18.11.11

Matthew Weathers, outra vez

Levaba varios días atento ao profesor de Matemáticas máis mencionado neste blog (agás eu mesmo, claro está). Pois arredor de Halloween Matthew Weathers sempre fai algunha broma nas súas clases na Universidade de Biola, en California. Se non chegastes a ver as dos anos anteriores, aquí están:


Este ano, en troques dun vídeo subiu dous, pero ningún coa temática do Halloween.


  • No primeiro tenta explicar a idea da "inattentional blindness" (cegueira por inatención)



  • E no segundo, fala dos símbolos do Thanksgiving:

15.11.11

Time lapse da NASA

Súmome (cun certo retraso) á blogosfera engadindo este alucinante vídeo montado con imaxes tomadas desde a Estación Espacial Internacional desde agosto ata outubro de 2011. Na páxina de vimeo aparece unha pequena explicación sobre a montaxe, entre outras cousas comentan que a altura aproximada desde a que están tomadas as fotografías é de 350 quilómetros (o que pode servir como base para o típico problema de xeometría-trigonometría sobre a distancia que se pode ver no globo terráqueo desde esa altitude).
Sen máis dilación, o vídeo:


10.11.11

Chiste matemático (nivel 2)

Hai case un mes que lin un post nun blog español chamado Zurditorium unha colección de chistes matemáticos, algúns ben coñecidos e outros que aínda nunca lera nin escoitara. Un dos novos (para min) foi este que a continuación reproduzo modificado para vacilar aos meus alumnos:

"Cada vez que un usuario de tuenti decide abandonar esa rede social e crea unha conta en facebook, a media do cociente intelectual de ámbalas dúas redes baixa"


Que vos parece? Ten bastante mala idea, na miña opinión, no que se refire ao usuario medio de tuenti. Aínda que non é boa idea ter só en conta o valor medio cando consideramos datos, pensade se non no seguinte caso:

"O galego medio ten un testículo e un ovario"

Ou aínda mellor:

"O galego medio ten menos de dous brazos"

Pregunta relacionada: Que sucederá se un usuario coma min, que ten conta nas dúas redes, decide abandonar as dúas? Sobe o CI nas dúas, sobe nunha e baixa na outra, ou baixa nas dúas?


Case o esquezo: o post orixinal, aquí.

5.11.11

Blockage

Revisando os feeds sen ler do google reader descubrín que publicaron a segunda parte dun xogo, Blockage, ao que non lle prestara atención cando fora lanzado, hai xa un ano. De tal xeito que, ao ver a secuela, decidín xogar en primeiro lugar o xogo orixinal (non podo evitar ir por orde, aínda en xogos coma este, sen historia de ningún tipo, puro puzzle).
A conclusión é que o Blockage é un gran xogo, dos que fan quentar as neuronas cun número mínimo de elementos na pantalla. Por exemplo, nesta fase tiven que pensar máis do que esperaba:



A única mágoa é que só ten vinte fases. O bo: que xa temos dispoñible a segunda parte.

1.11.11

Outro test de Educaplay

Hai uns días fixen este test sobre divisibilidade en educaplay. Consta de dez preguntas escollidas ao chou dun pequeno (moi pequeno) banco de preguntas que estiven a cargar na plataforma. Hai algunha pregunta capciosa por enleada, pero aínda así é sinxelo chegar ao 70% de acertos que require para ser aprobado.