14.7.09

Wolfram Alpha



Ben, algún día tiña que falar deste novo recurso, que foi publicado xa o 18 de maio.
Dábame un pouco de preguiza, pois hai demasiadas cousas que contar de Wolfram Alpha. Neste post hei contar unhas poucas sobre este motor que lembra aos que andamos con cousas de Matemáticas automaticamente a dúas cousas: a linguaxe de programación-software de cálculo simbólico Mathematica e a web Wolfram MathWorld

Unha queixa que reitero en moitas ocasións consiste en que os alumnos que tiven non se desenvolven axeitadamente en contornos informáticos inmediatos: buscadores, blogs, wikipedia,...
Quizais Seguramente son un esaxerado, pero non é a primeira vez que vexo algún alumno escribindo no campo de busca de google como se google fose un venerable ancián da montaña ou un oráculo que contesta preguntas, e non un mero motor de busca que pescuda en páxinas webs resultados coincidentes (isto por simplificar as cousas, que hoxe non teño pensado falar de google). Refírome a escribir preguntas no campo de busca, do estilo: Que son ángulos complementarios? ou Que é o baricentro?, por poñer exemplos deste ano. En moitas ocasións o google dá como primeiros resultados enlaces á wikipedia, onde efectivamente, despois de ler un anaco de texto (horror!) poden atopar o que estaban a buscar.

Pois ben ,Wolfram Alpha si resposta preguntas, de feito na wikipedia está definido como un "answer engine", en oposición aos "search engine" que todos coñecemos practicamente desde que comezamos a utilizar a rede. Tampouco esperedes a Pitia de Delfos, está enfocado esencialmente a cuestións científicas. Pero en troques de explicar en abstracto que é o Wolfram Alpha, vexamos que fai, para o que vou poñer un par de pantallazos (clic para o enlace á páxina) de certas pescudas. Imos aló:

Unha busca obrigada,o ubicuo número π:


Un matemático ao chou, Galois:


Cambiando de tema, o protón:

Pero, sede sinceros, que é o que busca todo o mundo nun dicionario novo? Iso non o vou facer, pero si vou buscar outro tipo de cousas, Superman


Non era o que esperaba, vaia. Sigamos xogando, que pasará se busco A Rúa de Valdeorras?

Vaia: que cousa máis rara, Delaware!
E para pescudas que proporcionan demasiados resultados para facer un pantallazo, deixo os enlaces, sempre tendo en conta que a palabra está traducida para que o Wolfram a entenda:
Podedes probar vós outras pescudas e comentar aquí os resultados.

Póñovos tamén enlaces a blogs que comentan o uso do motor e incluso o seu "sentido do humor":
En Gizmodo: "Wolfram Alpha is actually a frustrated stand+up comedian"
En Microsiervos: "Wolfram Alpha: una recopilación de conocimientos a modo de buscador"
O que opina un matemático de primeira liña sobre este recurso, Timothy Gowers no seu blog: What is Wolfram Alpha good for?


Aproveitando que estou a actualizar, a ver se alguén se anima a resolver este problema (agora non lembro onde o vin):

Na miña rúa hai entre 1 e 15 casas, numeradas 1,2,3... O número da miña casa cumpre unha propiedade curiosa: a suma dos números anteriores a ela coincide coa suma dos números posteriores a ela. Cantas casas hai na miña rúa e en cal vivo eu?



E para rematar, botádelle unha ollada a este enlace que atopei, no que aparecen as casas do mundo que están nas localizacións máis precarias: Highly Precarious Cliff and Mountain Houses.

2 comentarios:

  1. Javier 3º - 4º7/16/2009 11:17:00 p.m.

    Ola JJ, que tal che vai por ahi? Fará bo tempo...
    Eu disfrutando das vacacións,cóntoche:
    Pola mañá, clases de tenis; pola tarde, piscima e despois botamos un partido de tenis miguel e mais eu, e pola noite, pois no ordenador ou vexo algunha serie.
    PD: Que quede claro que eu tamen axudo nas tarefas da casa todolos dias.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Ola Javi! O tempo non é moi bo,non, a ver se mellora a semana que vén. Hai tempo que non te vexo no PR2.

    ResponderEliminar