia, temos cuestionado, dun xeito elemental, mais profundamente relacionado co solipsismo.

Nalgún momento da maduración a mente humana deixa de lado estas ideas, ou supéraas, ou aprende a vivir cos paradoxos da existencia, ou en terminoloxía de videoxogos, os "glitches" da realidade. Quen sabe.

O vídeo, unha gozada para os sentidos e máis para a mente. Parabéns para o artista, David Oldenburger, e a Kuriositas por presentalo.

13.2.12

O estudo de Escher

Moitas ganas había na blogosfera de que Cristóbal Vila publicase outra xoia como Nature by Numbers.

E non podía escoller mellor idea que a de levarnos polo hipotético lugar de traballo de M.C. Escher:

10.2.12

A noite estrelada

Cando vin este vídeo arredor dun dos cadros máis famosos de Van Gogh pensei: para cando a versión on line?


Eu de vós veríao na web de vimeo en HD e co volume alto, pois a música tamén é importante no fluxo do cadro.

29.12.11

Triangulation

A través do comentario dunha ex-alumna no tuenti (graciñas Sandra!) chego ás figuras xeométricas de Interactive Triangulation. Este proxecto forma parte da web Triangulation, posta en marcha por Emilio Gomariz, deseñador español que traballa no marco da arte dixital.

Por se fora pouco que compartise as súas ideas e traballo no seu blog, podemos ademais embeber estas nos nosos espazos. Como mostra, un botón:





Ide á web, e pasade un anaco enleando coas figuras. Ou remexendo entre as ligazóns, que as hai ben interesantes.

23.3.11

Topoloxías

No mesmo día que lle comentei a un alumno de TIC que desde o punto de vista da Topoloxía estas dúas figuras son iguais (pido perdón aos puristas: o que quería era dicir algo impactante):




Vexo esta instalación, Topologies, na que se transforman as pinturas "Immacolata Concezione" de Tiépolo e "Las Meninas" de Velázquez en figuras triangulares minimais. Un exemplo (podedes ver máis premendo na ligazón do nome da obra):


Topologies (Excerpt) - Velazquez from Quayola on Vimeo.


Aínda que o exemplo máis coñecido da Topoloxía (que tamén mencionei pola mañá) é, sen dúbida algunha, o do donut e a cunca de café, cuxa transformación topolóxica está en Youtube, en só 10 segundos:





O pobre debuxo que está ao comezo deste post é ben sinxelo de entender: soprade dentro da figura irregular, ao final obteredes unha circunferencia, máis ou menos grande. E o tamaño no importa na Topoloxía...

18.2.11

Just for Fun-4


E hoxe dous vídeos, moi distintos pero cada un abraiante á súa maneira:


O primeiro é simplemente arte, pero cando o ves é imposible non pensar nalgún videoxogo (quizais porque hai tantos videoxogos artísticos?)






E o segundo é simplemente incrible:





Esperemos compensar o exame de polinomios que acabo de poñer, e así restituír o equilibrio na forza...