14.3.13

Cousas que só atoparás nun libro de texto


Seguramente ao lerdes o título moitos pensaredes no tradicional problema no que alguén merca 50 sandías ou algo así. Non é o caso, unha busca rápida en google fai que variemos a nosa opinión:

En efecto, existe, pero quizais non estea
homologado pola escasa visibilidade
No folklore propio dos libros de texto podemos atopar:

  • xente que cobra por andar camiños (isto xa está demodé, por sorte);
  • irmáns que reciben cartos dos seus pais de xeito inversamente proporcional ás súas idades;
  • labregos que coñecen a superficie da súa leira mais non o seu perímetro;
  • parellas de curmáns que van ver á súa avoa cada 5 e 7 días, co obxectivo implícito de non coincidir moito, supoño;
  • gandeiros que non adquiren máis penso aínda que merquen 30 vacas...
E moitos outros máis que calquera que estudase na antiga E.X.B. ou na actual E.S.O. podería proporcionar.

Porén quero salientar outro tipo de estupidez que adoita aparecer nos libros de texto: a ficción narrativa que mora nos prólogos das unidades didácticas, eses textos imprescindibles que teñen menos lectores que os contratos de uso de software (as introducións das leis educativas tampouco desmerecen).

Deixo aquí un exemplo que me chegou á alma:


Que lle pasa a Laura para ter esa cara?

Aínda que o texto completo tería que formar parte das escolmas da boa literatura mundial contemporánea, a parte enmarcada é sublime. A maioría dos alumnos tecleando na calculadora observan que poden poñer letras e por tanto (nivel 2) palabras, mais esta Laura ve definicións de funcións.

Non podería rematar sen comentar unha teima persoal: cando empezou a haber o erro de separar suxeito e predicado cunha coma? Nin sequera podemos botarlle a culpa aos móbiles...

0 comentarios:

Post a Comment