27.6.20

A selectividade do 79


O outro día, nunha conversa no grupo de whatsapp do departamento do meu anterior instituto (en efecto, isto existe, e de feito para min é algo moi positivo), a miña xefa de departamento aló compartiu imaxes dun vello libro de exames de selectividade baixo a Ley Villar-Palasí. E saíron á palestra exemplos ben interesantes, como este do 78/79:


Selectividade Matemáticas 78/79
A xeometría non euclidiana da foto non é como a das que
mandaban os alumnos no confinamento, que isto é un libro

Varias cousas chaman a atención:
  1. O exame é breve. Moi breve comparado co actual. Non sei canto tempo lles darían aos mozos para facelo.
  2. Non hai Probabilidade nin Estatística. Nin os malditos sistemas de ecuacións dependendo dun parámetro. Nin ecuacións matriciais.
  3. A teoría da opción A non podería caer hoxe en día, pois as preguntas que poden caer están restrinxidas a catro teoremas. Entre eles, está o de Rolle, que aparece na opción B. Por certo, a distancia dun punto a un plano é unha cuestión moi axeitada... se requerise razoar por un mesmo a fórmula final. Como todos sabemos, se estaba incluída nunha lista de posibles cuestións teóricas, pasaría a ser simplemente un ítem que "chaparse".
  4. A pregunta 2 da opción A, sobre aplicacións lineais e a súa representación matricial, xa non podería aparecer cando fixen eu a selectividade, no 95, e hoxe é propia dun 1º curso de calquera grao de ciencias/tecnoloxía. Non é evidente que os dous subespacios teñen dimensión 1?
  5. A pregunta 3 tampouco podería caer agora, e de novo é propia dun 1º curso de grao. Gústame a parte na que fala da pendente da tanxente, polo de preguntar por algo coñecido expresándoo dun xeito alternativo.
  6. A cuestión 2 da opción B deixa claro que querían que os alumnos soubesen acotar integrais co ben coñecido $m(b-a) \leq \int_{a}^{b}f(t)dt \leq M(b-a)$
  7. E coido que actualmente a primeira parte da cuestión 3-B resultaría estándar, mais a segunda, na que pide unha familia de planos, quizais presentaría máis dificultades que o exercicio tipo de Xeometría da ABAU. 
Cando teña tempo hei revisar outros vellos exames de selectividade. Ver exames, mellor se son doutros países, e se pode ser antigos, é un pasatempo freak que manteño. 

0 comentarios:

Publicar un comentario