28.2.12

É a correlación, estúpido

Entre os conceptos peor manexados polo público non especializado(xornalistas, políticos,...) atopamos a correlación. Grosso modo poderiamos dicir que dúas variables están correladas (presentan correlación) cando presentan comportamentos semellantes: cando unha crece, a outra tamén, e viceversa. O feito crucial neste ámbito consiste en distinguir correlación e relación causal. É dicir, saber que aínda que observemos que dúas magnitudes A e B se comportan de xeito semellante, isto non implica que A cause B nin que B cause A.

A cantidade de exemplos é infinita: se analizamos unha cantidade grande de variables nunha poboación, imos atopar con seguridade magnitudes correladas. Mesmo se eu observase características ao chou entre os meus alumnos, seguramente podería atopar relacións absurdas, quen sabe se non a haberá entre os alumnos que suspenden a miña materia e os alumnos aos que lles gusta o reggaeton, por poñer dous exemplos de cousas catastróficas (algún día farei un estudo absurdo destes, as consecuencias poden ser terribles).

A ciencia, obviamente, non funciona deste xeito. A mera coincidencia de datos non é suficiente para supoñer unha implicación causal. Aínda que ás veces axuda a atopar relacións previamente descoñecidas.

Deixo aquí a reflexión máis ou menos seria, motivada polo achádego dunha web, Correlated, onde atopan correlacións absurdas como a do 19 de febreiro:

"En xeral, o 17 % da xente di que non recoñecería a fórmula da solución da ecuación de 2º grao se a vise. Pero entre a xente que é boa lembrando datas de aniversarios, o 29% non recoñecería a solución cuadrática se a vise."

Ou a do 14 de febreiro:

"En xeral, o 59 % da xente di que estaba en mellor forma física hai cinco anos que agora. Pero entre aqueles que non saben como facer unha presentación en PowerPoint, esta porcentaxe sobe ao 84%"

Pero sempre hai alguén, xkcd, que pode ser máis irritante no escepticismo ante os datos correlados:

_Eu pensaba que a correlación implicaba causalidade.
Entón fun a unha clase de Estatística. Agora xa non o penso.
_Parece que a clase axudou.
_Ben, pode ser.

Para ver máis exemplos hilarantes de confusión entre a correlación e a causalidade, que mellor que ver unhas gráficas:
Collido de Bloomberg Businessweek

2 comentarios:

  1. Moi bo :) demostrando de novo a correlación entre anumerismo e ignorancia.

    ResponderEliminar
  2. Creo, P., que aí podemos falar de causalidade.

    ResponderEliminar