20.1.17

Matemáticas para Profesorado de Educación Secundaria


Tal é o nome dunha materia impartida na Universidade de Santiago de Compostela polo actual departamento de Matemáticas(Álxebra, Xeometría e Topoloxía, Análise, NEVER FORGET) no Máster de Profesorado de Secundaria. Cando vin que profesores da facultade onde estudei impartían unha materia dirixida a futuros profesores coma min, non puiden evitar analizar os contidos. E isto é o que atopei.

O primeiro que pode ver un da materia é que o seu obxectivo é "Coñecer e reflexionar sobre os contidos máis relevantes das Matemáticas, obxecto do ensino nos distintos niveis da educación secundaria." Nada que obxectar ante ese obxectivo, só que quizais nunha materia de 5 créditos non dea tempo. Vexamos.

Os contidos da materia están organizados en 3 bloques, que aínda que oficialmente non teñen título, poderíamos denominar respectivamente Xeometría, Análise, Resolución de Problemas.
O bloque 1 ten dous apartados, 1.1 A curvatura e  1.2 Xeometría Analítica versus Xeometría Sintética no ensino secundario. O apartado da curvatura fai referencia ao tema 43 da oposición, no que se tratan as proxeccións no plano e os distintos mapas da Terra. Un tema que eu tiven a sorte de estudar na materia Teoría Global de Superficies, en 3º de carreira. Na unidade na que se traballan tales contidos no instituto, en 3º de ESO, faise dun xeito case divulgativo e despois de moitas conversas con compañeiros diría que se tende a minimizar o tempo dedicado a eses contidos por non seren rigorosos nin seren necesarios para o desenvolvemento posterior.
No apartado sobre as perspectivas no estudo da Xeometría, o programa parece obviar dúas cuestións: o feito de que as coordenadas xa se introducen en 1º de ESO, e o estudo elementar de rectas no plano con coordenadas en 2º; e que desde a LOXSE algo(pouco) de xeometría sintética hai no curriculum, non como sucedía na época post-New Math da EXB-BUP.

O segundo bloque ten os contidos Números Reais. Sucesións de números reais. Funcións reais de variable real. Cálculo Diferencial e Integral. Sen saber máis do trato que se lle dá a eses contidos na materia, é difícil valorar se é axeitado. O número real no instituto debe de ser un dos conceptos peor tratados(non se pode facer ben, probablemente), os profesores simplemente agardamos que os alumnos se vaian afacendo ás propiedades que maxicamente van herdando dos números racionais(e que estes previamente herdaron dos enteiros). Como di Hung-Hsi Wu, este é un dos postulados das Matemáticas do instituto(que eu xa mencionara nesta entrada). En xeral estes contidos son máis propios do bacharelato que da ESO(e como os profesores novatos tenden a dar clase só no 1º ciclo da ESO, de moito non lles vai valer ata que se fagan vellos). Quizais quen escolleu estes contidos estaba pensando máis no antigo BUP que na secundaria actual.

O último bloque estuda a resolución de problemas, e ten un feixe de contidos:

3.1 Os problemas en matemáticas. Tipos de problemas. Estratexias e técnicas de solución de problemas.
• Problemas versus exercicios. Tipos de problemas: Problemas recreativos, de concurso e abertos.
• Estratexias na solución de problemas: debuxar figuras e diagramas, examinar casos especiais, formular problemas equivalentes, modificar o problema, cambiar o método de razoamento (contradición).
• Técnicas de solución de problemas: simetría (simetría xeométrica, simetría alxébrica), o principio do extremo, principio do pombal, transformacións e invariantes (paridade, aritmética modular e coloración, monovariantes).
• Uso de software matemático libre na resolución de problemas: GeoGebra, Maxima.

Na miña opinión, parecen máis axeitados para unha preparación de olimpíadas matemáticas e outros concursos que para formar a futuros profesores de secundaria. Sen dúbida, e este blogue é proba abondo, coido que certa formación en resolución de problemas é necesaria, e que é positivo que se faga de xeito regrado, non baseándonos só no autodidactismo e voluntarismo dos profesores. Pero a secuencia invariantes, principio do pombal, principio do extremo, etc. semella o índice dun dos famosos libros que inclúen heurísticos, como Problem Solving Strategies de Arthur Engel, Problem-Solving through Problems de Loren C. Larsson ou o inevitable How to Solve It de George Pólya.
Con respecto ao uso de software, geogebra é seguramente o programa que máis utilizo na aula, tanto na Xeometría como no Análise, polo que vexo necesario que se introduza aos futuros profesores no seu manexo. De novo, o que se poida facer nesta materia será escaso claramente. En canto ao Maxima, é obvio que se tenta apoiar o uso de software libre tamén nos programas de cálculo simbólico, fronte aos comerciais Derive ou Mathematica. Como contrapartida, Maxima non ten a repercusión no ensino daqueles(polo mesmo que Libre Office non ten a de Microsoft Office ou mesmo Linux a de Windows). Eu adoito utilizar nas clases a demo do Wiris, que está dispoñible on line e depende de Java, aínda que non sexa software libre.

Para rematar, aínda que agradezo a existencia desta materia, coido que posúe certa tendencia ao anecdótico. Cando atope un anaco hei buscar as demais materias do Máster de Secundaria, xa que no programa de enriba acho en falta máis didáctica da materia. Tendo en conta que o coñecemento da disciplina queda máis que probado ao estudar a carreira e que as xeneralidades pedagóxicas están afastadas da práctica cotiá, probablemente a necesidade máis perentoria dun futuro profesor sexa o coñecemento da didáctica específica das Matemáticas (o que se deu en chamar Pedagogical Content Knowledge in Mathematics Education, PCK, que xa está discutido, como non). Quedades emprazados.

2 comentarios:

  1. Eu fixen o Mestrado na UDC, pola especialidade de Tecnoloxía, na que hai unha materia de Didáctica da Matemática. O máis interesante é que das dúas docentes que impartían a materia, unha delas é profesora de Matemáticas nun instituto, co que nos puido contar de primeira man experiencias, problemas para a implantación da LOMCE no seu centro e, en xeral, que implica a docencia no día a día. O resto, a verdade, pouco me aportou. Aquí está a guía docente da materia:

    https://guiadocente.udc.es/guia_docent/index.php?centre=652&ensenyament=652602&assignatura=652602223&fitxa_apartat=3&any_academic=2016_17&idioma_assig=&any_academic=2016_17

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois o certo é que os contidos teñen boa pinta. Habería que ver o desenvolvemento, por exemplo, do apartado "Materiais e Recursos Educativos". Iso no antigo CAP non aparecía por ningures, tamén é certo que daquela os recursos en internet eran moi limitados.

      Eliminar