22.11.15

Outro xogo/problema e aviso a navegantes


Como moitos saberedes, o vindeiro sábado vou dar un dos obradoiros na "Xornada de Matemática Recreativa: As Matemáticas de Coque", organizada por Agapema no IES Eusebio da Guarda, centro coruñés no que traballou o compañeiro homenaxeado, Manuel Pazos Crespo. A miña intervención chámase "Xogos Matemáticos/Matemáticas nos Xogos", e os que ledes habitualmente este blogue xa podedes adiviñar por onde vai discorrer: non hei falar de xogos de estratexia, nin de xogos de azar,... senón de videoxogos, máis ou menos curriculares. A miña quenda vén na sobremesa, agardo non durmir a ninguén, incluído eu mesmo. Se pensades vir, é aconsellable traer un dispositivo que permita xogar on line, e mellor cun teclado , pois os xogos adoitan usar o cursor como executor das ordes. Os que usan móbil/tablet saberán mellor ca min se co teclado virtual "controlan".


Polo comentado antes e para compensar esta eiva, hoxe vou compartir un problema/xogo de estratexia, que vin no fantástico libro The Inquisitive Problem Solver, de Paul Vaderlind, Richard Guy e Loren Larson:


Tic-Tac-Toe

Imaxinade que en troques do tradicional taboleiro do 3 en Raia, xogamos nun que teña unha cela adicional á dereita da esquina superior dereita. Haberá unha estratexia gañadora para un dos dous xogadores de 3 en Raia nesta nova configuración?

   
Se queredes inscribirvos, coido que aínda estades a tempo:

2 comentarios:

  1. Que mágoa me dá estar lonxe da terra e non poder asistir á xornada do sábado :(
    Moita sorte coa túa charla, ha estar ben interesante.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas ;) A ver se lembro, que nun dos xogos pretendo mencionar un certo blogue de construcións xeométricas...

    ResponderEliminar